Lugar: Auditorio da Ramallosa
Cidade: Teo
A nacionalización de Bankia, a estampida de presidentes de bancos, e o recente rescate a España son algúns dos temas que se abordarán durante a próxima Ultranoite, que se celebrará no Auditorio da Ramallosa os días 15, 16 e 17 de xuño coa participación de membros do grupo Chévere e dunha chea de artistas convidados.
As ultranoites son un formato propio de Chévere, un cabaret de variedades que dende hai máis de vinte anos fai una particular crónica da actualidade en clave de humor. Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Carlos Blanco, Mónica García, Arantza Pinheiro, Marcos Ptt Carballido, Pablo Reboleiro, Carlos Meixide, Tomás Lijó e Pepe Penabade serán os actores encargados nesta ocasión de facer rir ao público a costa da actualidade.
Ademais, contarase, coma sempre, co acompañamento musical da Ultrabanda, formada por Xacobe Martínez Antelo, Manuel Cebrián e Max Gómez.
As entradas para a Ultranoite están xa á venda en Redenasa.tv, así como no bar A Santa Sede (A Ramallosa), A Senra (Pontevea) e A Capilla (Calo). Ofrecerase un servizo de Ultrabuses, que o venres e o sábado pola noite se encargará de transportar a aquelas persoas que o desexen de Santiago á Ramallosa e de volvelas levar unha vez rematada a función.
Máis información