lg3
inicio» lg3»  criticas» Narrativa 

CRÍTICAS SOBRE Narrativa / 120

SOBRE O LIBRO "CONTOS DE MESOPOTAMIA"
Da riqueza léxica e mesopotámica de Fole
Xavier Queipo descóbrenos esta recente edición de contos de Ánxel Fole, Contos de Mesopotamia, a cargo da editorial Chan da Pólvora coa que el mesmo fau un retorno á súa memoria de Fole e a súa escrita coloquial pero chea de "riqueza léxica". Os contos desta antoloxía están recollidos en "Terra brava", "A lus do candil", "Contos da néboa" e "Historias que ninguén cre", que constitúen parte importante da obra en galego de Fole.


SOBRE O LIBRO "A SEñORITA ELSE"
A verdade de Else
Durante a súa ociosa estadía nun hotel de San Martino di Castrozza, Else recibe unha carta da nai na que esta lle roga que faga canto estea na súa man a fin de reunir axiña unha suma de diñeiro coa que saldar unha débeda do pai e evitar así que acabe na cadea. A moza vese na obriga de se internar nun mundo ruín e malévolo, diametralmente oposto ás súas elucubracións románticas e inxenuas. Esta é unha das obras máis significativas de Arthur Schnitzler. Toca múltiples temas: a sedución, a inocencia, o papel da muller, o abuso e a clase social, os convencionalismos ou as aspiracións.


SOBRE O LIBRO "AS HORAS ROUBADAS"
Ante o limiar
Ambientada na confusa España de 1979, dous anos antes da Lei do divorcio, dúas familias vense arrastradas por un vello segredo e pola necesidade de cambiar as súas vidas.E é que os tempos cambian, o pasado volve, os segredos saen á luz, e os personaxes vense cercados por eles, querendo saber, querendo entender, ou querendo enterralos de novo. A prosa de María Solar sorprende cunha beleza sutil que mesmo pode pasar desapercibida.


SOBRE O LIBRO "UNHA DESOLACIóN"
Unha labazada no politicamente correcto
Samuel, un xudeu xubilado, misóxino, afeccionado á xardinaxe e melómano, sente o peso da velleira ao tempo que goza da liberdade de expresarse sen finximento. Atopámonos ante un libro que nos vacina contra o establecido, contra as premisas máis aparentemente inconmovibles, e que nos alerta contra a inercia máis terrible dos nosos días, a de convertermos a aparencia en esencia, aquilo que amosamos ser no que verdadeiramente somos, sen máis fondo nin máis aspiracións.


SOBRE O LIBRO "MUROS DE AIRE"
Acorar
Un libro para os e as que non temen mirar o abismo aos ollos, porque o aire empeza a faltar desde a primeira frase da novela. Nunca abrimos un xornal para batermos cos testemuños das persoas que están detrás das estatísticas de suicídios, para que nos conten cómo se chega a ese punto. Por que achegarnos a un libro coma este entón? Talvez en busca de testemuños concretos que nos axuden a entender mellor algo que sempre nos sobrecolle, que ás veces nos desconcerta e que noutras ocasións, as máis duras, chegamos a comprender.


SOBRE O LIBRO "CABALOS E LOBOS"
Agasallo duplo
A primeira novela do xornalista Fran P. Lorenzo coa que acadou o Premio Blanco Amor 2014, é o retrato íntimo da historia dun século marcado pola guerra, o totalitarismo e a barbarie. Unha fotografía, con Vigo ao fondo, do combate individual que os seus protagonistas libran por aquilo que desexan, nese preciso lugar en que a cidade se funde cos seus soños.


SOBRE O LIBRO "UN ANIMAL CHAMADO NéBOA"
De beleza e barbarie
No escenario da II Guerra Mundial tiveron lugar episodios tan estarrecedores e crueis que algúns deles resultan imposibles de dixerir.Un animal chamado néboa é un libro de relatos onde a ficción se constrúe a partir de diferentes acontecementos sucedidos durante o conflito bélico. O cerco de Leningrado, o naufraxio do buque USS Indianapolis, os métodos de tortura da banda de criminais ao servizo do italiano Pietro Koch, a realidade das mulleres prostituídas en Mauthausen ou a terrible misión do Enola Gay forman parte dalgunhas das historias que compoñen este libro.


SOBRE O LIBRO "INSTRUCIóNS PARA TOMAR CAFé"
Un pouco de amor propio
Núñez Singala ofrece un concentrado de narracións que inclúe, en pouco máis dun cento de páxinas, catro volumes diferentes: un libro de reclamacións, un libro de estilo, un libro de instrucións e un libro de contos. Unha mestura de sociolingüística, filosofía fonda sobre o mundo e nós en relación con el, humor ben entendido e tamén certas doses de amor propio ás que nunca deberiamos renunciar.Tanto a quen coñeza outras obras do autor coma a quen non, dan ganas de dicirlles : pasen e lean!


SOBRE O LIBRO "A VIAXE DE GAGARIN"
Os cadernos da memoria
A historia contida nestas páxinas ten o poder de emocionarnos a través da narración de todos eses feitos extraordinarios que sacudiron a década dos sesenta en todo o mundo. Agustín Fernández Paz publica unha novela coa que o escritor vilalvés regresa aos anos 60, segundo as súas propias palabras para realizar «un axuste de contas» con aquel tempo difícil. Era o momento en que o cosmonauta Iuri Gagarin se convertía no primeiro ser humano en viaxar ao espazo exterior, dando comezo a unha era espacial nunha década que traería grandes cambios.


SOBRE O LIBRO "A LúA DA COLLEITA"
Os aneis da árbore
Esta novela vén avalada polo Premio García Barros, o Premio Nacional da Crítica, o de Narrativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega e mesmo o Fervenzas Literarias á mellor portada de adultos. Intensidade e espesura son as súas grandes virtudes. Relato impactante sobre o paso da adolescencia á idade adulta, unha treboada de emocións na súa lectura describindo a vertixe, a sensación de caer cara a dentro de nós mesmas, de perder as certezas sobre nós e o mundo, coma nun soño dos que parecen de verdade.


SOBRE O LIBRO "A MEMORIA DA CHOIVA"
A xustiza pola man
Unha novela na que se investigan unha serie de crimes relacionados coa figura de Rosalía de Castro. Todas as vítimas son personalidades do mundo da cultura galega relacionadas coa escritora, e os crimes baséanse nunha lectura literal dos versos da poeta. Para investigar eses crimes non só está a policía senón tamén a curiosa alianza que xorde entre un xornalista vido a menos e unha profesora universitaria. Pedro Feijoo propón unha aventura chea de versos, de sangue, de amor e de odio, pero mantendo intacta a súa máxima por bandeira: ante todo, o entretemento e o pracer de lectores e lectoras.


SOBRE O LIBRO "OS GOTTEN"
Un libro balsámico, por Xavier Queipo
Os Gotten son unha familia afincada en Vigo e bisbarra dende a segunda década do século XX. Este libro recolle os sucesos e historias dos Gotten contadas polos seus protagonistas, moitos deles os propios membros da familia, ou por outras persoas que preferiron permanecer no anonimato. Alfonso Álvarez Caccamo déixanos fóra de combate, á súa mercé, bailando polas súas páxinas, levados pola man e polo engado de quen consegue evadirnos da realidade cotiá. Os Gotten é un deses libros nos que un sinte que quixera máis, que ten mágoa que remate xa.


SOBRE O LIBRO "O DERRADEIRO LIBRO DE EMMA OLSEN"
Faith como destino
Emma Olsen afronta os seus derradeiros meses de vida afectada por unha enfermidade terminal e sabe que a morte non tardará en chegarlle. Mais Emma Olsen é escritora, e decide dedicar o tempo que lle queda a rematar unha novela que non é exactamente unha novela. O libro acadou o Premio Repsol de Narrativa Breve, o Ánxel Casal a Mellor obra de ficción 2013 e a autora acadou o Premio Álvarez Blázquez a traxectoria creativa dun autor ou autora durante o ano 2013. Segundo a crítica Lorena Domínguez esta novela péchase "coa mesma sensación de desamparo que deixan todas as grandes lecturas: a incerteza de non saber cando volveremos ler algo que nos apaixone ata este punto."


