Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / ¿A música tradicional do futuro?

EL PUTO COKE APOSTA POR CREAR UN NOVO ESTILO A PARTIR DA MúSICA TRADICIONAL E DO HIP HOP

¿A música tradicional do futuro?

HIP-HOP | xuño 2, 2010

not_17004.jpg

Conseguir un estilo con identidade propia, pero cun pé no hip hop e outro na música tradicional galega. Este é a aposta que está a facer o coñecido rapeiro vigués El Puto Coke a través de Licor Kafé Producións. Un ambicioso proxecto que está en marcha e que amosará os seus resultados de cara á fin do verán.

Galicia conta de hai séculos cunha fecunda tradición de música popular. No entanto, as mudanzas sociais, a urbanización e a comercialización da música fixeron minguar en grande medida as formas deste estilo. De falarmos de música popular actual, posiblemente o equivalente máis aproximado nas rúas das nosas cidades, coas súas improvisacións e retrato social, fose o hip hop. Agora, El Puto Coke aposta por unir eses dous estremos da tradición para dar pé a un xeito inédito de facer música. Non se trata de fusión, senón de facer un estilo novo con identidade propia, nidiamente galego pero que ao tempo manteña a pegada do rap. “Nós o que queremos é crear un estilo musical que sexa exportable, que se continúe a identificar como música negra e que se poida escoitar en Nova York pero que teña un elemento tradicional galego”, explica Coke, que está a preparar coa cantante Wöyza os primeiros temas do que quere ser unha nova tendencia. “O exemplo máis claro nese sentido é o reggae. Naceu da música afroamericana que se facía no momento, xunto cos elementos tradicionais de Xamaica. Pero a día de hoxe calquera que o escoita sabe perfectamente que é un estilo propio”.

A mestura
A explicar un pouco máis polo miúdo en qué vai consistir este estilo, Coke pon un exemplo. “Collemos o ritmo do Himno do Antigo Reino de Galicia, que é un ritmo de batida, cos bombos e as cunchas. Sobre el, Wöyza fai coa voz a parte da gaita. Aínda que non escapas da forma da canción tradicional, tamén parece unha canción ragga, cunha voz que parece soul pero que é totalmente galega e que recolle xiros de temas do país”. Para este rapeiro, hai elementos da nosa tradición que son facilmente axeitados para este tipo de experimentación. “A percusión galega é algo ao que posibllemente nos agarremos moito. Gústame moito e tamén as flautas”. No entanto, recoñece tamén que atopar puntos de encontro entre as correntes que manexa este proxecto non é sempre sinxelo. Segundo apunta, “hai un problema, sobre todo coa gaita, que é que a xente traballa nunha escala tradicional que está ben para manter vivas as cancións pero para este proxecto cómpre un xeito de tocar máis aberto”. Para se introducir no mundo dos sons tradicionais, Coke apostou por buscar colaboradores que xa coñecesen polo miúdo os recursos da nosa música. “O máis efectivo nese sentido é xuntarme con alguén que me gusta como toca e explorarmos entre os dous”. Deste xeito, atopou a súa contrapartida no gaiteiro Anxo Lorenzo, antigo membro de Spirito 986 que acaba de publicar un álbum no que aposta claramente pola fusión folk.

O produto
Para alén de anovar no estilo muscial, desde Licor Kafé producións apostan tamén por novos xeitos de comercializar a música. “Estamos a pensar en sacar a música dun xeito novo, como fixen cos últimos temas. Iremos tirando cancións sen fechar un álbum. A día de hoxe, em ambientes como a música electrónica cada semana saen moitas cousas e caducan moi rápido. O que pretendemos agora é facer unha banda para os directos, con Anxo Lorenzo, e logo ir sacando como dúas cancións, con cadanseu video, cada dous ou tres meses. Se logo xuntamos abondas e queremos metelas nun CD, farémolo”.

Anticipos
Como un anticipo, do proxecto que ten en marcha, Coke subiu xa dous temas, G-g-A-a-L-EGO e Irmán nos que rapea na nosa lingua e introduce algún elemento tradicional. Na segunda das cancións, de feito, recupera un fragmento do poema de Cabanillas Irmán Daniel na forma de sampler coa voz de Juan Pardo. No entanto, o rapeiro advirte que “as cancións que subín son puramente rap. Teñen unha gaita de Anxo Lorenzo e uns alalás, pero son cancións de rap aínda que teñan algúns elementos galegos”. Nese sentido asegura que está agora mesmo a traballar “no que queremos facer realmente”. Como proxecto inmediato, Coke está a gravar o video de G-g-A-a-L-EGO, e será logo disto que comece o traballo de produción dos novos temas, que agarda comecen a saír á rede nun par de meses.

O galego e o hip hop
Coke recoñe que, fóra desta iniciativa e malia a existencia de proxectos sólidos, en xeral a nosa lingua non goza dunha grande aceptación no mundo do hip hop feito en Galicia. “A canción de G-g-A-a-L-EGO, aínda que vai para calquera que se sinta identificado, vai dirixida especialmente aos rapeiros galegos que representan o país con amor pero non se atreven a facer unha canción na nosa lingua”, explica Coke. “Sobre todo na cidade de Vigo, se cantas en galego os rapeiros tómanche por un pailán. Tamén é certo que Vigo non ten a culpa de ter o galego que temos, eu non medrei escoitándoo no contorno nin na escola. Pero así e todo, hai que comezar a concienciar a xente”. Ademais, este músico defende que a nosa lingua achega unha especial facilidade para o seu estilo “Agardo que a xente se vaia mentalizando de que o galego é a bomba, e ademais é un idioma perfecto para facer rimas, só tes que ollar os portugueses, que teñen moita fluidez e palabras máis curtas e máis bonitas”.

A semente está posta, falta agora deixar o tempo e ver se esta orixinal proposta dá pé a unha nova forma de música popular galega.

VIDEO | El Puto Coke - GgAaL-EGO
AUDIO | CANCIóN COMPLETA
Irmán, por El Puto Coke
AUDIO | CANCIóN COMPLETA
G-g-a-a-l-ego, por El Puto Coke

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer