Atalaia

Virxilio Vieitez. Cerdedo. 1959-1960. Cortesía Arquivo Vieitez
> Virxilio Vieitez
Datas: 10/12/2015 - 07/02/2016

Descrición

Nesta exposición Virxilio Vieitez reunense ao redor de 120 obras do fotógrafo grazas á retrospectiva coproducida polo MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, e Fundación Telefónica, que remata a súa itinerancia no Museo de Pontevedra.

O arquivo de Virxilio Vieitez conforma un importante patrimonio cultural conservado en Soutelo de Montes (Forcarei, Pontevedra), o pobo onde o fotógrafo naceu en 1930, onde morreu en 2008 e onde traballou case toda a súa vida.

A súa filla, Keta Vieitez, foi a primeira en comprender o incalculable valor histórico e artístico do material fotográfico do seu pai, que expuxo por primeira vez nunha mostra autoproducida e presentada en 1997 nun espazo improvisado de Soutelo.

O estudo realizado nesta ocasión, grazas ó MARCO e á Fundación Telefónica, tivo en conta a práctica totalidade dos negativos que van de 1953 a 1980. Analizáronse máis de 50.000 e recuperouse material inédito.

Virxilio Vieitez sempre realizou as súas fotografías por encargo, percorrendo Terra de Montes ó longo e ó ancho para fotografar ós seus clientes a domicilio. A súa obra reúne todas as características do fotógrafo rural que documentaba acontecementos e momentos vitais das persoas e familias da súa contorna —desde bautizos ata vodas, primeiras comuñóns ou funerais— pero, a diferenza doutros, tiña un talento especial para conferir solemnidade a cada un dos retratos que realizaba. O seu estilo era inconfundible. Posuía unha capacidade e unha intuición extraordinarias á hora de expor a posta en escena, na que incluía obxectos e suxería poses que ás veces rozaban o surrealismo pero que, a pesar diso, convertíanse logo en fragmentos de verdade, fortemente enlazados coa contorna.

O seu papel de fotógrafo de pobo naqueles tempos —de finais dos anos cincuenta ós setenta— gozaba de gran prestixio e encaixaba perfectamente no carácter dun personaxe especial como Vieitez: intelixente, rápido, competente, instintivo e consciente das súas facultades. Daba ordes ós seus modelos cunha firmeza que non admitía discusión e cunha lucidez que garantía o resultado. “Eu estudaba a papeleta e, cando apertaba o disparador, iso era o tiro seguro”. Virxilio Vieitez non desperdiciaba un disparo, era un profesional máis que fiable, unha aposta segura para os seus paisanos da provincia de Pontevedra.

Dos primeiros retratos de estudo —segundo ditaban os costumes da época— ós que ambientaba ó aire libre, os seus preferidos; das reportaxes de cerimonias ás fotos de tamaño carné para o DNI —unha sucesión interminable de rostros, inmortalizados durante os anos en que se fixo obrigatorio o carné de identidade— e ata os retratos para enviar ós moitos familiares emigrados: Vieitez rexistraba todo iso conferindo un carácter hierático a cada pose, e o conxunto das súas imaxes ofrece hoxe un excelente testemuño etnográfico, que se converte en memoria dun pobo e dunha época.

Fonte: Museo de Pontevedra