SOBRE O LIBRO "FANECA BRAVA"
A verdade como caída
A familia Pereira, o clan de Concha, alicerzaba a súa identidade na gran mentira da aparencia. Só Fernando foi quen de buscar a verdade da súa curmá. A historia da Faneca Brava non é das que se escriban con pomposas letras maiúsculas, pero é tan real e intrigante que enche ao lector ou lectora do desexo de pescudar toda a verdade sobre esa «ovella negra» dunha familia que a fixo desaparecer da súa existencia.


SOBRE O LIBRO "FIN DE POEMA"
O avance do silencio
Fin de poema é o terceiro libro de Juan Tallón publicado en galego e gañador da XIX edición do Premio Lueiro Rey de Novela Curta. Unha obra na que o autor tece datos biográficos e ficción para recrear os últimos momentos na vida de catro poetas antes de que se quiten a vida, catro voces célebres e de referencia na literatura occidental: Cesare Pavese, Alejandra Pizarnik, Anne Sexton e Gabriel Ferrater.


SOBRE O LIBRO "A CEA"
A impostura
Premio Novela Europea Casino de Santiago 2011
O autor sérvenos en bandexa unha reflexión sobre o que fariamos se descubriramos que os nosos fillos veñen de cometer un crime inxustificable. Encubririámolos? Entregariámolos á policía? Sentiriámonos en parte responsables do que fixeron por sermos os seus educadores e educadoras? O mellor do libro é o seu carácter provocador, a capacidade do narrador protagonista para focalizar un problema detrás doutro e para dar deles unha visión propia coa que el pretende rachar coas opinións politicamente correctas, cara á tremenda impostura na que se converteu a nosa sociedade, onde todo vale se se enmascara de tolerancia e de “bo facer”.


SOBRE O LIBRO "O MALETíN DO MESTRE"
Camiñar detidos
Dous personaxes solitarios atópanse casualmente nunha taberna. O azar convértese en costume e así, entre grolos de sake e festíns gastronómicos, comeza unha curiosa relación. Velaquí unha novela sobre a vida, a amizade, o amor e as expectativas que as persoas temos do noso paso polo mundo. E todo iso a través de diálogos sinxelos, pensamentos e reflexións altamente suxestivas e moitas emocións leves e sutís pero extraordinariamente conmovedoras.


SOBRE O LIBRO "HORA ZULú"
O tempo como construción
O Tempo marca un eixo que atravesa toda a historia desta terceira novela de Santiago Lopo, gañadora da última edición do Premio Manuel García Barros. A dosificación da trama e os temas que ten de fondo, de interesantes e profundas raíces científicas e filosóficas, son o seu maior atractivo.


SOBRE O LIBRO "O GARDIáN INVISIBLE"
Os crimes do basajaun
Dolores Redondo Meira, unha autora navarra de ascendencia galega, constrúe na súa segunda novela un thriller onde se mestura a investigación policial e científica co suspense e coa mitoloxía das lendas navarras. O libro engancha ao lector, transpórtao a espazos que descoñece pero que de súpeto ten ganas de visitar, unha historia na que o ritmo non decae, senón que flúe en fervenza e nos subxuga. Ás veces, coma neste caso, as grandes promocións editoriais avalan historias que paga a pena ler.


SOBRE O LIBRO "OLLADAS"
Detrás das olladas
A novela coa que Adelaida Vidal acadou o Premio Risco de Creación Literaria no 2011 é un catálogo de emocións, teorías e olladas, narrado nunha prosa coidada e fluída, cuns personaxes ben definidos e verosímiles, exuberante no contido e sen fíos sobrantes, un manifesto de vida, filosofía e arte, contundente e fácil de ler.


CRÍTICAS POR XÉNERO


Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
culturagalega.org | RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.gal
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.gal