As imprescindibles de 'A Coruña no tempo'

Seleccionamos dez pezas da exposición 'A Coruña no tempo' que contan a historia da cidade

Seleccionamos dez pezas da exposición 'A Coruña no tempo' que contan a historia da cidade
Foto: Afundación
Machados que atravesan continentes, pinturas que agochan memorias turbulentas, documentos que gardan a memoria de vilas abandonadas, ou as chuletas dos actores do Século das Luces. A exposición A Coruña no tempo permite observar, cunha ollada distinta, a vibrante historia coruñesa.

Onte inaugurouse a exposición 'A Coruña no tempo', a cuarta entrega do proxecto Cidades no tempo, co que a Consellería de Educación e Cultura e a Fundación Cidade da Cultura, coa colaboración de Afundación, reivindican o legado cultural das cidades galegas. A exposición presenta un percorrido a través de cen pezas, entre documentos, obras de arte, obxectos da vida cotiá e obxectos arqueolóxicos que dan conta da evolución da cidade e o seu territorio, así como a conformación da súa identidade cultural.

Baixo o comisariado de Manuel Gago e coa coordinación local de Rubén Ventureira, a exposición navega pola construción da Coruña como espazo urbano pero tamén como un espazo simbólico, baixo as liñas mestras do porto e as comunicacións marítimas como o gran motor da cidade, e da conformación dunha singular cultura urbana e memoria cívica. A exposición 'A Coruña no tempo' pódese visitar en Afundación A Coruña ata o 16 de setembro.

Manuel Gago selecciona dez pezas imprescindibles da exposición.

1. Tríptico dos homes de Brigantia
Camilo Díaz Baliño (1919-1921).
Colección da familia Díaz Pardo




A Coruña é a única cidade galega na que conta con dous mitos fundacionais que, ademais, converxen no mesmo lugar: o mito do Atlántico e o mito do Mediterráneo, Breogán e Hércules. O mito do Atlántico é o máis antigo, co faro como un 'intercomunicador' coas Illas Británicas. O mito do Mediterráneo, formulado xa por Afonso X, céntrase en Hércules como fundador da monarquía hispánica e cobrará importancia coa instalación das institucións da Coroa na Coruña ao longo do século. Será aí cando Xerión apareza no escudo. Coa chegada dos exiliados irlandeses á cidade a finais do XVI e principios do XVII, pero sobre todo co Rexurdimento e o galeguismo, o mito do Atlántico collerá novos azos. Todo isto fai que ás veces a cidade sexa máis de Breogán e outras máis de Hércules. O Tríptico dos Homes de Brigantia de Camilo Díaz Baliño é parte do mito do Atlántico. A partir dun relato de Risco, o galeguismo de preguerra establece simbolicamente os límites. Desde Brigantia (dereita) lévase o Grial ata o seu destino final no Cebreiro (esquerda).

2. Machado de xadeíta de Monte Alberto (Elviña)
4000 a.C.
Real Academia Galega.




A privilexiada condición marítima do territorio coruñés converteuno nun nodo de comunicacións desde a propia prehistoria. Este machado, atopado por Lugrís Freire no monte Alberto (Elviña), é o obxecto máis antigo da exposición e unha pequena xoia. En febreiro deste ano un equipo de arqueólogos liderado por Carlos Rodríguez Rellán descubriu a procedencia orixinal do peculiar mineral verde co que foi feito o machado, a xadeíta, nunhas canteiras dos Alpes italianos. Non está claro como chegou o machadiño ata o monte Alberto, pero unha hipótese probable é que atravesara a actual Francia e chegara desde a Bretaña francesa, zona coa que eran frecuentes os contactos marítimos con Galicia. Testemuña as importantes relacións prehistóricas dentro da fachada atlántica europea.

3. Documento para desfacer a poboación do Burgo
Confirmación de Sancho IV do privilexio de Fernando III de 1235 ordenando ao comendador de Faro desfaga a poboación do Burgo
1286
Arquivo Municipal. Concello da Coruña.




Case como nunha traxedia shakesperiana, para que A Coruña nacera outra poboación debía morrer. O Burgo era un núcleo urbano florecente fundado pola aristocracia galega e no que o mosteiro de Sobrado tiña importantes intereses. Coa aposta do rei Afonso (VIII na cronoloxía galegoleonesa, IX na castelá) polo porto da Coruña en 1208, a poboación do Burgo do Faro –onde tamén estaba establecida a Orde do Temple- converteuse nunha incómoda competencia. Os sucesivos reis emitiron ordes para desfacer a poboación.

4.As chuletas dos actores coruñeses do século XVIII
Loa para a comedia intitulada El más justo rey de Grecia
Arquivo municipal. Concello da Coruña.




A Coruña era no século XVIII a cidade de referencia de Galicia, concentrando institucións xudiciais, de administración gubernativa, militares, un importante grupo de mercaderes galegos e foráneos. Todos constituían un espazo dinámico animado tamén pola instalación dos Correos Marítimos que, desde 1767, conectaban España con América. Nesa altura a cidade xa contaba con equipamentos teatrais, dos primeiros de Galicia xunto con Ferrol. Este libreto da comedia "El más justo rey de Grecia" pertenceu os actores da cidade, e está dividido en chuletas para cada un dos papeis.

