Ser un tributo visual á vaca, explicar cómo vive, de que vive e quen vive dela, e pór en valor o sector gandeiro galego, é a razón de ser da exposición No país das vacas, do fotógrafo Xurxo Lobato (1956, A Coruña), que se ofrece no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.
A exposición, patrocinada por Larsa, conta con 132 imaxes da autoría do fotógrafo coruñés que foxen do bucolismo para adoptar un carácter divulgativo que sitúa á vaca como referente do desenvolvemento rural. A mostra pretende contribuír con estas imaxes a que a cidadanía tome conciencia da riqueza económica e social que a vaca xera en Galicia.
Unha visión completa sobre o aproveitamento económico da especie, dende a tecnoloxía aplicada nas granxas, ata as vacas como obxecto de investigación nas universidades, que pasa pola variedade de razas autóctonas, a industria láctea e a da carne, ou a gastronomía, e que se complementa cun tributo ao animal que é icona cultural galega. Así, aparecen na exposición de Lobato vacas de pasarela, pero tamén aquela vaca que Castelao cría merecente de estampar o papel moeda galego "como símbolo da nosa economía humanamente distribuída".
A exposición, en módulos moi visuais, complétase con textos e reflexións que arredor da vaca fan recoñecidos persoeiros de Galicia, como Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Ramón Villares, Rosalía Mera, Miguel Anxo Seixas ou a crítica de arte Fátima Otero, entre outros.
Tras o seu paso por Santiago, a exposición poderá verse en Ourense, Vilagarcía de Arousa, Silleda (durante a Semana Verde de Galicia), Vigo, A Coruña, Pontevedra e Lugo.
Fonte: Museo do Pobo Galego