Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Unha escola de improvisación

Unha escola de improvisación

JAZZ/BLUES | outubro 3, 2005

Imprimir

Hai xa trece anos, Pontevedra incorporaba ao seu programa de festas do verán un tímido festival de jazz. Aos poucos, a iniciativa foi gañando adeptos e conseguiu converterse nunha das principais citas para os afeccionados a este xénero. Na busca de difundir dalgún xeito ao longo de todo o ano a presenza da música na cidade, nacía no ano 2001 o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Esta iniciativa, na que participan algúns dos máis destacados intérpretes do país, preséntase coma o posible xermolo dun centro profesional de ensino para esta música.

Todo comezou a partir dun festival coma tantos outros. Sen embargo, aos poucos, Pontejazz, o Festival de Jazz de Pontevedra foi revelándose coma un éxito de público e de crítica ata conseguir facerse unha cita imprescindible do xénero en Galicia. Coa intención de responder a ese apoio, desde o Concello de Pontevedra comezou a buscarse o xeito de ampliar a presenza desta música na cidade. A resposta chegou desde o Morrazo. “O seminario comezou cun curso de iniciación ao jazz que facíamos en Cangas con Abe Rábade”, explica Luís Miguel Carballo, coordinador do Seminario Permanente. “No ano seguinte xa iniciamos alí un seminario permanente, e despois decidimos trasladarnos a Pontevedra para chegar a máis xente”.

Formación de grupos
Deste xeito comezou unha actividade que, no seu quinto curso, reúne cada ano uns trinta alumnos. Entre setembro e xuño, os participantes aprenden as bases deste estilo, composición, harmonía, historia, arranxos e mesmo técnicas de improvisación e ensamblaxe, a razón de dúas clases semanais. Coma profesores contan con dous dos máis destacados nomes do jazz do país, Abe Rábade e Paco Charlín, que se axudan de medios audiovisuais e da participación dos máis destacados músicos da Península e mesmo o estranxeiro. João Guimarães, Donald Ewards, Nuno Ferreira, Raynald Colom ou Chris Kase son só algúns dos nomes que se achegaron a estes ciclos formativos. “Iniciamos as aulas fomentando que a xente tocase en grupo, que era unha das grandes carencias do jazz en Galicia, e a partir de aí fomos modulando iniciativas para buscar unha maior participación, sinala Carballo. Deste xeito, os alumnos que participan na actividade organízanse en varios combos completos que comprenden voz, instrumentos solistas, piano, guitarra, baixo ou contrabaixo e batería. A formación xeral das aulas compleméntase con cursos especializados en diferentes técnicas, estilos e instrumentos canda a ‘masters class’ que contan coa presenza dos máis destacados nomes do jazz que visitan o noso país e que acadan unha ampla aceptación entre os interesados neste campo.

Crear profesionais
Moitos dos participantes no seminario repiten de edicións anteriores, o que está a permitir que do seminario estean a xurdir grupos cada vez mellor formados. “Vese unha evolución ano a ano”, destaca Carballo, “e a maioría dos participantes está a se profesionalizar nesta música”. Galicia enteira, o Norte de Portugal, Madrid ou Burgos son as zonas de orixe dos alumnos. “É curioso pero mesmo temos algún caso de xente de Madrid que quere achegarse a vivir a Pontevedra polo Seminario”. Michel González, Max Gómez, Hixinio da Silva ou o grupo S.O.S son algúns dos nomes galegos que están xa comezando a saír desta experiencia. “Xa están a un nivel bastante profesional, e algún deles métese agora a editar o seu primeiro disco”.

Cara a formación regrada
Os organizadores destacan a importancia deste seminario ante as eivas que existen no campo formativo do jazz en todo o Estado. “Ata hai moi pouco non había titulacións de jazz en España, agora acaban de implantarse en Cataluña e en Euskadi. Tamén existen estudos deste tipo no Porto. Sen poder ofrecer a titulación coma estas escolas superiores, o seminario está marcando un nivel mesmo superior con poucos medios. Moita xente está quedando no seminario e practicando para ir despois fóra obter o título”, asegura Carballo. Deste xeito, non é de estrañar que este espazo se perfile coma o centro de ensino desta música no país. “Poderíase aproveitar o Seminario Permanente e a experiencia para que houbese unha formación regrada sobre jazz en Galicia. Hai poucas iniciativas que se poidan comparar con isto, temos o nivel de jazz no máis alto da Península”, destaca o coordinador. Aínda que hai escolas privadas coma Estudio e Drops en Compostela ou a Aula de Jazz da Coruña, non existe formación específica no estilo dentro dos plans de estudos dos conservatorios galegos.

A evolución en discos
Unha das iniciativas máis orixinais que se desenvolve no marco deste curso é a edición dun CD ao final de cada ano no que se poden ver os resultados da actividade. “Esta é unha iniciativa nova na Península, permite aos alumnos ver os seus progresos. A única maneira de ver a evolución da música é escoitándoa”. Deste xeito, están na rúa “Cruzada” que recolle os traballos do curso 2002-2003, “Gajaezzia”, do terceiro curso e “Jazz no Principal”, que recolle unha selección de temas que se interpretaron ao longo do 2005 no Teatro Principal de Pontevedra e no que músicos coma João Moreira ou Carlos Barretto aparecen arroupados polos estudantes do seminario. A estes incorpórase neste mesmo outubro de 2005 “Nimbus” un álbum dobre que recolle os traballos da última edición do Seminario. “Ningún conservatorio está a facer isto, e é unha iniciativa que está a sentar un precedente moi interesante”, destaca o coordinador.

Seminario de público
Ademais de profesionais, o Seminario ten no seu haber a responsabilidade de crear tamén un público. “Sobre todo créase un público crítico que coñece o xénero. Hai unha serie de xente que asistiu ao seminario que ao longo destes anos creou esa base que entende un pouco máis de música”, explica Carballo. “Estamos a achegar o jazz a todos os públicos, coa edición de discos, concertos didácticos a escolares, no resto da Península e en Portugal estanse movendo moitas cousas en torno a esta actividade”. Este traballo, canda a existencia dun número crecente de actividades relacionadas co jazz no noso país, coma os festivais de Lugo, Ourense, Vigo ou os xa mencionados de Cangas e de Pontevedra, fan pensar na posibilidade dun incremento na presenza deste estilo na nosa vida cultural. “Os festivais deben prestar máis atención aos músicos galegos, aproveitar a presenza de artistas internacionais para que deixen o seu ensino e facer máis fincapé na cuestión da formación”, propón Carballo.

Nos vindeiros meses
Ademais dos cursos, desde o Seminario organízase o ciclo “Jazz no principal”, que mantén acesa a lapa da música na cidade ao longo do inverno, o propio Pontejazz, o Festival Internacional de Jazz de Cangas ou diferentes cursos puntuais. De cara a este curso, e para alén de continuar coa formación e co resto de actividades, o Seminario pretende editar un libro disco de homenaxe a Charlie Parker no que os alumnos, canda a outros músicos, amosan a súa visión dos temas deste artista. Polo momento, e ata o seis de outubro está aberta a matrícula para participar na quinta edición do seminario. A partir duns coñecementos básicos de música e por seiscentos euros pódese participar nesta actividade, e coñecer desde dentro o futuro do jazz do país.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer