Este volume colectivo -493 páxinas, 18 artigos e 18 autores-, cuxa edición corre a cargo de Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, recolle as actas do Congreso Internacional Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía, celebrado entre o 6 e 9 de abril de 2010 na Fundación Luís Seoane (A Coruña) e no Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela), dentro das diferentes actividades celebradas coa ocasión do primeiro centenario de Luís Seoane (Bos Aires, Arxentina, 1910 - A Coruña, 1979).
Información do congreso: http://consellodacultura.org/mediateca/evento.php?id=180
ÍNDICE:
8. Presentación
14. Ramón Villares. Un congreso para Seoane. (Introdución)
29. Beatriz Sarlo. As Arxentinas de Seoane. (Conferencia inaugural)
51 - De Galicia a Arxentina: entre a emigración e o exilio
53. María Luísa Sobrino Manzanares. O fardel galego de Seoane ata 1936
75. Hernán M. Díaz. Institucións da colectividade galega e redes culturais (1940-1960)
89. Xosé M. Núñez Seixas. Política dos exiliados e política dos emigrados
121. Fernando J. Devoto. Cultura e política entre dous mundos: o exilio galego na Arxentina, os debates intelectuais e as tramas de sociabilidade (1936-1963)
155. Luis Alberto Romero. Exilio galego e política arxentina (1936-1976)
179. Diana B. Wechsler. Converxencias, complicidades. Luís Seoane nas redes da cultura antifascista
195. Rodrigo Gutiérrez Viñuales. Luís Seoane. Unha valoración desde a arte arxentina
215 - De Arxentina a Galicia: un proxecto global
217. Xosé Luís Axeitos. A "descoberta" de Galicia por Seoane: unha cultura, un pobo
243. Manuel Castiñeiras. A arte medieval como esencia da modernidade
281. Rosario Portela. A Idade Media na obra escrita de Luís Seoane
311. Arturo Casas. O compromiso como posición no campo cultural. Luís Seoane no campo cultural galego
339. Xosé Luís Mëndez Ferrín. Seoane no Fondo dos Espellos. Notas para un libro de memorias que se cadra non escribo
353. Justo Beramendi. O exilio e os galeguistas do interior: acordos e disidencias (1940-1970)
389. Antón Patiño. Seoane e o Laboratorio de Formas
423. Ramón Villares. As Galicias de Luís Seoane, co exilio de fondo. (Conferencia de clausura)
467. Anexos. Bibliografía Luís Seoane. Por Antonio Odriozola e Carmela Montero
O obxectivo deste libro foi casar as dúas beiras do océano Atlántico nunha ollada partillada que construíse a Luís Seoane como unha figura única, na que nin a súa versión galega nin tampouco a súa fasquía arxentina poidan explicarse de forma illada. Como lle confesaba ao seu amigo Lorenzo Varela, pintando "puedo unir las realidades de Galicia y de este país". El era un arxentino retornado pero, ao tempo, un emigrante que procedía dun país afastado e soñado. De par deste obxectivo común camiñou tamén a vontade de facer unha achega prioritaria ao Seoane intelectual, antes que ao artista, ao creador literario e mesmo ao promotor de iniciativas editoriais e empresariais. Porque se algo define a Seoane é a súa faciana de intelectual, esa estirpe de individuos que floreceu con forza a principios do século XX na cultura occidental e que acadou o máxio esplendor nas décadas centrosas da pasada centuria. Ser intelectual significaba intervir na vida pública, a través da obra persoal coa pluma, a palabra, o pincel ou a partitura musical, sen dependencia dos estados e das administracións. No contexto de exiliados como Seoane e de resistencia cultural como estaban as xentes do interior, o papel do intelectual foi decisivo para a construción dunha saída democrática para a ditadura franquista.
Fonte: Consello da Cultura Galega