lg3
inicio » lg3 » críticas

CRÍTICAS / 336

SOBRE O LIBRO"O CRIME DE PARDESOA"
Máis alá do asasinato
Na madrugada do 23 de novembro do ano 1897, a aldea do San Marcos, pertencente á freguesía de Pardesoa, no concello pontevedrés de Forcarei, converteuse en escenario dun crime horrendo. A investigación hemerográfica sobre o acontecido feita por Calros Solla achega un coñecemento que vai máis alá do asasinato amosando unha radiografía da sociedade galega, do progreso e avance social que estaba a acontecer e da construción dun sistema de goberno semellante ao europeo.


SOBRE O LIBRO"A ILLA DE TODAS AS ILLAS"
Un libro dendrítico, por Xavier Queipo
O escritor Xavier Queipo, desde o seu coñecido vencello coa literatura do mar e de aventuras, comenta este libro co que Xabier P. Docampo quixo render tributo con esta historia a todos aqueles fermosos libros de aventuras cuxas historias sucedían nunha illa deserta ou aparentemente inhabitada, obras que mantiveron, como di no epílogo, «o meu corazón alterado, as miñas emocións abrollando coma fontes da alma e moitas horas entregadas á lectura cando llelas tiña prometidas ao sono ou ao estudo».


SOBRE O LIBRO"PONTEVEDRA NOS ANOS DO MEDO"
Introspección da represión: as formas, as vítimas e os vitimarios
O 18 de xullo de 1936 cambiou a historia de España. Resultado de varios anos de investigación, neste traballo Pepe Álvarez móstranos como se desenvolveu o golpe de estado e a posterior represión sobre a cidadanía pontevedresa por parte dos poderes que secundaron a ruptura violenta da legalidade.


SOBRE O LIBRO"TODO SOBRE O FúTBOL GALEGO"
Algo máis que fútbol
Unha visión panorámica do fútbol en Galicia, un enfoque que permite ver en perspectiva e dun xeito ecuánime a historia deste deporte desde os seus inicios até os nosos días. Estamos ante un fenómeno de masas que vai máis alá do deportivo. O fútbol define xeitos de asociación voluntaria por parte dos que o practican e, sobre todo, dos afeccionados, onde non só acontecen intercambios de experiencias comúns, senón tamén onde se forxan identidades e solidariedades novas que van máis alá da pertenza á un partido político, vila ou relixión.


SOBRE O LIBRO"FANECA BRAVA"
A verdade como caída
A familia Pereira, o clan de Concha, alicerzaba a súa identidade na gran mentira da aparencia. Só Fernando foi quen de buscar a verdade da súa curmá. A historia da Faneca Brava non é das que se escriban con pomposas letras maiúsculas, pero é tan real e intrigante que enche ao lector ou lectora do desexo de pescudar toda a verdade sobre esa «ovella negra» dunha familia que a fixo desaparecer da súa existencia.


SOBRE O LIBRO"CARNE DE LEVIATáN"
Cando as palabras non existen
A poesía de Chus Pato reafírmase como discurso inclasificable para o que non existen (nin existirán) adxectivos que o describan, signos de puntuación que o limiten ou lecturas que o reduzan. Este libro sitúanos na fenda existente entre o mundo prelingüístico e o mundo configurado, segundo o mito, a golpe de voz. Carne de Leviatán poderá ser bestiario, mito, pléroma, cuestionamento ou revelación pero nunca poderá ser peche.


SOBRE O LIBRO"FIN DE POEMA"
O avance do silencio
Fin de poema é o terceiro libro de Juan Tallón publicado en galego e gañador da XIX edición do Premio Lueiro Rey de Novela Curta. Unha obra na que o autor tece datos biográficos e ficción para recrear os últimos momentos na vida de catro poetas antes de que se quiten a vida, catro voces célebres e de referencia na literatura occidental: Cesare Pavese, Alejandra Pizarnik, Anne Sexton e Gabriel Ferrater.


SOBRE O LIBRO"A CEA"
A impostura
Premio Novela Europea Casino de Santiago 2011
O autor sérvenos en bandexa unha reflexión sobre o que fariamos se descubriramos que os nosos fillos veñen de cometer un crime inxustificable. Encubririámolos? Entregariámolos á policía? Sentiriámonos en parte responsables do que fixeron por sermos os seus educadores e educadoras? O mellor do libro é o seu carácter provocador, a capacidade do narrador protagonista para focalizar un problema detrás doutro e para dar deles unha visión propia coa que el pretende rachar coas opinións politicamente correctas, cara á tremenda impostura na que se converteu a nosa sociedade, onde todo vale se se enmascara de tolerancia e de “bo facer”.


SOBRE O LIBRO"O MALETíN DO MESTRE"
Camiñar detidos
Dous personaxes solitarios atópanse casualmente nunha taberna. O azar convértese en costume e así, entre grolos de sake e festíns gastronómicos, comeza unha curiosa relación. Velaquí unha novela sobre a vida, a amizade, o amor e as expectativas que as persoas temos do noso paso polo mundo. E todo iso a través de diálogos sinxelos, pensamentos e reflexións altamente suxestivas e moitas emocións leves e sutís pero extraordinariamente conmovedoras.


