Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Coral
Música Coral
Falece o compositor Francisco Rey Rivero
Xénero: | 23 / 4 / 2012
Considerado un dos principais impulsores do canto coral en Galicia, o compositor Francisco Rey Rivero falecía onte aos 83 anos de idade. No seu haber deixa o ter fundado agrupacións como a coral Casablanca, a Ureca ou a do Club Náutico de Vigo. Canda a isto, é autor dalgúns dos temas máis populares neste estilo, con temas como Perla antillana ou La sirena. O seu traballo valeulle premios como a medalla da Academia Galega de Belas Artes ou o premio Reconquista de Vigo, entre outros recoñecementos.
De Ruada vía exposición
Xénero: | 17 / 9 / 2009
Resumir 90 anos de intensa historia musical non é sinxelo. Ata o vindeiro 27 de setembro no Edificio Simeón de Ourense podemos ver un exemplo de como abordar este traballo. Da man da discográfica Ouvirmos a exposición Sete voces para a Coral De Ruada achéganos á historia desta histórica formación da música tradicional galega.
¿Malos tempos para a lírica?
Xénero: | 27 / 4 / 2009
Teñen feito xiras mundiais dignas dos Rolling Stones e levan ben máis tempo ca eles en activo (aínda que semelle imposible). A Coral De Ruada celebra neste 2009 o seu noventa aniversario en plena forma e, canda a ela, outras tres históricas formacións manteñen en activo o espírito de recuperación de música popular do comezo do século XX. Botamos un ollo na actualidade das corais galegas.
A Coral de Ruada celebra noventa anos cun feixe de iniciativas
Xénero: | 21 / 4 / 2009
O 24 de xuño de 1919 nacía en Ourense a histórica Coral de Ruada. A formación celebra agora os seus noventa anos cun bo feixe de actividades que se desenvolverán ao longo de todo o ano da man da discográfica Ouvirmos. Por unha banda, o selo reeditará o libro que recolle a viaxe que o coro fixo por Andalucía en 1927 e recuperará as primeiras gravacións da formación nun disco conmemorativo. En setembro, o edificio Simeón de Ourense acollerá unha mostra na que se poderá contemplar o traballo gráfico de diferentes creadores arredor de Ruada, así coma un documental sobre a traxectoria do grupo e diferentes contidos didácticos. Visitas guiadas e mais a celebración do III Certame Internacional de Coros De Ruada no mes de xuño completan o programa previsto.
Arranca en Culleredo o ciclo Grandes coros de ópera
Xénero: | 13 / 3 / 2009
A Antiga Universidade Laboral de Culleredo acollerá esta noite un concerto singular no que participarán uns 180 músicos. As corais polifónicas El Eco de la Coruña, o Liceu Casino de Vilagarcía e a Orquestra Sinfónica de Melide ofrecerán a primeira dunha serie de galas líricas que interpretarán pezas de Verdi como Nabucco, Aída, Il Trovatore, La Traviata ou Macbeth. O proxecto chámase Grandes Coros de Ópera, e con el a Sinfónica de Melide pretende estender a actividade musical á provincial. A Coruña, Ferrol e Santiago son algunhas das localidades polas que xirará o espectáculo que conta cunha achega de 65.600 euros da Deputación da Coruña.
A primeira partitura do himno galego é de 1906
Xénero: | 18 / 2 / 2008
Unha adaptación para banda arranxada por Felipe Pereira en 1906. Esta é a partitura máis antiga que se coñece do Himno Galego, e posiblemente, a que se empregou para a estrea oficial da peza na Habana. A investigación para a mostra “A Nosa Voz”, que se pode ver estes días na igrexa de San Domingos de Bonaval, Compostela, tirou a luz recentemente este documento, que se conservaba no arquivo da Banda Municipal da capital cubana.
Ouvirmos recupera gravacións do coro Cantigas da Terra nos anos vinte
Xénero: | 8 / 2 / 2008
A discográfica Ouvirmos presenta estes días un novo disco-libro da súa colección A Tiracolo de gravacións históricas. Neste caso son as interpretacións rexistradas entre 1921 e 1928 polo coro coruñés Cántigas da Terra, que leva en activo desde 1917. Neste case século de historia, iniciada interpretando o himno galego, reuniron un variado repertorio e o arquivo coral mellor conservado. Algunhas desas pezas están agora restauradas e incluídas no número 14 desta colección: "Estampas coruñesas 1921-1928". Neles recollen a primeira gravación do clásico Negra sombra; o Himno a Galicia, que contribuíron a afianzar; e O quer que lle quer, entre outros fitos.
Rogelio Groba e Rudesindo Soutelo cobran os dereitos de autor do himno galego oficial
Xénero: | 21 / 12 / 2007
Todo o mundo sabe que o himno galego foi composto por Pascual Veiga en 1890. Pero o que escoitamos nos actos oficiais é a partitura de Veiga arranxada por Rogelio Groba, despois dun encargo que lle fixo Xosé Luís Barreiro en 1985, cando era vicepresidente da Xunta de Galicia (e que figura nos anexos á Lei de Símbolos). Sucede que Rudesindo Soutelo editou eses arranxos en “Arte Tripharia”, a súa editorial, e así o fixeron constar na SGAE. Iso implica que cada vez que se interpreta o himno oficial, tanto Groba como Soutelo, cobran. Rudesindo Soutelo, nunha entrevista realizada por este medio en 2003, explicou que os ingresos pola interpretación do Himno van entre 3.000 e 6.000 euros anuais porque “aínda que se interprete moito, non se declara”.
Máis información en La Voz de Galicia e sobre os dereitos na nosa hemeroteca. Ademais, consulta o noso tema sobre o himno
Dezasete localidades acollerán os encontros de sesenta e dúas corais do país
Xénero: | 5 / 10 / 2007
A Consellaría de Cultura e a Federación Coral Galega organizan un programa de encontros de corais para dar a coñecer o traballo musical que elaboran estas formacións musicais no noso país. As actuacións comezarán mañá na Casa da Cultura do Milladoiro, no concello de Ames e durarán até o 23 de decembro. Os concellos nos que haberá actuación son os seguintes: Brión, Carballo, A Coruña, Ferrol, Narón, Noia, Outes, Sada, Santiago de Compostela, Vimianzo, O Rosal, Oia, A Gudiña, Vigo, Vilaboa e Ourense. En total serán 62 as corais participantes nas actuacións que se desenvolverán en 17 localidades. Nos eventos a coral local encárgase de darlle a acollida ás corais visitantes.
Máis información na Consellaría de Cultura e Deporte
Camerata ad Libitum organiza en Pontevedra un curso de dirección coral e canto
Xénero: | 19 / 6 / 2007
O coro de cámara “Camerata ad Libitum” de Pontecesures anuncia a convocatoria da décimo oitava edición do Curso de Verán de Dirección Coral, Canto e Técnica Vocal que vai ter lugar na cidade de Pontevedra do 1 ao 15 de Agosto de 2007. O curso constará de diferentes actividades coma concertos, seminarios, canto común, etc. ademais das clases de Dirección Coral e Técnica Vocal propiamente ditas e un Obradoiro especial ás ordes dos 2 directores convidados. A reserva e solicitude de praza estará aberta desde a semana que ven ata o 30 de xuño. A matrícula farase do 1 ao 10 de xullo. Todos os cursos están destinados a cantores e directores ou futuros directores de coro, profesores o estudantes de canto ou música en xeral e todas as persoas afeccionadas que desexan iniciarse ou profundar no campo do canto coral.
Máis información en Camerata
REPORTAXE
Operación can
Data.Unha trintena de colexios participan nun concurso musical para concienciar sobre o medio


