Atalaia

Virxilio Vieitez. Dorotea do Cará. Soutelo de Montes, 1960-1961. Cortesía Keta Vieitez e Galería Juana de Aizpuru
> Virxilio Vieitez
Datas: 22/10/2010 - 24/04/2011

Comisariado

Enrica Viganò

Descrición

A exposición de Virxilio Vieitez (Soutelo de Montes, Pontevedra, 1930-2008), coproducida con Fundación Telefónica, tén lugar no 2010, dous anos despois da súa morte e cando se cumpriría o octoxésimo aniversario do nacemento do fotógrafo. O seu traballo, analizado a posteriori, adquiriu un indubidable valor artístico e social pola confluencia de diversos xéneros e factores, que o sitúan hoxe entre os grandes da fotografía.

O arquivo de Virxilio Vieitez conforma un importante patrimonio cultural conservado en Soutelo de Montes (Pontevedra), o pobo no que naceu o fotógrafo en 1930 e no que traballou case toda a súa vida. A súa filla, Keta Vieitez, expuxo por primeira vez as fotografías do seu pai nunha mostra autoproducida e presentada en 1997 no seu pobo natal, e que incluía algunhas das que posteriormente serían consideradas as grandes obras de Vieitez. A primeira retrospectiva do seu traballo presentouse en Vigo no marco da Fotobienal, en 1998, comisariada por Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal. Outras mostras posteriores presentaban seleccións limitadas de obras, de entre o material dispoñible.

Para esta exposición, que asume o reto de ofrecer unha visión completa do seu traballo, levouse a cabo unha investigación que tivo en conta a práctica totalidade dos negativos datados entre 1953 e 1980. Analizáronse máis de 50.000 e recuperouse material inédito; caixas seladas e latas que contiñan metros de película xamais positivada despois da súa primeira utilización, isto é, tras o encargo do cliente da época.

Ademais das fotografías xa coñecidas, que podemos considerar clásicos da fotografía española, a exposición inclúe unha serie de traballos inéditos, seleccionados tras un longo período de estudio, capaces de desvelar a orixinalidade que posuía Vieitez á hora de interpretar o xénero do retrato fotográfico. Unha sala está enteiramente dedicada ás fotografías destinadas aos documentos de identidade, realizadas sempre sobre un fondo branco, que ofrecen unha representación etnográfica de gran valor, a través de rostros de persoas que, aínda coa súa singularidade e características propias, compoñen o retrato dun pobo. A exposición conclúe coas primeiras fotografías en cor de Vieitez; obras que marcan o avance dunha época na cal a innovación tecnolóxica coincide con cambios políticos e sociais que desencaixan e forzan tamén a linguaxe fotográfica. O conxunto enriquécese cunha sala biográfica, e a proxección dun documental de José Luis López Linares (RTVE, 2005) con entrevistas a Virxilio e á súa filla Keta Vieitez, que engaden unha nova perspectiva externa a través da incursión no universo do autor.

En 1993 Vieitez concedeu á súa filla liberdade absoluta para o emprego artístico das fotografías, e dende entón seguiuse sempre unha liña encamiñada a garantir unha gran calidade, tanto na impresión coma na selección de obras. As fotografías en exposición son copias modernas realizadas en laboratorios especializados. Nas vitrinas e na sala biográfica exhíbense, xunto a estas e por primeira vez, copias de época positivadas polo propio Vieitez e recuperadas en parte nos domicilios das familias para as que foran realizadas.

Fonte: MARCO