Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Hip-Hop
Música Hip-Hop
Ezetaerre espremen as uvas da ira en 'Pólvora e Tormenta'
Xénero:
| 16 / 11 / 2018Hoxe é o día no que a banda Ezetaerre saca á venda e presenta en Galicia o seu novo e segundo traballo longo. A Sala NUMAX de Santiago acollerá ás 20 horas o acto no que falarán polo longo do impresionante Pólvora e tormenta (New Beats) e presentarán o videoclip Matar a McCarthy, o tema que veñen de lanzar hai uns días como segundo adianto do disco. O trío de rapeiros comezou a presentarnos o seu disco no mes de outubro co lanzamento do tema que dá nome ao disco, Pólvora e Tormenta, onde xa avanzaban o fío condutor deste álbum de once temas e deixaban claro cal é a súa posición: “Non somos influencers, somos almas subversivas”.
O novo festival Beatout de cultura urbana xa ten cartel
Xénero:
| 27 / 7 / 2017O recinto EXPO Coruña acollerá o 1 de setembro o festival Beatout, primeira edición dun evento arredor da cultura urbana e o hip-hop. Co obxectivo de repetir a cita anualmente e convertir o Beatout nunha referencia no eido musical da cultura urbana o festival ven de presentar xa o cartel da súa primeira edición e sacar á venda as entradas anticipadas. Nove actuación conforman a súa oferta comezando na parte alta do cartel con C Tangana, rapero máximo exponente do Trap; Hard GZ; o dúo Ayax y Prox; Dellafuente e Denom. Tamén estará neste 1ºBeatout Kidd Keo; Fernando Costa e Reels B.
Ezetaerre desembarca con Aspiracións mínimas e urxentes
Xénero:
| 24 / 2 / 2017Oito videoclips en simultáneo. Este é o espectacular xeito co que a banda Ezetaerre optou por presentar o seu primeiro disco Aspiracións mínimas e urxentes. Versións audiovisuais de todos os temas do álbum están xa dispoñibles na canle de Youtube deste trío de rap combativo en galego formado por Garchu, Pirola e Petrowski. A colonización de Latinoamérica, a audiencia nacional, a situación de Palestina ou a precariedade laboral danse cita nas temáticas duns temas que se acompañan de samplers de Yann Tiersen, Los Panchos, José González, temas árabes ou influencias folk. O proxecto, gravado por Iago Pico en Pousada Son Studios sae á luz baixo o selo Santa Guerrilla. A compostelá Sala Capitol acolle o vindeiro 3 de marzo a presentación do proxecto nun concerto con Nao.
Rebeliom do Inframundo renóvase con Lume e Rebeliom
Xénero:
| 26 / 4 / 2016Cunha formación ampliada e anovada, Rebeliom no Inframundo publica o seu segundo álbum de estudio. O Nervo (MC), Malvares de Moscoso (MC) e Ichi Som (DJ) son agora os membros fixos do grupo, que conta tamén con contribucións a cargo de Movementss, Frank, 2Pas0s, Dj Rapu e J.CNNR. O novo disco Lume e rebeliom sae á luz da man de Língua Nativa e achega catorce temas nos cales o rock, o folk, o reggae ou a música electrónica se deixan sentir sobre a base de hip-hop que caracteriza o grupo. A denuncia socal mestúrase co lirismo íntimo nun proxecto que inclúe coas colaboracións da viguesa Íria Medranho e o cantante irlandés Brian Brody. A Farándula, en Vigo, acollerá o vindeiro 30 de abril a presentación do título.
Malandrómeda racha cinco anos de silencio con dous discos simultáneos
Xénero:
| 24 / 2 / 2016O quinto lanzamento de Malandrómeda é tamén o sexto. Logo de cinco anos de silencio o dúo compostelán composto por Hevi e O Master do Son lanza hoxe 24 de febreiro a edición en liña e pasado día 26 a física de Cada can que lamba o seu carallo e Os corenta e oito nomes do inimigo. Matapadre corre coa edición destes dous traballos de longa duración (10 e 11 temas respectivamente) que foron autoproducidos entre 2012 y 2015 e que exploran diferentes vertentes do hip-hop na nosa lingua. Así, Cada can que lamba o seu carallo amosa a orientación máis festeira do grupo, mentres Os corenta e oito nomes do inimigo preséntase como máis sobrio e intimista, sen deixar en ningún momento as letras surrealistas e punzantes que marcan a identidade do dúo.
Sokram debuta en solitario con Chuvia ácida
Xénero:
| 29 / 12 / 2014Quince temas de hip-hop en galego que van do reivindicativo ao lírico é a aposta coa que Sokram, coñecido polo seu traballo en Dios Ke Te Crew debuta en solitario. Chuvia ácida preséntase nunha ambiciosa edición que inclúe vinilo, CD, descarga dixital e mais un fanzine realizado polo propio músico. A nivel sonoro, Sokram aborda unha visión ampla do hip-hop con ecos que van do electro ao funky e conta con colaboracións como as de L.A.R. Legido, Hevi, Alba Suárez ou Paco Cerdeira. A Sala Capitol acolle o vindeiro 16 de xaneiro o comezo da xira de presentación do volume.
A discográfica Língua Nativa nace centrada na lusofonía
Xénero:
| 17 / 12 / 2014Editar en Galicia traballos de electrónica e de hip hop de toda a lusofonía, a incluír, como non, o noso propio país. Esta é a proposta de Língua Nativa, unha nova discográfica que presentaba esta mesma semana o seu primeiro traballo para descarga. Língua Nativa é tamén o título deste álbum, unha compilación de 17 temas de hip hop aternativo da man de músicos de nacionalidades galega, portuguesa, angolana, chilena e canadiana. O volume está dispoñible para descarga no web do proxecto.
Hacer lo que quiero é o novo de Aid
Xénero:
| 10 / 6 / 2013Violíns, pianos, violonchelos ou guitarras acústicas incorpóranse ás bases rítmicas que a rapera viguesa Aid presenta no seu novo disco. Hacer lo que quiero mestura letras en galego, inglés e castelán en moitos casos con fondo autobiográfico e conta con colaboracións como as de Vthov, Keyaman & Tos ou Efesio. O disco, editado por Tomate Azul Records, terá a súa posta de longo o vindeiro 21 de xuño cunha actuación nas instalacións de Vigosónico, que se transmitirá vía Internet.
Rebeliom do Inframundo lanza A sorpresa
Xénero:
| 21 / 1 / 2013Alexandre Bolívar (Dj Rapu) e Cristopher Machado (O’Nervo) conforman desde 2005 Rebeliom do Inframundo, un dúo que practica un rap directo e reivindicativo. A sorpresa, o seu primeiro disco acaba de saír á luz e está dispoñible por 5 euros contactando directamente co grupo. Quince temas con bases rítmicas simples, sen colaboracións vocais e letras altamente críticas co sistema compoñen O proxecto, que ve a luz baixo o selo colectivo vigués especializado en hip-hop Trackasedio e foi gravado en X-Recs.
Delahoja volta con Más difícil todavía
Xénero:
| 13 / 11 / 2012Logo de 17 anos de carreira, o grupo pontevedrés Delahoja lanza hoxe, da man de Sony Music, Más difícil todavía. O álbum presenta dezaseis temas e dous bonus track de hip-hop que mesturan árabe e castelán, no estilo habitual do grupo. Entra as novidades, colaboracións de altura como as do grupo Cypress Hill (en La conexión) ou de membros de The Fear Factory ou Kie, entre outros, nun traballo que amosa un son elaborado e un importante traballo de produción. A FNAC da Coruña acolle hoxe mesmo a presentación oficial deste proxecto. O grupo confirmou xa a súa presenza na vindeira edición do festival Viña Rock.
REPORTAXE

Na base do hip hop
Data.O colectivo Dios Ke Te Crew reúne todas as artes vencelladas ao hip hop nun proxecto único en Galicia