TINO BAZ
Cantautor |
Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Cantautor
Xénero: | 29 / 4 / 2013
Con carácter local é o título do terceiro de CD de Xan Solo. O musico continúa nesta ocasión pola súa aposta polos temas de autor, con letras irónicas e toques sombríos. O volume, autoeditado, gravouse nos Estudios Broño de Negreira, e conta coas colaboracións de Justo lera, Eduardo recarey, X M Lago, Hector Lera, Cristina Morquillas e o voz de Yolanda Ruzo. O restaurante Ponte Maceira, en Negreira, acolle o vindeiro 3 de maio o recital de presentación do novo álbum.
Xénero: | 29 / 11 / 2012
O quinto disco de Silvia Penide está xa á venda. Animal de compañía está composto por dez temas nos que a cantautora, acompañada da súa banda Los Animales, amosa un son máis complexo e letras máis fondas. Segundo Penide, o disco evoluíu a partir da pintura de Tapiés e do traballo musical do brasileiro Hermeto Pascoal. Gravado ao vivo nos estudios Abrigueiro, con produción de Arturo Vaquero e a propia Silvia Penide, o disco preséntase ao público o 1 de decembro ás 18:30 no marco do Culturgal, en Pontevedra.
Xénero: | 25 / 4 / 2012
O país énchese de actividades en memoria do cantautor portugués José Zeca Afonso. O aniversario da Revolução dos Cravos, o 25 de abril, e mais da estrea en Galicia, hai corenta anos, do tema Grândola Vila Morena, que marcou o comezo da revolta, motivan estas iniciativas. Deste xeito, para alén do xa anunciado concerto e documental Terra da fraternidade. Galiza a Zeca Afonso, que se celebrará o 10 de maio en Compostela, Lugo prepara tamén unha programación que comeza o 26 cun concerto do fadista electrónico Gonçalo Guerreiro. Unha mesa redonda, o espectáculo Canto de intervenção e mais outro concerto, da man de João Afonso e Fred Martins completan o programa.
Xénero: | 22 / 6 / 2011
O cantautor fenés Roger de Flor presenta estes días o seu novo traballo discográfico El mundo esta loco, loco, loco… (PAI Música), un traballo con doce novas cancións en galego ou castelán, a maioría de composición propia. O disco foi gravado nos estudios “Anca” en Neda e mesturado nos estudios de “Casa de Tolos” (Gondomar), coa produción de Segundo Grandío. O seus temas -cargados de melancolía, amor, esperanza e vitalidade- están impregnados co estilo irónico-emotivo do artista fenés, que comezou a súa andaina en 2007 con Canciones de amor y retranca, traballo ao que seguiu en 2009 Naturalidad Silvestre. Unha das novidades deste disco está na incorporación da sección de metais o que lle dá certo carácter soul a algunhas das cancións. En “El mundo esta loco…” volven participar moitos dos seus colaboradores habituais, músicos como Cabe García, Fran Rey, Víctor Gacio e Sergei Izmailov, entre outros.
Xénero: | 30 / 6 / 2010 + VIDEO
Coñecida nos últimos anos pola súa actividade nas artes plásticas Rebeca Ponte presenta hoxe ás 21 horas na boite do Playa Club da Coruña o seu disco On the windowsill. Usando como nome musical a translación ao inglés do seu, Cardigan Bridge por Rebeca Ponte, a artista multidisciplinar ofrece neste disco nove temas en inglés tamén, escritos e compostos por ela. Ponte, que foi alumna da Escola de Jazz do Concello da Coruña, participou en diversas formacións musicais nos últimos anos ademais de incluír pezas da súa composición en diversas exposicións e performances plásticas, así como para pezas danza contemporánea. En On the windowsill Rebeca presenta un traballo “sen grandes pretensións” que amosa as súas raíces musicais no folk-pop feminino contemporáneo con influencias que van desde Tracy Chapman ou Carly Simon ata Lorena MacKennit ou grandes damas do jazz como Ella Fitzgerald. A artista presente unha serie de videoclips das cancións feitos con base en obras fotográficas súas.
Xénero: | 1 / 7 / 2009
Coa intención de establecer un diálogo musical entre dúas linguas minoritarias o galego Xavier Mugardos e a arxentina Natalia Carossi "Keresú", publican Cantos das dúas beiras, o primeiro disco gravado en galego e na lingua guaraní da comunidade indíxena amazónica. O traballo conxunto dos dous músicos presenta once cancións, sinxelas pero fermosas, construídas con dúas guitarras e a cálida voz de Keresú. O disco foi gravado co mesmo son que o dúo presenta nos seus directos para reivindicar a música como un traballo artesán sen intervención das máquinas.
Xénero: | 14 / 5 / 2008
"Olladas dun entusiasta" (Setestrelo Editora) constitúe o segundo traballo discográfico do cantautor compostelán Xosé Constenla, despois de “Quen fixo berrar ao silencio” (autoedita, 2005). Este álbum de 13 composicións propias é unha produción do propio Xosé Constenla en colaboración con Ramón Feáns (arranxos e dirección musical) para o selo de nova creación Setestrelo Editora. Gravado e misturado nos estudios PINK de O Milladoiro (Ames) conta con moitas colaboracións, entre as que destaca a presenza do cantautor madrileño Javier Bergia. Ramón Feáns (guitarras, bouzouki, baixo e programacións), Paulo Gacio(frauta traveseira e saxo soprano), Paco Nogueiras (acordeón) e Javier Rodríguez (teclados) foron os músicos que gravaron os distintos instrumentos que aparecen no traballo. O artista presentará o seu traballo este xoves no Pub Tarasca de Santiago e a distribución do disco correrá da man de Lonxa Cultural.
Xénero: | 17 / 12 / 2007 + VIDEO
Zouma Records presenta o disco “On your pillow”, primeiro do músico ourensán Manuel Carballo (1967). O disco, asinado co nome artístico MCarballo, combina o blues, folk e country americanos nos seus 11 temas de composición propia nos que Carballo dá homenaxe aos seus músicos de referencia. Sete das cancións de “On your pillow, incluíndo a que dá nome ao disco, son en inglés e as restantes en castelán. O disco foi gravado nos estudios Desfase Sound coa produción e arranxos de Fasero, que tamén intervén musicalmente coa súa guitarra. As colaboracións musicais no CD inclúen aos outros compoñentes de Mutenrohi ao completo e a Fernando Calvo, de Los Suaves.
Xénero: | 17 / 12 / 2007 + VIDEO
Cinsa namorada ( PAI Música), é o primeiro traballo discográfico en solitario do artista guardés Tino Baz, músico de longa traxectoria en grupos como A Roda ou o Orfeón Treixadura. O disco, gravado en casa de Tolos coa produción de Segundo Grandío, ten como finalidade crear un soporte sonoro da obra de Baz como autor, músico e cantor. As once pezas que compoñen este proxecto, son músicas e textos de Tino Baz xunto a un poema da escritora luguesa Marica Campo. O veterano músico Moisés Quintas asume a dirección artística de Cinsa namorada e coordina a participación dos distintos instrumentistas que interveñen no proxecto. O disco presentarase ao público o vindeiro 19 de decembro no Centro Cultural da Guarda, ás 20 horas.
Xénero: | 2 / 10 / 2007 + IMAXES + VIDEO
Xa se pode pedir desde hoxe nas tendas o novo disco de Silvia Penide (Meicende, 1979) , cuarto do seu currículo discográfico e co que a artista presenta o seu traballo máis elaborado ata o momento e tamén “co que máis profundo mergullo no meu propio universo”, como ela mesma di. "Desafinante crónica” (Falcatruada) foi gravado nos estudos Abrigueiro de Lugo coa produción de Arturo Vaquero e a colaboración dun bo feixe de músicos galegos. Aínda que é agora cando o disco entra nas tendas a súa versión dixital xa leva á venda na rede en diversas tendas virtuais desde o 18 de setembro engadindo o tema extra “Cambio de ritmo”. Na súa primeira semana na tenda iTunes de Apple “Desafinante crónica” acadou o sexto posto entre os albumes máis vendidos de música latina e o posto 20 na lista xeral. A canción “Reventaba” escoitarase en continua rotación nas emisoras de radio e o videoclip da mesma nas cadeas de televisión musicais.
Máis información en Falcatruada
Cantautor |
por Cardigan Bridge
por Cardigan Bridge
por Magín Blanco
MÁIS VIDEOS >>