Atalaia

Xulio Gil. Unha vista parcial da súa mostra Capela de Arcos na Sala Alterarte, Ourense
> Xulio Gil. Capela de Arcos
Datas: 28/11/2011 - 20/01/2012

Artistas

Xulio Gil

Descrición

A Sala Alterarte do campus de Ourense non só é un espazo expositivo de arte contemporánea. É tamén unha pequena capela na que os antigos petróglifos se sacralizan para trasladar ao visitante a un tempo no que estes debuxos en pedra eran, non mitos nin manifestacións culturais, senón elementos de relixiosidade. Unha viaxe no tempo que é posible grazas á exposición Capela de Arcos, do fotógrafo Xulio Gil e do comisario Xosé Enrique Acuña. Constitúe así a sexta mostra que alberga Alterarte dentro do ciclo Estado Crítico. 10 comisarios / 10 artistas, concibido por Xosé Manuel Buxán.

Capela de Arcos está formada por unha serie de fotografías de diferentes espirais, labirintos e redundancias de petróglifos galegos, nos que o creador detivo a súa curiosidade pola súa formación matemática. Segundo salientou Xulio Gil (Ourense, 1954), houbo un tempo no que esas formas xestionaban a comunicación co trascendente das persoas, pero a chegada doutras relixións fixo que os petróglifos perderan o seu valor relixioso e pasasen a ser espazos míticos e culturais. Coa disposición das fotografías e da propia sala como se fose unha capela, o autor quixo devolverlles o seu valor espiritual.

Na súa aposta expositiva, explicou o creador, tamén influíron os cambios vividos pola arte e a fotografía nas últimas décadas, "nas que se pasou do analóxico ao dixital, da obra única ao concepto e de ser fotógrafos a ser artistas, pois a técnica xa non é o que define a obra". Nesta transformación, Xosé Enrique Acuña engadiu que a produción artística de Gil foi evolucionando ata converterse no primeiro fotógrafo contemporáneo galego que amosou a súa obra nun museo, o de Pontevedra. O comisario, que apuntou a fascinación que os petróglifos espertaron en diferentes creadores galegos ao longo da historia, advertiu que a mostra de Gil tamén pon luz ao misterio que rodea aos petróglifos, unhas veces visibles para as persoas pero outras ocultos.

Por tratarse dunha mostra fotográfica e polas datas de celebración, a exposición Capela de Arcos enmárcase tamén dentro da programación do Outono Fotográfico, polo que o seu creador quixo facer unha especial lembranza a Benito Losada, que foi promotor desta iniciativa e director da Casa da Xuventude de Ourense durante moitos anos.

Fonte: Rosa Tedín (DUVI, Diario da Universidade de Vigo) / Sala Alterarte. Campus de Ourense.