Wilfredo Prieto (Sancti-Spiritus, Cuba, 1978) constrúe a súa obra a partir de materiais e obxectos cotiáns dos que se apropia, sen apenas manipulalos, para alterar a súa natureza dotándoos de novos significados. O absurdo e o humor únense á descontextualización duchampiana como estratexias que lle permiten construír un discurso ambiguo -pola sinxeleza da forma e a complexidade de significado- cuxo punto de partida é o espectador. O seu comportamento engade novas lecturas ás pezas superando a autorreferencialidade minimalista e abríndoas a múltiples interpretacións. De carácter conceptual e formalmente mínimas, aínda que narrativas, as ‘intervencións’ de Wilfredo Prieto compórtanse como poemas visuais, froito da redución máxima da idea primeira e da aplicación de xogos de escala ou conceptos básicos do minimalismo como ‘lugar’ e ‘presenza’.
O título da súa intervención no MARCO, Esquerda/Dereita, alude á simetría bilateral do espazo do primeiro andar, con dúas salas laterais exactamente iguais nas súas dimensións e disposición. Wilfredo Prieto realiza unha conexión cun dos paradoxos máis estendidos da historia da filosofía. Según Jean Buridan -filósofo escolástico francés do século XIV-, cando nos atopamos fronte dúas alternativas desexables elixiremos a mellor e, en caso de que sexan iguais, a vontade retrasará esa elección para analizar as consecuencias.
Os satirizadores de Buridan, baseándose na suposta ‘inacción’ que supón equiparar razón e vontade, na súa defensa do libre albedrío e na súa reflexión sobre os límites da liberdade de elección, crearon un paradoxo sobre un asno famento que, ante dous montóns de comida iguais e equidistantes, morrería de fame ao non poder tomar unha decisión. Esa aserción, coñecida como o ‘asno de Buridan’, nos retrotrae a un parágrafo extraído de De Caelo, de Aristóteles: “e o [argumento] do que padece terriblemente de fame e sede pero que dista o mesmo dos alimentos e das bebidas, este, en efecto, se di que forzosamente permanecerá quieto [...]”.
A formalización dos pensamentos de Buridan, ou máis ben da redución ao absurdo das súas teorías, é o punto do que parte Wilfredo Prieto para levar a cabo esta intervención creada especificamente para o espazo do MARCO. A simetría das salas de exposición da primeira planta determina o percorrido e sitúa o espectador no dilema de elixir cara a onde dirixirse, cara á esquerda ou cara á dereita, para atoparse con dúas ‘esculturas’ idénticas de factura minimal, materiais cotiáns de evocación povera e a sutileza conceptual que definen a obra de Wilfredo Prieto.
‘Entrar na obra’ é un ciclo de exposicións que se está a desenvolver nas salas do primeiro andar do MARCO. O título do ciclo está tomado da célebre peza de Giovanni Anselmo Entrare nell’opera (1971), emulsión fotográfica sobre lenzo, na que o artista se fotografa a si mesmo atravesando unha aba nunha acción que interpretamos como reveladora sobre a relación entre o artista e a súa obra e entre o espazo e o tempo. O artista altera o seu papel e xera unha situación de integración, ante a que tamén reacciona o espectador, que, se ben non entra fisicamente na obra, participa sendo testemuña desta ruptura dos límites tradicionais que separan suxeito e obxecto. O significado último reside, pois, na reacción do espectador.
O papel fundamental do espectador no proceso de creación da obra de arte formou parte, nas últimas décadas, de discusións e ensaios. Ao longo do século XX xorden os conceptos de obra aberta, espectador emancipado ou morte do autor, e o rol do público pasa a ser esencial para completar a peza, mediante a súa mera presenza física ou a necesidade de implicarse activamente. O artista xa non é o eixe central do proceso e as coordenadas de percepción márcanas, como escribe Douglas Crimp, non só o encontro entre o espectador e a obra, senón entre ambos os dous e o espazo que ocupan. En que grao necesita o público estar ante a obra? O simple feito de mirar non ten xa valor?
O paradoxo que rodea o concepto de espectador e que o sitúa entre a pasividade e a acción é o punto de partida desta serie de proxectos, que analizan a condición do público como elemento inherente á obra. A relación directa entre ambos os dous, o intercambio físico ou a reciprocidade inmediata xeran unha nova dimensión na que tempo e espazo alteran as condicións da recepción e da percepción.
O ciclo ‘Entrar na obra’ iniciouse con Loreto Martínez Troncoso, para continuar agora con Wilfredo Prieto, ao que seguirán as propostas de Rubén Grilo (Lugo, 1981), Karmelo Bermejo (Málaga, 1979), Judi Werthein (Bos Aires, Arxentina, 1967), e Amaya González Reyes (Sanxenxo, Pontevedra, 1979).
Fonte: MARCO, Vigo