Atalaia

Vista dunha sala da Casa da Parra onde se presenta a obra de pequeno formato de Vítor Mejuto.
> Vítor Mejuto. Brión Woogie Boogie
Datas: 19/09/2012 - 28/12/2012

Artistas

Vítor Mejuto

Comisariado

David Barro

Descrición

A Casa da Parra de Santiago de Compostela acolle a exposición da obra pictórica de Vítor Mejuto (Barcelona, 1969), baixo o título Brión Boogie Woogie, con comisariado de David Barro, e que presenta un percorrido pola produción máis recente do autor, así como por algúns dos traballos máis significativos da súa prolífica traxectoria.

A selección de óleos e acrílicos que compoñen Brión Boogie Woogie (título en alusión ao cadro de Piet Mondrian, Broadway Boogie Woogie), dispóñense nas tres estancias que alberga a Casa da Parra a partir da obra El abrazo de la mujer biónica, unha tea de 195 x 195 cm que recibe aos visitantes e dá paso ao resto da colección. A meirande parte dela, datada no presente ano 2012, descubre ao espectador o estilo de cores e formas que caracteriza o traballo de Vítor Mejuto, no que conviven obras de gran tamaño (Blonde on blonde, Orde dórico...), xunto a series (Storyboard, Suite tres x tres...) e pezas máis pequenas (Cinemascope, ou as vinte pinturas de 40 x 40 cm que colgan na sala pequena).

Abstracción xeométrica. A partir do construtivismo e o minimalismo como primeiras referencias, Mejuto ten desenvolvido unha obra que pode enmarcarse dentro da tradición da chamada abstracción xeométrica e está baseada nunha caligrafía persoal que ten como principais referencias o método, o cálculo e a intuición. A investigación sobre cores, liñas e conxuntos xeométricos que buscan novas vías de expansión déronlle como resultado a construción de espazos ordenados nos que o debuxo actúa como xerador de ideas que se renovan de forma progresiva.

A exposición compleméntase cun catálogo que, ademais de presentar parte das obras en exposición e outras fotografías, reproduce unha longa e profunda conversa entre David Barro e Vítor Mejuto, así como uns apuntes biográficos sobre o artista.

Sobre Vítor Mejuto. Aínda que nacido en Barcelona en 1969, Vítor Mejuto vive en Galicia desde a súa infancia. Estudou na Facultade de Belas Artes de Salamanca e desde 1995 as súas creacións teñen sido obxecto de distintas exposicións, tanto individuais como colectivas, dentro e fóra de Galicia. Nos últimos anos compre salientar a súa participación na feira Espazo Atlántico 2010, Vigo, ou a mostra individual na Galería Atlántica, A Coruña. Participou no Salon Réalités Nouvelles, París, en 2011 e 2012. En 2011 foi seleccionado polo pintor Patrick Morrisey para a colectiva de pequeno formato Saturation Point (Gallery on the corner, Londres); e este último ano é incluído na colectiva que celebra o V aniversario do proxecto Eduarte de intercambio entre artistas holandeses e españois.

Na actualidade vive no concello de Ames e traballa en Brión. Á parte da súa traxectoria artística como pintor, Vítor Mejuto dedícase profesionalmente ao xornalismo gráfico, exercendo desde hai uns anos como Xefe de Fotografía en La Voz de Galicia.

Fonte: Casa da Parra / Consellería de Cultura