Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Cantar en Nadal

Cantar en Nadal

ANTIGA | decembro 23, 2003

Imprimir

Na liturxia, nas escenificacións e na rúa todos os anos desde o 24 de decembro até o día de reis cántanse vilancicos e panxoliñas. Non son exactamente a mesma cousa xa que o vilancico ten unha orixe litúrxica e a panxoliña é máis oral. Desde o seu emprego en Mondoñedo no século XVIII foron introducindo no mundo relixioso cantares que recollían características do contorno galego precisamente nunha etapa escura e difícil. Son vilancicos de galego e en galego.

No Nadal de 1794 na Catedral de Mondoñedo estreouse un vilancico de personaxes no que un pastor cantaba ao belén. O que parecía un feito anecdótico non foi tal porque era a primeira vez que un cantar litúrxico introducía a figura do pastor galego como protagonista, inserido nun ambiente e un contorno próximo alén de estar cantado no noso idioma, daquelas inexistente na liturxia. Aínda que foi a final do século XVIII cando se popularizaron os vilancicos en Galicia, no resto do Estado español a tendencia na liturxia era precisamente a contraria, a desaparecer porque se levaba dous séculos de esplendor.

Empezando polo principio
Carlos Villanueva, profesor da Universidade de Santiago e estudoso do tema dos vilancicos galegos estabelece un punto de partida fundamental ao diferenciar entre panxoliñas e vilancicos. "Estes (refírese aos vilancicos) son as pezas en lingua vulgar que se cantan nas igrexas, con textos populares ou poemas de autor, e que se usaban na liturxia das festas principais en xeral; mentres que a panxoliña, por contra, é a canción popular que cantaba o pobo, organizadamente o individualmente na igrexa, ante o Belén e na festa de Nadal". Aínda que as panxoliñas se cantaban no século XV e XVI non hai ningún documento que explique as características das mesmas, o único que queda son restos de como se organizaban os veciños para ir cantar ao neno Xesús e ao portal dos Reis.

O vilancico é, pois, unha forma culta tipicamente hispana que se converteu nun xénero relixioso mediante a adaptación das melodías profanas que cantaba o pobo. E nese sentido, para facer chegar as explicacións relixiosas ao pobo foron recollendo os elementos típicos que cantaba nos seus cantares habituais. Foi así como apareceu o vilancico de galego e en galego. Como se popularizaron enseguida, para cada mestre de capela foi de referencia obrigada compoñer pezas para estreada cada ano (composicións que se realizaban a propósito das festas típicas relixiosas: Nadal, Epifanía, Corpus Christi, Ascensión, festividades da Virxe ou Patronos de cada cidade). É por iso que existe grande documentación sobre vilancicos a través das partituras que quedan nas capelas das principais catedrais galegas; sendo as de Mondoñedo e Santiago as máis importantes.

Por outro lado, formalmente o vilancico converteuse nalgo semellante a unha cantata, cun esquema formal típico: unha introdución (para solista), un refrán (para seis, oito, dez ou doce voces) e unhas coplas (para un pequeno conxunto vogal ou voz solista) que alternaban co refrán.

De galego e en galego
A importancia dese vilancico de Mondoñedo do que falabamos antes non foi só porque abriu unha nova era na música das catedrais galegas, senón porque tivo unha implicación moito máis fonda. Creou un vilancico de galego, no que aparece a figura caricaturizada do "galego" que tiña como principais características ser un home rudo, de condición humilde e non moi desenvolto. Este vilancico "de" galego cultivouse en diversos puntos de España, sendo a catedral de Segovia a que alberga a colección máis numerosa (aínda que tamén se conservan mostras en Madrid, Aránzazu, Ávila.. e Portugal). Alén do vilancico de galego, vinte anos despois apareceu o vilancico "en" galego que aínda que están relacionados (un non sería posíbel sen o outro) son cousas distintas. Un fenómeno que coincidiu co comezo do Rexurdimento en Galicia.

Un pastor galego
O personaxe do pastor galego rivalizou á par con outros pastores: o vizcaíno, o asturiano, o francés ou o italiano, mais "pouco a pouco, afirma Carlos Villanueva, foise convertendo no personaxe protagonista dos vilancicos de idiomas periféricos". E non só iso, afirma "o personaxe do pastor galego do vilancico litúrxico ten moitas características comúns cos das panxoliñas, talvez porque os mestres de capela puñan os seus ollos nos xéneros máis populares para facer creacións de carácter popularízante".

A sicoloxía do pastor galego era unha personaxe socarrona, un tanto bobalicona que logo deu pé ao personaxe gracioso dos entremeses. Unha figura que pouco a pouco foi transformándose nunha voz lírica que canta ao neno Deus e que en Portugal e noutras catedrais castelás se desenvolveu cunha veta artística. E o pastor galego sufriu tamén as evolucións históricas, porque a personaxe tamén emigrou a América.

Máis información en
-Villanueva, Carlos. Los Villancicos gallegos. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1994

- Alén, Pilar. Historia da música galega. Cantos, cantigas e cánticos. Ed.. A Nosa Terra, 1997.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer