Atalaia

Misha Bies Golas. Sen título. 2013. Foto: cortesía MARCO/Enrique Touriño
> Veraneantes
Datas: 11/10/2013 - 08/06/2014

Descrición

 Veraneantes é unha mostra de produción propia cuxo título alude a esa condición de reencontro que supón un proxecto circunscrito ao noso contexto máis próximo. Na súa acepción literiaria, remítenos á peza teatral Veraneantes que Maximo Gorki estrenou en 1904 na que se transmitía a necesidade de cambio na sociedade rusa pre-revolucionaria nun mundo en transformación, onde os personaxes, reunidos en torno a unha discusión, mostran como o ser humano adquire conciencia da súa capacidade para transformar o mundo que o rodea. Un panorama das relacións humanas, das dificultades para o entendemento, a comunicación e a convivencia, entre a reflexión intelectual e a axitación cívica.

Esta exposición presenta un conxunto de obras en múltiples formatos e soportes, distribuídas por todos os espazos da planta baixa do MARCO, incluíndo zonas de tránsito de visitantes no interior e o exterior do Museo, como a peza sonora de Miguel Prado na fachada, as intervencións de Mar Vicente no vestíbulo, de Misha Bies Golas diante da porta principal, e de Doa Ocampo en todo o perímetro dos seus muros. Ou o proxecto de Enrique Lista, que se formaliza en tres ámbitos de actuación: a exposición en sala, o menú do restaurante do MARCO, e a web do Museo.

A relación dos artistas cun territorio —Galicia— fai xurdir cuestións sobre o que significa a pertenza a un lugar, especialmente nun momento como o actual, no que a mobilidade e os fluxos de información reconfiguran constantemente o concepto de identidade, e cando a análise cultural —ou transcultural— excede calquera delimitación xeográfica. Nun contexto formativo globalizado, sen urxencia por absorber os debates sobre o peso da tradición ou o cosmopolitismo doutras décadas, os artistas amplían os seus referentes e, á vez, apréciase unha reflexión constante sobre o seu propio contexto, tamén dende a distancia. A maioría dos participantes non viven dentro ou fóra, senón entre dentro e fóra dun territorio de tránsito, xa sexa físico, mental ou emocional; e participan, por así dicir, do clima cultural dunha mesma época. Procesos de traballo e buscas individuais que, á vez, deixan translucir un conxunto de preocupacións comúns.

 

Material memoria (Programa de artes escénicas e cine). Comisario: Pablo Fidalgo Lareo

Participantes: El Conde de Torrefiel, Andrés Duque, Gastón Solnicki, Eloy Enciso, Rui Catalão, Patricia Caballero, Xurxo Chirro, Miguel Boneville, Claudia Dias, Ramiro Ledo, Lagartijas Tiradas al Sol, Nicolás Pereda, Olga Novo, Fon Román

Como parte integrante da exposición inclúese un programa de artes escénicas e cine que terá lugar cada fin de semana no Patio 1. O programa-calendario está a disposición dos visitantes na taquilla do MARCO, así como na web www.marcovigo.com.

 

Fonte: MARCO

 

Vídeo do proxecto de Enrique Lista. Peixe en branco. Autor: Gonzalo Enríquez Veloso

Reportaxe sobre a exposición no programa Zigzag (TVG)