Unha mirada particular é unha mostra que acolle unha escolma de obras pertencentes á colección de Carlos Rosón, fundador e presidente da Fundación RAC. Deste xeito, a Galería Vilaseco Hauser abre unha liña de programación na que pretende achegar ao público ao mundo do coleccionismo desde distintas perspectivas. Nesta ocasión pódese ver o enfoque e a traxectoria de Carlos Rosón, a través das pezas que el mesmo seleccionou para a mostra.
Entre as obras de artistas galegos coexisten a figuración en gran formato dun cadro de 1984 de Menchu Lamas, unha Paisaxe de 1992 de Antonio Murado, ou dous debuxos, Un domingo e Hércules, do escultor Francisco Leiro. Outra vía fai concurrir traballos entre o pictórico e o escultórico, con obras de Imi Knoebel, Ugo Rondinone, Andreas Slominksi e Txomin Badiola. E, por último, un capítulo fotográfico con imaxes de Sarah Jones ou de Esko Mannikko, así como a singularidade dunha caixa de luz de Antoni Muntadas, do seu work in progress, sempre arborescente, On Translation.
O propio Carlos Rosón apunta que "a proposta de mostrar unha parte da nosa colección nun espazo cuxa misión é divulgar e difundir a actual produción artística contemporánea parecéume tan interesante como desafiante, porque as coleccións contan sempre unha historia". E así lembra como na Fundación RAC, "a historia comezou cunha mostra de arte español contemporánea que se puidera ver na Deputación de Pontevedra nos anos oitenta. Foi a partir daquela exposición onde descubrimos unha serie de artistas cuxo traballo chamou a nosa atención e coa que, por vez primeira, concibimos a idea de iniciar unha colección, xa que ata aquel momento a adquisición das obras efectuábamola unicamente en función de que foran visualmente atractivas, pero sen ningunha conexión entre elas".
Fonte: Galería Vilaseco Hauser