Atalaia

Vari Caramés. Serie Escenarios. 2007
> Vari Caramés. Ritmo Mareiro
Datas: 12/02/2013 - 26/05/2013

Artistas

Vari Caramés

Descrición

Ritmo Mareiro comezou a súa itinerancia na Sala Rekalde (Bilbao) e remata no Kiosco Alfonso (A Coruña).

Ritmo mareiro é unha metáfora do paso do tempo que resume tanto a traxectoria do fotógrafo desde o arranque dos anos 80 ata a actualidade, como as súas principais referencias, iconografía e estética. A exposición repasa as series máis significativas do autor e desempoa algunhas fotos inéditas.

Vari comezou a súa carreira aos 15 anos, e desde entón segue investigando e experimentando sen que a súa curiosidade minguase un chisco e mantén un pacto coa súa cámara analóxica, para que a visión de ambos dea como resultado unha fotografía desenfocada que asombra e namora.

Vari Caramés emprega a fotografía achegándose á súa relación coa pintura. A imaxe como documento queda relegada a un plano invisible, e son os aspectos formais aqueles que cobran o protagonismo.

O autor forza así o distanciamento entre significante e significado, procurando imaxes neutras que oscilan entre o figurativo e o abstracto, á vez que incorpora á súa filosofía visual o cotiá. As súas fotografías atópanse entre os fondos de importantes coleccións, tanto privadas como públicas: Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (Madrid), Círculo de Belas Artes (Madrid), Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela), Instituto Valenciano de Arte Moderna (Valencia. Colección Gabriel Cualladó) ou Colección MACUF (A Coruña), entre outros.

 

Fonte: Concellería de Cultura da Coruña