Atalaia

31 Bienal de Pontevedra. Pancarta no Museo de Pontevedra
> 31 Bienal de Pontevedra. Utrópicos: Centroamérica e Caribe
Datas: 04/06/2010 - 12/09/2010

Comisariado

Santiago Olmo

Descrición

Baixo o título UT(R)ÓPICOS, a XXXI edición da Bienal de Pontevedra (2010), dedícase aos países de Centroamérica e do Caribe. Unha palabra coa que se quere unir os conceptos de utopía e trópicos para subliñar a conexión entre un espazo xeográfico, que a historia asociou ao paradisíaco, e os proxectos de transformación, emancipación e modernidade que desde ese espazo se produciron. É unha Bienal na que se continúa a liña seguida en edicións anteriores sobre o multiculturalismo e o diálogo interterritorial, superador de visións localistas, que ofrece un novo discurso da provincia e que pretende resaltar o papel que Pontevedra tivo na historia e ten na actualidade como o auténtica ponte de culturas e de civilizacións.

A Bienal de Pontevedra 2010 artellase en varias microexposicións:

Ida e volta. Percorrido polo contexto histórico-artístico dos países da área en relación con Galicia, a través de artistas como Castelao, Arturo Souto, Maruja Mallo ou Eugenio Granell, entre outros.

El aguacero, la siesta, el cañaveral, el tabaco. Temas asociados ao traballo e á economía (as plantacións, o azucre, o bananeiro, a república bananeira, etc.), á pegada das revolucións de Cuba e Nicaragua, ós discursos postcoloniais, etc.

Migracións: Mirando ao Sur. Proxecto expositivo producido pola Axencia Española de Cooperación sobre o tema da emigración.

Friccións. Un apartado no que se suscita un diálogo entre os fondos da colección histórica do Museo de Pontevedra e os artistas e obras contemporáneas.

Arquivacción. Percorrido polas prácticas da performance que tiveron un gran desenvolvemento en toda a zona centroamericana e que ofrece unha reflexión social a través do vídeo documental e fotográfico.

Tras-misións. Selección de artistas novos a partir do traballo formativo desenvolvido por proxectos independentes de carácter educativo e impulsado por artistas locais de traxectoria internacional consolidada. O punto de partida serán as Misións Pedagóxicas da II República, algúns de cuxos impulsores se exiliaron a América trala Guerra Civil española.

Todas estas exposicións compleméntanse con outras intervencións artísticas que, en formato de instalacións, abordan temáticas relacionadas coa memoria, o sociopolítico, o medio ambiente e a natureza. Ademais, ofrécese unha extensa programación de actividades con seminarios, debates, conferencias, accións, performances, ciclos de cine e vídeo, concertos, e outras manifestacións.

A Bienal de Pontevedra 2010 ten como núcleos expositivos o Museo de Pontevedra e a zona portuaria de Vilagarcía de Arousa.

Fonte: Deputación de Pontevedra