Destacado
Zënzar presenta Vaise armar
Xénero: 8 / 5 / 2012
A sala Josfer de Ordes acollía o pasado sábado a presentación de Vaise armar, o sexto traballo de Zënzar. O disco autoeditado supón, segundo o grupo, un traballo maduro musicalmente e aberto a ritmos que se foron incorporando ao seu repertorio. Rock con letras combativas que teñen en moitos casos na crise económica e nos recortes sociais o seu eixe. Loli Nogueira colabora co grupo no tema Contigo e sen ti, e queda espazo para que a banda bote a vista á súa traxectoria en Todo vai ben. O MySpace do grupo achega unha selección dos temas para a súa escoita en liña.
O Festival de Música Cidade de Lugo fai 40 anos
Xénero: | 11 / 5 / 2012
Unha das citas máis veteranas dos sons clásicos en Galicia, o Festival de Música Cidade de Lugo 2012- Semana de Música do Corpus, presenta este ano a súa 40 edición, na que se busca darlle máis protagonismo a formación locais. A Sociedade Filharmónica Lucense coordina un programa que inclúe os concertos de Forma Antiqua, Sergei Yerokhin, a Orquestra Sinfónica de Burgos, o grupo vocal Sólo Voces, La Bellemont, Tercia Realidad e Julia Doley e mais Thomas Demenga & Patrick Demenga. Canda a eles, o programa para nenos achega a actuación da Orquestra de Nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia e mais a representación do ballet O Crebanoces a cargo dos alumnos do Conservatorio de Danza de Lugo.
O Consello da Cultura conmemora os XXV anos da Asociación Galega de Compositores
Xénero: | 10 / 5 / 2012
A sede do Consello da Cultura Galega en Compostela acolle ás cinco desta tarde a presentacón de Dezaseis cancións para voz e piano. XXV anos da Asociación Galega de Compositores, co que se conmemora o aniversario deste colectivo. No acto Carlos Villar-Taboada falará sobre A Asociación Galega de Compositores e a Música Contemporánea en Galicia (1987-2012).
Fillos Resentidos
Xénero: | 10 / 5 / 2012
Conseguiron, en plenos anos oitenta, que un tema en galego chegase ao número un das listas de éxitos estatais. Expresións presentes nas súas cancións integráronse na fala popular. Anovaron no pop-rock feito na nosa lingua. Agora, trinta anos despois do seu nacemento, unha masiva homenaxe amosa a importancia da pegada que Os Resentidos deixaron na nosa cultura. Analizamos a súa influencia.
Os músicos ao vivo reivindican o seu papel nas redes da Xunta
Xénero: | 9 / 5 / 2012
Logo de se constituír como asociación profesional, o colectivo Músicos ao vivo acaba de emitir un comunicado no que reivindica un maior papel na coordinación dos circuítos musicais que coordina a Axencia Galega das Industrias Culturais. A asociación denuncia que os músicos non se teñen en conta á hora de organizar programas como a Rede Galega de Música ao Vivo, e reclama que se garanta que todos os intérpretes que participan nos mesmos estean dados de alta na seguridade social.
aCadaCanto presenta o seu disco
Xénero: | 9 / 5 / 2012
Para mediados deste mes está previsto que chegue ás tendas aCadaCanto, o novo proxecto musical que aúne o talento de Guadi Galego e Xabier Díaz (voz), Guillerme Fernández (guitarra) e Xosé Lois Romero (acordeón). O proxecto presenta trece temas, na súa maior parte orixinais, que se combinan con pegadas da música tradicional. Os dous primeiros singles do disco, Teu nome por mar e terra e Desafío están dispoñibles na rede. O disco está editado baixo o selo Músicas de Salitre.
Preséntase a primeira promoción de titulados de Jazz
Xénero: | 8 / 5 / 2012
O Jazz está de actualidade. Logo da celebración, o pasado día 30 do día internacional dedicado a este xénero musical, o vindeiro mércores ás 13 horas, o Conservatorio Superior de Música da Coruña presentará a primeira promoción de titulados de jazz de Galicia. No acto presentarse o DVD do espectáculo Galitalia Jazz Meeting na que paraticipou a big band do conservatorio, dirixida por Kin García, e actuará esta formación.
Azos Jazz continúa a súa andaina
Xénero: | 7 / 5 / 2012
Malia a que a desaparición de Falcatruada, a casa que o viu nacer, facía pensar no final da actividade, Azos Jazz dá mostras da súa vitalidade lanzando dúas novidades. O selo que conta coa dirección artística de Abe Rábade retorna logo de dous anos con Experianza, de Alberto Vilas Quinteto e mais Bill Goodwin Quartet Live in Santiago.
Funk'n Bastards estréanse con Brainstorming
Xénero: | 4 / 5 / 2012
Logo dunha extensa traxectoria nos escenarios, o grupo pontevedrés Funk'n Bastards presenta o seu primeiro disco. Brainstorming presenta unha serie de temas nos que, sobre unha base de funk cantada en inglés vanse engadindo elementos de rock, blues ou bossanova entre outras correntes. Logo da presentación do álbum, autoeditado, o pasado 27 de abril na Fábrica de Chocolate (Vigo) o grupo prevé continuar coas presentacións do proxecto. Está dispoñible xa na rede unha mostra do traballo, así como a primeira maqueta do conxunto, que se pode descargar de xeito íntegro.
Burgas Beat retorna con Todo lo que vamos dejando atrás
Xénero: | 3 / 5 / 2012
Todo lo que vamos dejando atrás é o título do terceiro disco do grupo ourensán Burgas Beat. Manténdose no seu estilo pop, o conxunto presenta nove temas nos que destaca unha aposta pola electrificación do son do grupo. Gravado nos estudos Abrigueiro de Friol, o proxecto está editado en vinilo e en CD da man de Peggy Records, Rock Indiana e Qué Queres Edicións. O Café Cultural Auriense, de Ourense, acolle o vindeiro 5 de maio o concerto de presentación deste traballo.
Axenda
Rock |
Fusión |
Indie |
Rock |
Cantautor |
Teatro |
Pop |
Rock |
Jazz/Blues |
Jazz/Blues |
Jazz/Blues |
Jazz/Blues |
|
Indie |
Folk |
|
Folk |
|
Jazz/Blues |
Rock |
Fusión |
Pop |
|
Jazz/Blues |
Pop |