SOBRE O LIBRO"HORA ZULú"
O tempo como construción
O Tempo marca un eixo que atravesa toda a historia desta terceira novela de Santiago Lopo, gañadora da última edición do Premio Manuel García Barros. A dosificación da trama e os temas que ten de fondo, de interesantes e profundas raíces científicas e filosóficas, son o seu maior atractivo.


SOBRE O LIBRO"BREIZH"
Superposición de filtros
A lectura de Breizh provoca unha inmediata apertura de fronteiras ao tratarse dun poemario que, formalmente, participa dunha tradición poética oriental e, tematicamente, nos transporta a xeografías bretoas. Así, situado nunha encrucillada de tradicións e xeografías, Villar acomoda experiencias, olladas e percepcións no breve espazo poético que os haikus lle ofrecen e fornece ao lectorado da posibilidade de percorrer xeografías distantes pero semellantes.


SOBRE O LIBRO"O GARDIáN INVISIBLE"
Os crimes do basajaun
Dolores Redondo Meira, unha autora navarra de ascendencia galega, constrúe na súa segunda novela un thriller onde se mestura a investigación policial e científica co suspense e coa mitoloxía das lendas navarras. O libro engancha ao lector, transpórtao a espazos que descoñece pero que de súpeto ten ganas de visitar, unha historia na que o ritmo non decae, senón que flúe en fervenza e nos subxuga. Ás veces, coma neste caso, as grandes promocións editoriais avalan historias que paga a pena ler.


SOBRE O LIBRO"OLLADAS"
Detrás das olladas
A novela coa que Adelaida Vidal acadou o Premio Risco de Creación Literaria no 2011 é un catálogo de emocións, teorías e olladas, narrado nunha prosa coidada e fluída, cuns personaxes ben definidos e verosímiles, exuberante no contido e sen fíos sobrantes, un manifesto de vida, filosofía e arte, contundente e fácil de ler.


SOBRE O LIBRO"ONDE O MUNDO SE CHAMA CELSO EMILIO FERREIRO"
Novo punto de vista
Ramón Nicolás preséntanos a biografía de Celso Emilio Ferreiro cun novo punto de vista, o que leva a novas conclusións e novas formulacións ante a súa figura e ante un período da nosa historia que por recente non está estudado na intensidade desexada.


SOBRE O LIBRO"TONAS DE LARANXA"
Reloxos sen agullas
Construíndo un espazo imaxinario e marabilloso, a novela, escrita a dúas mans por María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón, filla e pai, narra o que sucede nese espazo, chamado Moreira, no que se van tecendo as vidas, por veces insólitas, de moitos personaxes curiosos, fabulosos, entrañables, que se acomodan na imaxinación dos lectores e lectoras e estimulan os nosos sentidos para crear unha atmosfera intemporal, sutil e poderosa ao tempo.


SOBRE O LIBRO"EU, PEL"
Distopía en clave de conto
O primoxénito da familia Semper-Vanien, tras nacer cun misterioso mal, centra a súa existencia na experimentación para dar cunha cura que anule a súa diferenza. Así, deseña un mundo á súa medida que esvaeza a súa condición de “monstro” rexeitado. Unha novela ambiciosa que pon en pé todo un mundo a partir de claves coñecidas ben interiorizadas e que mantén o interese e a tensión na lectura mesturando ingredientes da estirpe do gótico, o fantástico e o terror.


SOBRE O LIBRO"DA MáQUINA"
AloiaK
Unha novela de ciencia ficción ambientada na Galicia do presente con elementos do xénero policial, da novela psicolóxica e do ciberpunk. Nas súas perfeccións e imperfeccións hai unha proposta diferente, un sentido do humor agre e descarnado, e unha lucidez fonda e sarcástica sobre as nosas vidas que paga a pena saborear.


SOBRE O LIBRO"ATL"
A felicidade dos autómatas
Premio Blanco Amor de Novela 2011, Atl propón un novo achegamento ao asunto da Atlántida desde o eido da creación literaria, mais un achegamento iluminado coas luces converxentes da historia e o mito, a ciencia e a intuición, a crónica e a fábula. Velaquí unha alegoría do noso presente, unha interrogación sobre a falta de liberdades na que vivimos e grandes doses de intriga ata o final.


SOBRE O LIBRO"15.724"
As engrenaxes tras a placidez
Xesús Constela trasládanos a unha Patria «asentada no lombo dunha ave durmida» que está presidida pola figura do Gran Mariscal e ten como símbolo intocable o armadillo da súa bandeira, unha maquinaria que ben podería identificarse con contextos non tan afastados da nosa realidade. O autor consegue deixar á vista dos lectores as engrenaxes do que é unha maquinaria de suxeición cidadá, onde os puntos máis macabros se abren no seu aparello de represión, coa pena de morte como cumio.


SOBRE O LIBRO"MURGUíA"
Profeta na terra
Con esta biografía de Manuel Murguía (1833-1923), primeiro presidente da Real Academia Galega e destacado representante do nacionalismo galego no século XIX, o historiador Barreiro Fernández, que tamén presidiu esa institución, pon nas mans dos lectores unha obra magna, case mil páxinas para recoller e transmitir o tempo vital de quen foi unha das figuras esenciais do galeguismo.


CRÍTICAS POR XÉNERO


Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
culturagalega.org | RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.gal
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.gal