Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Cantautor
Música Cantautor
Xurxo Mares achega Revelaciones
Xénero:
| 21 / 1 / 2014Revelaciones é o novo traballo do cantautor coruñés Xurxo Mares. Editado baixo o selo Gourment Sounds, o disco achega dez temas que o autor reivindica como cheos de luz e de enerxía e dos que varios, segundo sinala, inspiráronse en soños. Candas á letras cun inequívoco carácter de canción de autor clásica, o Mares incorpora no volume colaboracións como as de Álvaro Trillo, Alberte Fernández, Álex Cente, Pablo Añón, Javier Facal, Luis Tinaquero, Iago Mouriño, Rosalía Vázquez ou Alfonso Camarero, que enriquecen o son a achegar instrumentos como o piano o contrabaixo, o saxo, a batería, o acordeón ou a mandolina.
O público financia La luz de los gigantes de César de Centi
Xénero:
| 7 / 1 / 2014Logo do éxito do proxecto de crowdfunding que iniciou hai agora un ano, o cantauator César de Centi acaba de presentar La luz de los gigantes, o seu segundo traballo. O álbum, autoeditado, achega once temas nas que o músico se acompaña de diferentes instrumentos e inclúen colaboracións como a de Xosé Constenla ou Paris Joel, entre outros. O centro cultural Ágora da Coruña acollerá o vindeiro 18 de xaneiro, ás 21:30 horas o concerto de presentación do álbum, no que o artista contará cunha banda e mais cun nutrido grupo de convidados especiais.
Luís Emilio Batallán volta con Había que chegar
Xénero:
| 16 / 10 / 2013Un clásico da nosa música, Luís Emilio Batallán, retorna á actualidade discográfica co lanzamento de Había que chegar. Gravado en Cuba, Estados Unidos e Reino Unido, e con produción de Pablo Milanés, o cantautor afástase do seu estilo máis habitual a incorporar ritmos de jazz e latinos. O volume, que sairá á venda o vindeiro mes de novembro, contén temas propios como Viva Lalín aínda que traballa tamén textos de poetas galegos como Cunqueiro ou María Mariño. Tres concertos en Vigo (16 de outubro), Compostela (17) e Pontevedra (18) serven de presentación deste novo proxecto.
Roger de Flor vai para o norte con Os Silvestres
Xénero:
| 9 / 9 / 2013Hai un lugar no norte é o título do cuarto disco de Roger de Flor, que o cantautor presenta en compañía de Os Silvestres, a súa banda habitual. O disco supón un xiro na carreira do músico, xa que está integramente en galego e ademais de composicións del mesmo e da banda inclúe versións (de The Pogues, Pete Dello ou Malcolm Scarpa) e recupera temas de traballos previos. A Sala Garufa, na Coruña, acollerá o vindeiro concerto de presentación o vindeiro 6 de setembro. Mentres De Flor anuncia que está a traballar noutro disco en solitario.
Xan Solo presenta Con carácter local
Xénero:
| 29 / 4 / 2013Con carácter local é o título do terceiro de CD de Xan Solo. O musico continúa nesta ocasión pola súa aposta polos temas de autor, con letras irónicas e toques sombríos. O volume, autoeditado, gravouse nos Estudios Broño de Negreira, e conta coas colaboracións de Justo lera, Eduardo recarey, X M Lago, Hector Lera, Cristina Morquillas e o voz de Yolanda Ruzo. O restaurante Ponte Maceira, en Negreira, acolle o vindeiro 3 de maio o recital de presentación do novo álbum.
Silvia Penide regresa con Animal de compañía
Xénero:
| 29 / 11 / 2012O quinto disco de Silvia Penide está xa á venda. Animal de compañía está composto por dez temas nos que a cantautora, acompañada da súa banda Los Animales, amosa un son máis complexo e letras máis fondas. Segundo Penide, o disco evoluíu a partir da pintura de Tapiés e do traballo musical do brasileiro Hermeto Pascoal. Gravado ao vivo nos estudios Abrigueiro, con produción de Arturo Vaquero e a propia Silvia Penide, o disco preséntase ao público o 1 de decembro ás 18:30 no marco do Culturgal, en Pontevedra.
A máquina do tempo
Xénero:
| 10 / 10 / 2012Un libro de poemas. Un disco con cancións e recitados. Un espectáculo con diferentes formatos. O proxecto A máquina do tempo que teñen en marcha Juan Carballo e Ramón Núñez trascende xéneros e soportes e mestura poesía e música. O libro, con ilustracións de Nuria Díaz, recolle once textos dos dous autores. No disco, atopamos as versións musicadas dos mesmos, con colaboracións como as de Alejandro Martínez, Guadi Galego, Guillerme Fernández, Jose A. Vilas, Maite Dono, Paco Cifuentes, Quim Farinha ou Sito Suárez. O disco está editado por Inquedanzas Sonoras.
Multiplícanse as homenaxes a Zeca Afonso
Xénero:
| 25 / 4 / 2012O país énchese de actividades en memoria do cantautor portugués José Zeca Afonso. O aniversario da Revolução dos Cravos, o 25 de abril, e mais da estrea en Galicia, hai corenta anos, do tema Grândola Vila Morena, que marcou o comezo da revolta, motivan estas iniciativas. Deste xeito, para alén do xa anunciado concerto e documental Terra da fraternidade. Galiza a Zeca Afonso, que se celebrará o 10 de maio en Compostela, Lugo prepara tamén unha programación que comeza o 26 cun concerto do fadista electrónico Gonçalo Guerreiro. Unha mesa redonda, o espectáculo Canto de intervenção e mais outro concerto, da man de João Afonso e Fred Martins completan o programa.
Roger de Flor canta á loucura cotiá no seu novo disco
Xénero:
| 22 / 6 / 2011O cantautor fenés Roger de Flor presenta estes días o seu novo traballo discográfico El mundo esta loco, loco, loco… (PAI Música), un traballo con doce novas cancións en galego ou castelán, a maioría de composición propia. O disco foi gravado nos estudios “Anca” en Neda e mesturado nos estudios de “Casa de Tolos” (Gondomar), coa produción de Segundo Grandío. O seus temas -cargados de melancolía, amor, esperanza e vitalidade- están impregnados co estilo irónico-emotivo do artista fenés, que comezou a súa andaina en 2007 con Canciones de amor y retranca, traballo ao que seguiu en 2009 Naturalidad Silvestre. Unha das novidades deste disco está na incorporación da sección de metais o que lle dá certo carácter soul a algunhas das cancións. En “El mundo esta loco…” volven participar moitos dos seus colaboradores habituais, músicos como Cabe García, Fran Rey, Víctor Gacio e Sergei Izmailov, entre outros.
Rebeca Ponte transfórmase en Cardigan Bridge para o seu debut discográfico
Xénero: VIDEO
| 30 / 6 / 2010 +Coñecida nos últimos anos pola súa actividade nas artes plásticas Rebeca Ponte presenta hoxe ás 21 horas na boite do Playa Club da Coruña o seu disco On the windowsill. Usando como nome musical a translación ao inglés do seu, Cardigan Bridge por Rebeca Ponte, a artista multidisciplinar ofrece neste disco nove temas en inglés tamén, escritos e compostos por ela. Ponte, que foi alumna da Escola de Jazz do Concello da Coruña, participou en diversas formacións musicais nos últimos anos ademais de incluír pezas da súa composición en diversas exposicións e performances plásticas, así como para pezas danza contemporánea. En On the windowsill Rebeca presenta un traballo “sen grandes pretensións” que amosa as súas raíces musicais no folk-pop feminino contemporáneo con influencias que van desde Tracy Chapman ou Carly Simon ata Lorena MacKennit ou grandes damas do jazz como Ella Fitzgerald. A artista presente unha serie de videoclips das cancións feitos con base en obras fotográficas súas.