5. Bandeira das Alarmas da Xunta Suprema do Reino de Galicia
1808-1809
Museo Arqueolóxico de San Antón (depósito do Museo de Belas Artes da Coruña)




A Coruña, sede da Capitanía Xeral e da Real Audiencia, concentraba as institucións de poder civil de Galicia desde finais do século XVI, e configurábase como un importante núcleo de poder. Por esa experiencia do poder, A Coruña liderou a convocatoria de Cortes galegas que asumiron para Galicia o 5 de xuño de 1808 toda a soberanía diante do goberno de Madrid, controlado polos franceses. A Xunta Suprema do Reino de Galicia, constituída polas cidades galegas e con sede na Coruña, foi a primeira experiencia de autogoberno moderna do país. Esta bandeira das Alarmas, os corpos armados da sociedade civil que foron fundamentais na expulsión dos franceses de Galicia, fai conxunto con outra similar tamén custodiada no Museo de San Antón. É unha das máis antigas bandeiras de Galicia conservadas.

6. Un Gran Casino Hotel
Anteproxecto dun edificio destinado a Gran Casino Coruñés (ca. 1914)
Arquivo do Reino de Galicia. Fondo Familia Carré.




En 'A Coruña no tempo' aparece documentación de construcións existentes, de construcións desaparecidas pero tamén de construcións que nunca se chegaron a facer, pero son evidencia DFde determinadas estados de ánimo e intereses nas cidades. A principios do século0 * XX A Coruña presentouse como un gran lugar de veraneo para a burguesía, na liña doutras cidades europeas da costa atlántica ou mediterránea. O problema era a carencia dunha gran infraestrutura para atender o turismo de luxo. O Gran Casino Hotel, que se ía instalar en Riazor, pretendía solventar este problema, pero non se chegou realizar. Con todo, a vocación da Coruña como unha cidade de veraneo continuou ata hoxe.

7.Coroa poética de Curros Enríquez
1908
Isidoro Brocos.
Casa Museo Curros Enríquez de Celanova (Depósito da Real Academia Galega)




Non se pode entender o Rexurdimento, o nacemento da identidade moderna de Galicia tanto no político coma no cultural, sen A Coruña. Na cidade residían boa parte dos intelectuais e políticos que protagonizaron os grandes proxectos de toma de conciencia de Galicia. Entre eles, a creación das grandes figuras do país. Como Manuel Curros Enríquez, o poeta que tivo a honra de recibir a primeira coroación poética de Galicia, nun multitudinario acto no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. A espectacular coroa foi elaborada polo gran escultor galego do momento, Isidoro Brocos.

8. A memoria civil da cidade
Bustos dos séculos XIX, XX e XXI
Varios prestadores




Se algo distingue á Coruña é a construción dunha memoria civil a través das grandes figuras da cidade desde o século XIX. Rúas e prazas están cheas de bustos e estatuas a grandes mulleres e homes da cidade que, coa súa memoria, representan valores cívicos. A instalación, inspirada nos columbarios romanos nos que se veneraba a memoria dos devanceiros das familias, permite observar tamén os propios cambios de valores da sociedade coruñesa. Desde os militares e soldados heroizados no XIX (María Pita, Espoz y Mina, Porlier, sir John Moore) ata o tempo dos literatos (Pondal, Rosalía, Pardo Bazán), os mecenas (Eusebio da Guarda ou Modesta Goicuría) ou un mundo máis diverso (María Casares ou Arsenio Iglesias).

9. Unha cartografía mariñeira e submarina da Coruña
Xosé Iglesias.
2023




O mariñeiro, poeta e pintor Xosé Iglesias recibiu un encargo moi singular por parte do comisario de A Coruña no tempo. A de consignar nunha cartografía o universo dos pescadores da Coruña. A cidade naceu asociada ás bondades do porto e á riqueza do mar do golfo ártabro. En colaboración con mariñeiros vedraios da cidade e co escritor e músico Xurxo Souto, Iglesias retratou o universo submarino no que ducias de xeracións de pescadores da cidade levan traballando séculos. Un mapa destinado a permanecer como memoria do mar coruñeés para futuras xeracións.

10. Costa da Belle-Île
Xermán Taibo
1915
Colección de Arte Afundación




Xermán Taibo (A Coruña, 1889 - París, 1919) foi un prometedor pintor, formado en Bos Aires e residente posteriormente no París da Belle-Époque. A súa obra comezou a ser recoñecida na cidade, expoñendo na segunda mostra de arte galego e adquirindo o concello coruñés varias obras do autor. Con todo, este cadro pertencía ao patrimonio persoal do alcalde Alfredo Suárez Ferrín, o último alcalde republicano da cidade. Cando o alcalde foi detido polos golpistas o 21 de xullo de 1936, o cadro foi agachado por amigos da familia xunto con outras pertenzas. O obxectivo é que a familia dispuxera dun fondo de reserva para saír adiante no caso de que Suárez Ferrín fora executado polos franquistas, como así sucedeu o 31 de agosto, no Campo da Rata.