A Galería Espacio48 presenta a exposición De paso do pintor Vicente Prego (A Coruña, 1957), formado na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela. A obra de Prego fluctúa entre o conceptualismo e o informalismo de estrutura xeométrica. Nas súas representacións insinúa paisaxes ou interiores onde os obxectos son sínteses de trazos nun ambiente que consegue diluílos. As texturas e materiais son os factores que definen a súa obra, así como a investigación sobre o paso do tempo, e como este determina o resultado final das súas pezas. Un resultado cargado dun lirismo moi persoal, un talante intimista que confire certo misterio e unha intensidade que persiste e que impregna ás súas escenas dunha forte significación. Nesta nova proposta, o artista reflicte as súas impresións sobre paisaxes que lle impactaron, mostrándoos dende unha perspectiva distinta e moi persoal, cubríndoos dunha aura que salienta as cualidades atmosféricas que rodearon a súa percepción. Unha etapa suxestiva, que non deixa de ser un punto intermedio, unha fase de reflexión que el mesmo considera como un momento “de paso”.
Fonte: Galería Espacio48