Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Leilía pura

O GRUPO DE PANDEIRETEIRAS APOSTA POR UN SON MáIS ESPIDO EN CONSENTIMENTO

Leilía pura

FOLK | decembro 5, 2011

not_20001.jpg

Xa está nas rúas o agardado novo disco de Leilía. Logo de seis anos de silencio o grupo de pandeireteiras volta con Consentimento (Fol Música), un álbum no que continúan a recuperación de melodías tradicionais que lles caracteriza pero no que a música queda máis espida que en anteriores traballos. O pasado xoves 1 de decembro presentaban o traballo na sede do Consello da Cultura Galega en Compostela e facíano cun pequeno recital que agora che presentamos.

Segundo explicaron Felisa, Mercedes, Ana, Rosario, Patricia e Montse, compoñentes do grupo, con este novo traballo queren render homenaxe “a todas as mulleres que desde sempre foron creadoras e conservadoras da nosa tradición”, e como exemplo escolleron a Eva Castiñeira, unha cantareira que, como tantas, viron o seu traballo esquecido. “Aparecera no disco Recolleita que publicara Ruada nos anos oitenta, pero non aparecía por ningún lado. Pola contra, O Cego dos Vilares, que gravara nese mismo disco, era moi sinxelo de atopar en Internet”, explicaban na presentación. Na mesma liña apuntaron que “hai moitas homenaxes e discos de gaiteiros maiores, pero non acontece o mesmo con pandeireteiras”. A seguir esta liña de reivindicación da voz da muller, o grupo apostou tamén neste traballo por actualizar ese papel de donas creadoras de tradición e convidou a sete poetas, (Mariña Pérez Rei, Ana Romaní, Marilar Aleixandre, Ana Amado, Yolanda Castaño, Eva Moreda e Eva Veiga) a achegar letras para melodías tradicionais de diferentes temas do disco.

A nivel sonoro, unha das principais peculiaridades de Consentimento é que conta cun menor acompañamento musical. Xoán Porto (tamén produtor do traballo) á guitarra, gaita, acordeón e teclados, Xacobe Martínez no contrabaixo e Vadim Yukhnevich no acordeón son todo o apoio ao traballo vocal das seis cantantes. Canda a isto, o grupo apostou por recuperar instrumentos tradicionais de percusión para alén das habituais pandeiretas. Pandeiros, pandeiras de grande tamaño ou castañolas contribúen a crear unha sonoridade diferente doutros traballos.

Para alén do formato CD, o traballo sae publicado tamén como álbum dixital, adquirible en diversas plataformas electrónicas, e Fol Música prevé distribuílo tamén en sudamérica.

VIDEO
Presentación disco Leilía

Precisas o Flash Player para ver o video.

datos do disco

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer