Noticias
PortAmérica fecha o seu cartel
Xénero: | 16 / 5 / 2013
Banda de Turistas, Editors, Gin Ga, La Habitación Roja, Niños Mutantes, Niño y Pistola, Sala & the Strange Sounds, Sethler e Vetusta Morla son as incorporacións que completan o cartel de PortAmérica. O festival que se celebrará en Nigrán entre o 18 e o 20 de xullo ten xa á vendas as entradas e contará cun total de 24 bandas. Ademais, o evento contará de novo coa presenza do grupo nove no apartado gastronómico, e acollerá a estrea de Portamérica año cero, un documental que recolle a xestación deste evento e que conta coa participación do propio público do evento, a achegar as súas propias gravacións. O proxecto está dirixido por Alberto Baamonde e Alexandre Cancelo.
Pito de Pikasso volta con Arrock con chícharos
Xénero: | 15 / 5 / 2013
Dous anos despois do último traballo, os composteláns Pito de Pikasso presentan Arrock con chícharos, terceiro disco da formación. O novo álbum, autoeditado, foi gravado no Laboratorio Soyuz e achega doce temas de punk rock en galego. O disco presentarase o vindeiro sete de xuño cun concerto na compostelá Sala Capitol no que tamén estarán Vicky Polard.
Forraje lanza Quejidos que no escucha nadie
Xénero: | 14 / 5 / 2013
A Sala Moon de Compostela acolle este xoves, a partir das 22 horas, o concerto de presentación de Quejidos que no escucha nadie, o cuarto disco de Forraje. A banda da Pobra do Caramiñal lanza o álbum da man de Warner Music Spain e coa produción de Kolibrí Díaz, de Marea. Dez temas de rock con letras coidadas e un grande protagonismo das guitarras que conta con colaboracións como a de Robe, de Extremoduro. O concerto contará tamén coa participación de Memoria de Pez, grupo que presenta Tocar madera, o seu novo disco.
Uxía presenta Rosalía pequeniña
Xénero: | 13 / 5 / 2013
A Editorial Galaxia presentaba esta mañá Rosalía pequeniña, un libro disco que mestura poemas de Rosalía de Castro, ilustracións de Marina Seoane e mais a voz de Uxía. O proxecto, editado na colección Sonárbore, está dirixido aos máis pequenos da casa e presenta unha Rosalía meniña que busca dialogar directamente cos ouvintes. No disco atópanse colaboracións como as de Sés, Isaac Palacín, Habelas Hainas ou Magín Blanco, e con Sergio Tannus a cargo da gravación e da dirección musical. O volume conta cun total de 28 páxinas e sae á venda por 20 euros.
Esquíos lanzan Porcocan
Xénero: | 10 / 5 / 2013
O sexto disco de Esquíos está xa na rúa e mais na rede. Porcocan mantén o ton punk-rock do grupo en 12 temas cheos de enerxía e con grandes doses de crítica social. O grupo desenvolvera unha campaña de crowdfunding para financiar este proxecto, que finalmente non conseguiu fondos abondos para cubrir os gastos de lanzamento. O volume foi gravado nos estudios Abrigueiro, e os primeiros concertos de presentacion serán o 25 de maio no Pub Gañetes da Estrada e o día 31 en Pontemuiños, Pontevedra.
Quinito Mourelle lanza Paradero desconocido
Xénero: | 7 / 5 / 2013
Abandonando o cuarteto, o músico de jazz Quinito Mourelle aposta polo dúo para o seu novo proxecto. Paradero desconocido é o título do álbum no que o pianista está acompañado por Roberto Somoza ao saxo. Composicións propias nas que, por vez primeira Mourelle amosa a súa capacidade como letrista en dous temas nos que participa Lucía Souto na voz. O álbum foi gravado ao vivo o pasado mes de decembro no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela e presentouse o pasado día 4 cun concerto no Museo de Belas Artes da Coruña
O cancioneiro en dixital
Xénero: | 7 / 5 / 2013
Considérase a pedra basilar da recuperación da nosa música tradicional galega. O Cancioneiro popular galego que compilou Dorothé Schubarth coa colaboración de Antón Santamarina supón unha achega inigualable cuxa importancia medra cos anos. Agora, a Fundación Barrié, que a editara orixinalmente, pon na rede unha versión dixital da obra que, de certo, ha supor un grande pulo á súa popularización. Repasamos con músicos do país a importancia deste traballo e o seu impacto na música de raíz.
Guezos é o único grupo galego na final do Proxecto Runas
Xénero: | 6 / 5 / 2013
A organización do Festival de Ortigueira daba a coñecer esta fin de semana os catro grupos finalistas do Proxecto Runas, que se poderán ver ao vivo na edición do evento deste ano. Guezos é a única banda galega que accedeu a esta fase, e actuará o xoves 11 de xullo competindo cos vascos Ruaille Buaille, os baleares Boc e Folk on Crest, de Castela e León. O grupo que presente un mellor directo levará un premio de 2.500 euros e incorporarase ao cartel da vindeira edición.
Nicolás Pastoriza presenta Poetas y motocicletas
Xénero: | 3 / 5 / 2013
Sons psicodélicos con aires ás grandes bandas dos anos 60 compoñen o novo traballo de Nicolás Pastoriza. Poetas y motocicletas achega sete temas nunha dupla edición en CD e en Vinilo está xa dispoñible para os interesados. Producido por Iván Ferreiro, que tamén colabora no disco, o álbum está autoeditado e pode escoitarse tamén no seu web de Pastoriza.
O XVII Festival de Primavera achega a Ourense dez bandas de Jazz
Xénero: | 2 / 5 / 2013
Maio soará a jazz un ano máis en Ourense. O Festival da Primavera comeza o vindeiro día 7 unha programación na que conta con dez bandas que impartirán un total de 14 concertos na cidade. O Harold Mabern Trío abrirá o ciclo, que conta con nomes coma Jorge Pardo, Tom Harrel e Pat Martino entre outros. Nani García, Jambo Cuarteto e Marcos Pin compoñen a representación galega do evento, que organiza o Café Latino co apoio do Concello e da Fundación Florencio Álvarez.


