INTERSECCIÓN consolídase na segunda edición tendendo pontes entre arte e cine de vangarda

O Festival de Arte Audiovisual Contemporánea da Coruña dedica unha sección a creadores galegos e unha retrospectiva da Facultade de Belas Artes

INTERSECCIÓN, Festival de Arte Audiovisual Contemporánea, celebrará na Fundación Luís Seoane da Coruña a súa segunda edición, do 24 ao 27 de outubro mantendo o seu obxectivo de dar visibilidade a obras creadas por artistas situados no cruce da arte contemporánea e o cine de vangarda. O festival ofrece unha completa programación que traerá a A Coruña a artistas de recoñecido prestixio internacional entre os que destacan o cineasta e antropólogo J.P. Sniadecki, a multidisciplinar Dora García e a portuguesa Salomé Lamas, unha das máximas expoñentes actuais da arte audiovisual lusa e creadora de pezas habitualmente comprometidas. Ademais a sección Galicia que contará con obras de artistas representativos tanto dentro de Galicia como en España ofrecendo a proxección de 13 obras das que nove son estreas mundiais e están asinadas por autores como Carla Andrade -que presentará dúas obras-, Carme Nogueira, Félix Fernández, Alberte Pagán ou Vázquez/Arrieta -Vicente Vázquez e Usue Arrieta. Nesta segunda edición, INTERSECCIÓN dedica una programación á Facultade de Belas Artes de Pontevedra repartida en dúas sesións independentes o primeiro día e último día do festival nas que se proxectarán 46 pezas do arquivo dos 26 años de docencia universitaria en materia de videoarte deste centro.

Entre as moitas actividades da programación, que inclúen obradoiros de didáctica infantil, , mesas de coloquio ou presentacións de libros, a través da iniciativa INTERSECCIÓN LAB levarase a cabo unha mesa de traballo coordinada polo artista Enrique Lista que contará con tres traballos seleccionados a través de convocatoria aberta: Reality, de David Fidalgo; Ningún río me protexe de min de Carla Andrade e As augas non levan roupa de Nuria Mosqueira. Tanto Salomé Lamas coma Dora García e Sniadecki impartirán cadansúa master class grazas á ás colaboracións das asociacións Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA), Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) e A Colectiva, Asociación Profesional de Artistas de Galicia. Segundo declarou o director do festival, Gonzalo E. Veloso, INTERSECCIÓN quere dar este ano un paso importante cara á consolidación do evento a través de la programación, pero tamén servir como ponte entre artistas relacionados co videoarte que, desde os campos do cine ou da arte, "a cotío traballan moi de cerca sen sabelo".
Ligazóns