Atalaia

Christian García Bello. Todo lo que san Lucas no puede pintar, 2010. Instalación, proxección sobre cañamazo de costura
> WATTS
Datas: 02/12/2010 - 04/02/2011

Descrición

Máis alá da formación académica que se desenvolve dentro das aulas e obradoiros da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo), teñen lugar tamén numerosas actividades de carácter práctico e visibilizador dos traballos dos estudantes. É o caso da Sala X, que leva varios anos celebrando exposicións tanto de alumnos como de profesores, unhas veces en propostas ailladas, outras seguindo ciclos xa establecidos, pero sempre coa vontade de amosar as inquietudes xeradas polos estudos e prácticas artísticas.

WATTS é unha exposición que participa destas dinámicas, presentando o traballo de sete alumnos de doutoramento (Miguel Cuba, Christian García Bello, Fran Miguens, Carlos Isla, Eduardo Outeiro, José Andrés Santiago e Ana Seoane), algúns deles cada vez xa máis habituais noutro tipo de citas expositivas dentro ou fóra de Galicia. A mostra, concebida a partir da luz como elemento imprescindible para a percepción, presenta debuxos, esculturas, instalacións, proxeccións, audios, etc., en consoancia coa diversidade de propostas que suxire o tema e as maneiras de abordalo polos artistas participantes.

Fonte: Atalaia / DUVI (Diario da Universidade de Vigo)