Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / BSO
Música BSO
Sae á venda a banda sonora de Secuestrados
Xénero: | 10 / 3 / 2011
Vintecinco minutos de música ambiental que pretende xerar desasosego. Esta é a proposta que fai Sergio Moure coa banda sonora orixinal do filme Secuestrados producido por Vaca Films, coa que foi candidato ao Goya nesta categoría. O disco, que acaba de saír á luz da man de Karonte distribucións, consolida a carreira de Moure na música para filmes, un xénero no que xa realizara o acompañamento de Retornos ou Un buen hombre.
Sae á venda a BSO composta por Sergio Moure para “Un bo home”
Xénero: | 20 / 7 / 2009
A banda sonora orixinal composta polo coruñés Sergio Moure de Oteyza para a longametraxe "Un bo home", ven de saír á venda en CD, editada por JMB/Karonte. A música foi gravada na Coruña coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia. Moure ten unha importante traxectoria como compositor para o audiovisual conseguindo candidaturas aso premios Goya e Mestre Mateo par algúns dos seus traballos. Moure tamén fai labores como profesor participando nos Master de Produción Audiovisual da Universidade da Coruña e dirixiu os Seminarios de composición de música de cine da Coruña 2006-2007, organizados pola Deputación provincial e a Fundación Paideia. O pasado 13 de marzo foi a estrea absoluta do seu Concerto nº 1 Admónitum, pola Orquestra Sinfónica de Galicia dirixida por Víctor Pablo Pérez no Palacio da Opera da Coruña. “Un bo home” é unha produción audiovisual con participación galega a través de Milou Films, dirixido por Juan Martínez Moreno o filme estreouse a finais de abril. O compositor está traballando arestora na longametraxe "Retornos", dirixida por Luis Avilés.
A Academia do Audiovisual compila en formato CD a música cinematográfica do país
Xénero: | 28 / 11 / 2008 + AUDIO
As composicións que Manuel Balboa (A Coruña, 1958-2004) fixo para as películas Martes de Carnaval, O baile das ánimas ou Canción de berce (coa que foi candidato aos Goya) fan parte do CD co que a Academia Galega do Audiovisual inicia As músicas da Academia. Trátase dun proxecto que pretende compilar as pezas que compositores galegos teñen feito para producións audiovisuais. O CD distribuirase xunto con Papeis da Academia, a publicación coa que a entidade presidida por María Bouzas recolle o acontecer audiovisual galego ao longo dun ano. Neste número reflexiónase sobre a crise do modelo audiovisual clásico, as relacións coa literatura e a lingua, e o novo escenario que marca a TDT.
Gandarío acollerá un campamento onde os nenos elaborarán partituras
Xénero: | 20 / 6 / 2007
A Asociación Cultural Musical Solfa de Fontiñas en Santiago, a Banda da Escola de Música de Rianxo e a Agrupación Músico Cultural de Ribadumia traballan xuntas da man en “Musigalizando”, un curioso campamento de verán onde o protagonista é a música. A actividade está destinada a persoas de entre 8 e 25 anos e a principal actividade será a elaboración de partituras que se interpretarán en dous grandes concertos en Santiago e Pontevedra.
Máis información no web da Xunta
A Orquestra Sinfónica de Galicia gaña un Goya pola banda sonora do filme "Sei quen es"
Xénero: | 16 / 4 / 2001
A produción galega "Sei quen es", dirixida por Patricia Ferreira acadou un Goya á mellor banda sonora o pasado sábado tres de febreiro. Detrás da banda sonora desta produción houbo un esmerado traballo de coordinación entre directora do filme e o músico, José Nieto, un profesional de recoñecido prestixio, que xa acadara varios Goya pola música de películas coma "El bosque animado", "El rei pasmado" ou "El maestro de esgrima". Xuntos desenvolveron un traballo de visionado e un intenso proceso de discusión coa intención de definir perfectamente a sensación que a música debía transmitir en cada escena. A idea básica que vertebra todas as pezas musicais partiu dunha escena da película, aquela na que o protagonista, que sufre amnesia recupera momentaneamente a súa memoria. A partir deste intre concreto desenvolvéronse vinte e unha pezas musicais que xiran arredor duns personaxes que tentan esquecer o seu pasado para fuxir do destino. As pezas foron gravadas pola Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección do propio José Nieto, no Auditorio da Coruña.


