Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / O Consello da Cultura presenta unha versión vocal das Cantigas de Santa María nun CD con múltiples colaboracións

AS VERSIóNS DAS CANTIGAS

O Consello da Cultura presenta unha versión vocal das Cantigas de Santa María nun CD con múltiples colaboracións

ANTIGA | abril 27, 2006

not_7856.jpg

Unha mesma partitura pode soar diferente en función de quen a interprete. E na música medieval aínda máis. Por iso, os que escoiten a reconstrución feita polo doutor en filoloxía románica, Antoni Rosell, para o Consello da Cultura de “As Cantigas de Santa María” poden quedar sorprendidos polo resultado. ¿Por que estas diferenzas? ¿Cales son as características desta nova versión?

“Galicia e as Cantigas de Santa María” é o nome do traballo que presentou o Consello da Cultura Galega e un dos proxectos cos que Alfonso Zulueta de Haz se despedía da presidencia da Institución. Na presentación do libro-disco o propio Antoni Rossell advertía que podía sorprender a quen coñecera as Cantigas de Santa María porque se trataba dun traballo de recuperación cun resultado moi diferente ao acostumado. “Non hai memoria viva da música, xa non só da que se facía na Idade Media, senón de toda a música composta antes do Romanticismo, de tal xeito que as interpretacións que se fagan son sempre a partir de hipóteses”. Deste xeito Antoni Rossell apuntaba o que viría despois, que nesta versión houbo moito traballo de investigación e de recuperación. En total, dous anos de análise da música da época e do seu contexto que, como o propio Rossell dicía, “é un traballo de reconstrución musical, a partir doutras reconstrucións que van desde a arqueolóxica ata a antropolóxica pasando pola lingüística”. É por iso que o resultado conta cunha nómina de colaboradores moi ampla e completa que van desde Henrique Monteagudo ata Mercedes Peón, pasando por Manuel María, a quen, como dixo Rossell na presentación “este traballo serve de homenaxe póstuma”.

As Cantigas de Santa María
Moito se ten escrito, investigado e publicado sobre as Cantigas de Santa María. Son unha colección de textos relixiosos medievais compilados polo rei Afonso X o Sabio e dedicados á Virxe. Están escritas no galaico portugués da corte poética do Rei Sabio e lingua fundamental da lírica culta durante o século XIII en Castela. As 429 cantigas que se conservan están repartidas en catro manuscritos: un na Biblioteca Nacional en Madrid, dous no Escorial e outro en Florencia. Comezaron a difundirse no século XIX cando se publicaron os facísimiles que levantaron a atención de músicos e filólogos porque representan un dos cumes absolutos da literatura en lingua galega e un dos monumentos máis representativos da arte europea do momento.


A especificidade desta versión
A versión que o Consello presentou a semana pasada está feita desde unha reconstrución arqueolóxica, musical, antropolóxica e filolóxica do traballo do Rei Sabio. Para Antoni Rossell “a primeira e máis importante diferencia é a transcrición das melodías en ritmo libre ou ritmo prosódico. É dicir, a estas Cantigas se lle aplican uns ritmos proporcionais a partir dos criterios que establece Hixinio Anglés nos sesenta. Isto fai que as melodías se canten cuns ritmos moi estereotipados, que se xustifican nalgunhas notacións pero non de xeito habitual”. Entón, Rossell o que fixo para este traballo é unha interpretación monódica do que se chamou ritmo libre. “O problema de aplicar ritmos periódicos, explica este doutor en filoloxía románica, é que se rompe a prosodia do texto, é dicir, o ritmo impón uns acentos que o texto non ten. Para un home medieval estes ritmos significan a fractura da palabra, porque se desprazan os acentos ata sílabas que non os teñen. O resultado é que as nosas transcricións son moito máis prosódicas, moito mais achegadas ao que podía ser o canto gregoriano pero xustificado porque a notación non é rítmica”.

En segundo lugar, trátase dun proxecto de investigación detido e pormenorizado que contou cunha listaxe de colaboradores moi amplía. Desde Mercedes Peón ata Ana Fernández Lavandeira, Kike Peón ou o Centro de Deseño e Artesanía da Deputación de Lugo, que mesmo reconstruíu dúas zanfonas para este proxecto. Un traballo que comeza en 2002 coa transcrición o repertorio das máis de 400 cantigas compiladas na corte de Alfonso X. Un ano despois comezou a elaboración da estratexia de gravación. “Aquí foi, explica Rossell cando contactamos con Mercedes peón, cos cantantes e músicos galegos e cataláns e con Carlos de Hita, que se encarga dos efectos sonoros”. No 2004 grávase o disco, coas participacións externas de profesores, intelectuais e poetas, entre os que estaba Manuel María que falecería pouco despois. Unha vez feitas as gravacións, o disco ten unha produción, é dicir, traballo en estudo de todo un ano ao que se lle engadiu a posterior elaboración do libreto.

A musica no seu contexto
O que ía ser un dos grandes soños do Consello da Cultura Galega acabou sendo máis breve do esperado. Sendo o presidente, Alfonso Zulueta, a institución cultural iniciou un proxecto de preparación e divulgación das “Cantigas de Santa María”. Segundo asegurou na presentación do CD “pensamos facer unha grande exposición que dera a coñecer un dos feitos culturais máis destacados de todos os tempos, así como a edición do Códice de Toledo”. A ilusión iniciou un proxecto que pronto se viu desbordado pola súa magnitude. “Finalmente non tivemos os apoios necesarios”, asegurou Zulueta, e o proxecto tivo que verse reducido cando xa se levaban dous anos de traballo. Pero lonxe de perderse, o Consello enderezou o proxecto que se converteu nunhas xornadas (en xullo de 2005), na edición do Códice das Cantigas e neste libro-CD que se acaba de presentar.

Outras versións das cantigas
As versións anteriores prestan máis atención a aspectos musicais, que tamén están recollidos no Códice de Toledo que se conservan na Biblioteca Nacional e dos que o Consello acaba de editar unha edición facsímil. “Eu como profesor universitario, explica Rossell, traslado as miñas investigacións á interpretación e se non aplico ritmo a estas melodías é porque a notación non nolo indica. Desde hai moitos anos houbo musicólogos que tentaron xustificar sistemas de ritmo proporcional ás Cantigas pero todos fracasaron. Pero non fallaron nas gravacións de disco porque as músicas con estes ritmos son moi bonitas, pero o obxectivo das cantigas é un obxectivo litúrxico, de rezar á virxe, por iso entendo que a palabra debe transmitirse o máis nítida posible e nestas versións os textos non se entenden”.

As primeiras versións que se recordan son dos anos cincuenta, de Thomas Bingley, que gravou en Alemaña versións das Cantigas. Os expertos consultados supoñen que as versión comezaron coa fonografía, pero non se atreven a concretar cal é a pioneira. Enriq Gispert e o seu grupo “Ars musicae”, Carlos Villanueva co coro Universitario de Santiago, Jordi Savall que toca as cantigas cos mesmos principios desde os que interpreta o barroco; a New London Concert con Philip Piquet ou a musicóloga Esther Lamandier, son só algunhas das máis de tres mil versións que están catalogadas das Cantigas.

MULTIMEDIA
Varias interpretacións de “Santa María, Strela do día”
datos do disco

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer