culturagalega
consello da cultura galega

Unha sombra con moito brillo

Publicado o 17 Apr 2012

eclipse_1912_grupoO 17 de abril de 1912 unha eclipse de Sol percorreu parte da superficie terrestre. No seu movemento, a Lúa interpúxose diante do Sol durante un curto tempo, proxectando un cono de sombra cuxo vértice foi varrendo a superficie da Terra seguindo unha estreita liña. Ese pequeno círculo de sombra no que a eclipse era total –tecnicamente chamado “umbra”– medía unicamente uns poucos metros de diámetro –entre 160 e 5 000 m segundo os cálculos da época–, de tal xeito que as persoas interesadas en estudar ou simplemente gozar do fenómeno tiñan que calcular moi ben con antelación a franxa pola que ía pasar a sombra.

Os cálculos indicaban que, no momento de máxima intensidade da eclipse, a sombra pasaría por unha zona moi concreta do planeta Terra: comezaría no océano Atlántico para a continuación entrar en Portugal por Porto, atravesar parte de Galicia e saír por Xixón para continuar cara a París, onde comezaría a perder intensidade. Os astrónomos fixeron os seus cálculos e concluíron que as mellores localidades para buscar fonda e ir presenciar e estudar o fenómeno eran Verín, Viana do Bolo, O Barco de Valdeorras e Cacabelos. E para alí foron.

En Cacabelos instaláronse astrónomos enviados polo Ministerio de Instrucción Pública e tamén dos observatorios de San Fernando e Madrid, e incluso científicos da Universidade de París (a eclipse tamén pasaba moi preto de París, pero con menos intensidade). O outro punto quente era O Barco, onde se instalou a expedición científica de Josep Comas i Solà, un astrónomo de gran relevancia, director do Observatorio Fabra, presidente da Sociedad Astronómica de España e coñecido divulgador científico.

Estudar esa eclipse era de gran importancia para os astrónomos, así que non dubidaron en trasladarse aos lugares nos que supostamente se podería presenciar en mellores condicións. A cousa tiña o seu mérito, xa que unha confusión de metros ou segundos podería botar a perder a viaxe: había que calcular moi ben onde montar os aparatos de observación, xa que o círculo de sombra no que a eclipse ía ser total era moi pequeno, pero ademais esa sombra non estaba quieta, senón que viaxaba pola superficie da Terra a toda velocidade, de tal xeito que no lugar de observación o “momento de totalidade” da eclipse duraba ¡menos dun segundo!

Deste xeito, debido á reloxería do Sistema Solar e os seus astros, hai agora 100 anos O Barco de Valdeorras converteuse durante uns días no centro da astronomía mundial. A chegada de forasteiros espertou o interese da xente, que tivo oportunidade de presenciar un evento científico único. A foto que ilustra este artigo (cedida amablemente por Ricardo Gurriarán) amosa claramente a expectación que levantou o evento astronómico nos habitantes d´O Barco. Expectación que ao mellor se veu un pouco defraudada pola brevidade do momento estelar –nunca mellor dito– de máxima ocultación do Sol, que durou un instante. Como comentaba despois Comas i Solà: “Ya ha tenido lugar el ansiado fenómeno astronómico. Para el público, en general, ha sido una decepción. Para los astrónomos ha sido uno de los eclipses más importantes que se han estudiado y cuyos resultados prometen ser, después de discutidos, del mayor interés”.

Pero a pesares da fugacidade da eclipse total (logo os expertos discutirían se fora total ou anular), aquel evento astronómico segue espertando o interese e animando á xente a afeccionarse pola astronomía. Estes días celébrase cun amplo programa de actividades o centenario daquela observación, grazas ao traballo e entusiasmo de afeccionados, científicos e divulgadores. Unha estupenda ocasión para lembrar aqueles días e ir de expedición a O Barco.

Grazas a Dosi Veiga e Salvador Bará pola súa axuda.
Na seguinte ligazón podes baixar o programa do centenario: http://www.concellodobarco.org/fileadmin/obarco_user/Noticias/centenario_da_eclipse_dipticos.pdf
Web con vídeos e imaxes da eclipse: http://www.aristarco.org/Astrotemas/Eclipse%201912/Eclipse%201912.htm
“El curioso eclipse total de 1912”: http://www.astrosafor.net/Huygens/2000/H22/Eclipse1912_1.htm

Lingua, mente e puntos cardinais

Publicado o 19 Jul 2011

adn_042Pode a lingua que se fala influír na maneira de pensar? Teñen mentes distintas as persoas que falan linguas distintas? Funciona de maneira distinta a mente dun galego que a dun chinés? Isto da “relatividade lingüística” é un tema de discusión clásico de lingüistas e antropólogos, e agora tamén de neurocientíficos. Aínda que a mediados do século XX a idea quedou un pouco abandonada (en parte polas propostas do innatismo ou universalismo lingüístico de xente coma Eric Lenneberg e Noam Chomsky ), na actualidade está sendo estudada con entusiasmo polos psicólogos e os resultados indican que, efectivamente, a lingua pode modelar con certa intensidade os procesos cognitivos.
O que quero contar aquí é un caso concreto, estudado pola psicóloga Lera Boroditsky. Os protagonistas son os Pormpuraaw, unha comunidade aborixe que vive ao norte de Australia coñecida pola excelente capacidade dos seus membros para orientarse no espazo. Resulta que esta xente non utiliza na súa lingua referencias espaciais relativas coma nós (“a culler está á miña dereita”, “xire á esquerda”), senón que falan da localización das cousas usando a referencia absoluta dos puntos cardinais: “a culler está ao noroeste”, ou “pásame ese libro que tes aí ao sur“. Como resultado diste absolutismo espacial, os Pormpuraaw oriéntanse moi ben xa que deben ser continuamente conscientes da localización dos puntos cardinais. Este é un exemplo de como unha particularidade lingüística pode derivar nunha habilidade na orientación espacial. Pero o máis interesante ven agora, xa que todo isto ten tamén unha curiosa consecuencia na percepción do tempo:
Se che poñen enriba da mesa unha serie de fotos desordenadas da cara dunha persoa ao longo da súa vida, e che piden que as ordenes segundo a idade, case con toda seguridade usarás unha orde de esquerda a dereita, poñendo a cara máis moza á esquerda, e a foto coa imaxe máis vella á dereita… usando o mesmo sentido que usas na escrita (e un hebreo porá as fotos de dereita a esquerda, que é como se escribe nese idioma). “Como ordenan as fotos os Pormpuraaw?” Estarás a preguntarte… precisamente a mesma cuestión que investigou L. Boroditsky. Ao pedirlle a varias persoas que ordenaran unha serie de fotos segundo o paso do tempo, a profesora Boroditsky quedou abraiada: cada quen poñía a ringleira de fotos nunha dirección e nun sentido distintos! De dereita a esquerda, de arriba a abaixo, en diagonal, de abaixo a arriba… que significaba todo iso?
A aparente desorde na maneira de colocar as fotos cobrou sentido cando se comprobou a súa orientación respecto aos puntos cardinais: os Pormpuraaw ordenan a secuencia de imaxes de leste a oeste!, ese é o seu paso do tempo: independentemente da posición da mesa e da cadeira onde están a colocar as fotos, a liña imaxinaria que indica o paso do tempo representa o percorrido que fai o Sol pola esfera celeste todos os días.

Mente e electricidade, unha parella recente

Publicado o 28 Apr 2011

adn_041O substrato físico da túa mente non está no corazón, como se pensou durante moito tempo, senón na cabeza, dentro do cranio, un óso forte e groso que por algo esta aí, recubrindo un avultamento do corpo chamado encéfalo. Agora a ninguén lle chama a atención a frase anterior, parece que todos nacemos con ese coñecemento xa adquirido. Pero non, trátase de coñecemento científico convertido en sabedoría popular desde hai relativamente pouco tempo, uns poucos séculos. Non sempre tivemos claro que o encéfalo é a máquina que produce o “eu”.

Hai outra característica da actividade encefálica que hoxe tamén é coñecida e está asimilada pola maioría da xente: funciona con electricidade. Mais este é un coñecemento sorprendentemente recente. A pesar dos experimentos do italiano Luigi Galvani a finais do século XVIII sobre a electricidade dos músculos, tiveron que pasar case 100 anos para que alguén medira as flutuacións eléctricas do cerebro – “moito músculo e pouco cerebro”, que diría alguén.

No ano 1875 un médico inglés chamado Richard Caton, presentou no congreso da Asociación Médica Británica unha comunicación onde afirmaba que ao aplicar os dous extremos dun galvanómetro –o precursor dos “multímetros” ou “tester” que usan hoxe todos os electricistas– ao encéfalo de coellos e monos podía medir flutuacións eléctricas. Na minúscula nota escrita que se publicou nas actas do congreso para dar conta do seu traballo indicaba que “as correntes eléctricas da sustancia gris parecen estar relacionadas coa súa función”.

A pesar da acertada visión de Caton, sorprendentemente tiveron que pasar unha chea de anos ata que alguén se puxo a buscar esa electricidade nos seres humanos. Un detalle importante é que Caton accedera directamente ao encéfalo, apartando o óso do cranio; iso non se podía facer en humanos vivos, polo que había que agardar a que a tecnoloxía proporcionara sistemas máis sensibles, para medir sen romper nada. Tivemos que agardar ata que en 1929 un psiquiatra alemán chamado Hans Berger se decidiu a publicar unhas medicións do que el chamou “electroencefalograma” –o actual EEG. Non era plano, nin o de Berger nin o das persoas nas que aplicou os seus aparatos, xa que rexistrou unhas oscilacións que amosaban claramente as variacións de potencial eléctrico do encéfalo. Desde aquela non pasou nin un século.

Imaxino que Berger sabía que andaba a fedellar con algo delicado, xa que levou as súas investigacións con moita discreción e, a pesar de que as súas primeiras medicións de EEG son de 1924, non publicou nada ata cinco anos despois. Logo chegaron os nazis, a depresión e o suicidio. Cando o comité sueco que xestiona os premios Nobel se puxo a buscar a Hans Berger, atopou que o seu encéfalo xa non producía electricidade.

Écdise inminente

Publicado o 01 Feb 2011

As referencias, os fitos históricos e filosóficos son esenciais para a identidade. Hai que agarrarse a algún sitio para gañar estabilidade e ser quen, desde esa atalaia, de observar o conxunto e sacar conclusións coherentes. Aínda que o anterior pareza evidente, non é unha actitude común na ciencia moderna –a que se fai desde hai douscentos anos. Un bo número dos científicos actuais pode facer ben o seu traballo, obter resultados de calidade e até gañar premios sen despeitear un só libro de historia e filosofía da ciencia, ou cando menos de historia da súa ciencia concreta. Teño a impresión de que así funciona a maioría.

Hai un erro importante, no cal colaboran con entusiasmo as universidades, na idea de que para facer ciencia chega con coñecer o corpus que está vixente no momento actual. Segundo isto, as teorías desbotadas, os camiños equivocados, ou as raíces que levaron aos conceptos actuais non son necesarios. Unha perda de tempo estudando vías mortas…

Certo que os científicos poden facer un bo traballo sen todo iso, e facer que a nave da ciencia siga, imparábel, a navegar polo mar do coñecemento. Mais serán uns científicos sen fitos. Uns científicos que aboian, cun campo de visión limitado. É como mirar unha película dun IMAX a través dun rolo de papel hixiénico –cando menos hai papel para secarse as bágoas.

Fíxome pensar no anterior a lectura dun fermoso parágrafo de Thomas H. Huxley –dos Huxley de toda a vida– do seu libro Man’s place in nature (un libro que, ata onde sei, nunca se traduciu ao galego, nin ao español, mágoa). Publicou o libro en 1863, catro anos despois de que Darwin sacara á luz o seu A orixe das especies. Huxley viu claramente que a obra de Darwin remataba coa visión mística do ser humano como xefe da creación, que pasaba a ser un bicho vivinte máis dentro da natureza. Coñecía o proceso histórico de desenvolvemento das ideas e cheirou a revolución que se achegaba:

“A historia mostra que a mente humana, alimentada por constantes accesos de coñecemento, crece periodicamente demasiado para soportar os recubrimentos teóricos, e estoupa en anacos para aparecer cunha nova vestimenta, do mesmo xeito que o verme en crecemento, de cando en vez, desfaise dunha pel demasiado estreita e vístese con outra, que de novo será temporal. Certamente, o estado de imago do Home parece estar terribelmente distante, mais cada muda é un paso gañado, dos cales haberá moitos. [] … unha nova écdise parece inminente”.

Saberán os científicos do século XXI detectar as vindeiras écdises? Ou pensarán que isto da ciencia consiste unicamente en soprar nun globo que se infla, e se infla…? Ao mellor si, e resulta que xa gastamos todos os globos que había.

Jeremiah Horrox, astrónomo afeccionado e científico pioneiro

Publicado o 11 Jan 2011

adn_039Se estás a ler este artigo antes do 6 de xuño de 2012, parabéns, aínda estás a tempo de presenciar un raro acontecemento astronómico. Se xa estás no futuro, o meu futuro, e encontraches este texto cerca do ano 2117, tamén es afortunado.
Pero vaiamos por partes…

A ciencia non é unha profesión, é unha maneira de afrontar o coñecemento da realidade. Aínda que os estudos universitarios son normalmente un requisito para entrar a facer parte de institucións, academias e outros inventos, non son necesarios para facer ciencia. A ciencia é unha actitude, non un título, e calquera persoa pode dedicarse a ela se se enfronta ao coñecemento da natureza desde unha perspectiva racional, escéptica, rigorosa e metódica. O que ocorre hoxe en día é que, debido precisamente ao éxito da ciencia, para avanzar nese coñecemento normalmente é preciso utilizar instrumentos de medida caros, equipos de investigación multidisciplinares ou outros requisitos que non se obteñen facilmente fora do ámbito universitario ou empresarial.

Pero cada un de nós, desde a nosa casa, podemos facer achegas de calidade ao coñecemento. Probabelmente o mellor exemplo sexan os astrónomos afeccionados, que forman unha comunidade que non deixa de achegar rigor e entusiasmo á exploración do Cosmos, cunha longa lista de importantes descubrimentos. Un exemplo recente foi a observación que fixo Anthony Wesley, un astrónomo amateur australiano, dunha colisión en Xúpiter en xullo de 2009, confirmada despois polos organismos “oficiais” (ver ligazón ao final).
Pero aquí vou contar unha historia moito máis antiga…

Na longa lista de grandes científicos anónimos está Jeremiah Horrox, o primeiro ser humano, que saibamos, en observar conscientemente un tránsito de Venus.
En 1639 Horrox era un clérigo inglés, un mozo que tiña ao seu cargo una parroquia nunha pequena e remota zona do condado de Lancashire. Tiña 21 anos e era pobre, moi pobre, mais tamén era afeccionado á astronomía, de xeito que foi quen de mercar un telescopio. Dedicábase a observar o ceo, e tamén facía cálculos moi precisos das órbitas da Lúa e os planetas. Eses cálculos indicáronlle algo fascinante: debería ocorrer un tránsito de Venus o día 24 de novembro de 1639 (4 de decembro segundo o calendario actual).
Os tránsitos de Venus, paseos que, observados desde a Terra, fai o planeta por diante do Sol, son acontecementos moi pouco frecuentes. Ás veces unha vida enteira non chega para observar un deses fenómenos. Pero Jeremiah estaba de sorte: encontrábase no momento axeitado. Ademais, reconfortaba saber que os seus cálculos coincidían en grande medida cos que anos antes fixera Johannes Kepler. O famoso astrónomo alemán prognosticara que o fenómeno comezaría a verse ás 8 h e 1 min; Horrox, pola súa banda, escribiu: “de acordo coas miñas propias correccións, agardo que ocorra ás 5 h 57 min Pm en Manchester”. A discrepancia con Kepler levoulle a suxerir que, para estar seguro de non perderse o espectáculo, o mellor era estar atento todo o día 24, e tamén o serán do día anterior e a mañá do seguinte. Estas indicacións e suxestións tiñan realmente un único destinatario, o seu amigo William Crabtree, un comerciante de Manchester, tamén afeccionado á astronomía, ao que avisara do evento.

Finalmente chegou a data prevista. Horrox preparou o telescopio para que o Sol proxectase a súa imaxe nun anaco de papel. Observou o Sol ao longo do día 23, “de maneira coidadosa e constante”, mais non aconteceu nada, tampouco o agardaba. Confiaba nos seus cálculos. O día 24 comezou a observar de novo coa saída do Sol, pero xustamente nese día clave tivo que facer varias interrupcións: resulta que era domingo e tiña que dar varios sermóns! En canto podía, regresaba rapidamente ao seu cuarto, onde tiña montado o observatorio. É difícil facerse unha idea da emoción que Horrox debeu de experimentar ao longo dese día. A xornada pasaba entre sermóns e observacións, a noite estaba cada vez máis cerca e Venus non aparecía.
Mais finalmente, ás 3 h 15 min da tarde “contemplei un agradábel espectáculo, un punto, que tiña sido o obxecto dos meus desexos máis fervorosos”. Efectivamente, era Venus que comezaba o seu fachendoso paseo entre a Terra e o Sol. Nese momento Jeremiah Horrox, un rapaz pobre e anónimo, era o único e o primeiro ser humano que presenciaba con astronómica premeditación un tránsito de Venus. Se houbo alguén máis, non llo contou a ninguén.
William Crabtree tamén estaba atento ese mesmo día, pero as nubes que tapizaban o ceo de Manchester foron menos piadosas con el e non lle permitiron presenciar o tránsito ata as 3 h 35 min, e unicamente durante uns instantes.
Horrox deixou escrito o relato destes acontecementos e dese xeito entrou na historia da ciencia. Aproximadamente un ano máis tarde tiña previsto un encontro con Crabtree, para o 4 de xaneiro de 1641, pero Horrox morreu subitamente o día anterior. A pesares de vivir separados unicamente por uns 50 km, a súa pobreza lles impedira emprender con anterioridade tan “longa” viaxe. Nunca chegaron a coñecerse persoalmente. Horrox tiña 22 anos.

O vindeiro tránsito de Venus será o 6 de xuño de 2012. Non haberá outro ata o 11 de decembro de 2117. Así que xa sabes, anótao na túa axenda!


O descubrimento que fixo o astrónomo amateur Anthony Wesley en 2009

Sobre o tránsito de Venus

Aprendendo a mirar para poder ver

Publicado o 21 Sep 2010

Nos mares do Xapón hai uns cangrexos cunha cuncha que semella a cara dun samurai enfadado. Non un samurai calquera, senón un samurai Heike. Resulta que os samurais Heike foron derrotados polo clan dos Genji no século XII, nunha batalla naval que rematou cos perdedores no fondo do mar. A tradición conta que aínda seguen aí, paseándose convertidos en cangrexos.

Na obra “Cosmos” Carl Sagan apuntaba unha posíbel explicación a tan extraordinario parecido: a selección artificial (aínda que inconsciente) desenvolvida polos supersticiosos mariñeiros da zona ao longo dos anos. Cada vez que collían un cangrexo que se parecía algo a un samurai enfadado, non o comían, senón que o devolvían ao mar. Dese xeito foron moldeándose os xenes que dan forma ao caparazón. A historia é atractiva, mais probabelmente non sexa a explicación correcta, hai outras opcións posíbeis. Mais non vou falar delas (se che interesa o tema podes seguir a ligazón que hai máis abaixo).

O que me trae aquí é un dos argumentos que se teñen usado para rebater a explicación anterior: os cangrexos Heike son moi pequenos, a cuncha mide como moito 3 cm de ancho. Menuda minucia, iso non o quere para comer ninguén; os mariñeiros devolverían ao mar todos os individuos e non únicamente os que tiñan cara de guerreiro xaponés. Así non puido haber nin selección artificial nin nada… Interesante argumento, parece verosímil, mais ten un problema: é un argumento elaborado por un occidental, utilizando o microcosmos encefálico occidental.

O argumento non vale porque os xaponeses non comen os cangrexos únicamente como facemos nós, os occidentais de Carnota ou os occidentais de Boston. Os xaponeses tamén comen os cangrexos pequenos: enteiros. Tostados e saborosos coma unha croqueta con patas. É claro que, cando se trata de interpretar o comportamento humano é preciso ter en conta as diferenzas que poden existir entre as culturas. Diferenzas que non se limitan só a usos e costumes, senón que poden chegar tamén ao máis profundo do noso cránio. Culturas distintas poden producir mentes distintas, con elaboracións distintas da realidade. Por exemplo, o antropólogo Nigel Barley describiu a incapacidade dunha tribo de Camerún para ver e interpretar fotografías, representacións do mundo reducidas e en dúas dimensións. O seu sistema nervioso non estaba cableado para algo que non facía parte do seu esquema de representación visual (esa “cegueira cultural” para as fotografías tamén explicaba o feito de que moitos dos membros da tribo utilizasen a mesma foto para o seu carné de identidade: parece que os funcionarios tiñan o mesmo tipo de sistema visual).

Este é o tema que quería destacar aquí: o problema de utilizar os esquemas dunha cultura para interpretar o cosmos doutra cultura veciña. Isto é algo que preocupa a algúns científicos, sobre todo neurocientíficos occidentais que levan anos elaborando hipóteses e extraendo conclusións sobre a base dunha homoxeneidade psicolóxica inexistente. A inmensa maioría de estudos sobre o sistema nervioso humano e os seus procesos cognitivos fixéronse (e estanse a facer) en universidades europeas ou norteamericanas; con voluntarios europeos/norteamericanos que son polo xeral alumnos universitarios de clase media que viven en ambientes urbanos.

Segundo o anterior, existe a posibilidade de que moitos dos esquemas funcionais sobre a psicoloxía humana que adornan os libros de texto non sexan realmente representativos, ou cando menos válidos para todos os habitantes do planeta. Os humanos somos propensos a extraer conclusións con facilidade e a pensar que todos vemos as mesmas caras de samurai. Mais non, cada mente crea e ve o seu propio mundo.

Ligazón: O cangrexo samurai e a teoría da súa selección artificial (en pdf).

Eu matei a Michael Jackson

Publicado o 07 Sep 2010

O 25 de xuño de 2009 retirei un libro dunha biblioteca pública; había algo así como 20 anos que non o facía (procuro mercar practicamente todos os libros que leo, xa que sempre os encho de anotacións por todas as esquinas). Era un libro sobre a historia natural das Illas Galápagos. Esa noite, cando cheguei a casa, fixeime no nome do autor: Michael Jackson. Manda carallo, pensei, este home ten que recibir moitas bromas dos coñecidos, mira que chamarse igual que o excéntrico ese. Aproximadamente a esa mesma hora morría o cantante Michael Jackson. Cando á mañá seguinte me decatei da nova, non tiven máis remedio que pensar: vaia casualidade!

Se fora unha persoa con tendencias místicas e escasos coñecementos de estatística e probabilidade, case seguro que buscaría algún tipo de conexión misteriosa entre os dous feitos, afianzaría a miña fe nos fenómenos paranormais e acendería dous ou tres cirios para calmar aos espíritos. Non fixen tal. Non hai nada de estraño neste tipo de coincidencias, entran dentro da normalidade estatística, acontecen a miles de persoas todos os días. Pero moitos deses miles de persoas deciden darlle unha importancia excesiva á coincidencia, normalmente porque descoñecen a escasa relevancia estatística do acontecemento.

Un problema que xurde con este tipo de felices e divertidas coincidencias é que hai aproveitados sen escrúpulos que utiliza a “ignorancia matemática” da xente para quitarlle os cartos e neutralizar, aínda máis, o seu espírito crítico. Os videntes e delincuentes de similar pelaxe utilizan, mediante xiros ambiguos e baleiros de contido, a estratexia de inflar e vestir con roupaxes místicos coincidencias que entran dentro da normalidade estatística, precisamente porque contan coa credulidade que aporta o descoñecemento. “O puro azar deixa sempre lugar a unha cantidade suficiente de acertos que permitan xustificar case calquera cousa a alguén predisposto a crer”, di o matemático John Allen Paulos no seu libro “O home anumérico” (“El hombre anumérico”, Tusquets Editores). Cansado de tanta parvada, o biólogo e divulgador Richard Dawkins comenta que “non podo entender por que os astrólogos profesionais non son arrestados por fraude”.

Chama a atención a enorme difusión que seguen a ter na nosa sociedade eses negocios medievais baseados na credulidade. Probabelmente teña moito que ver a tendencia da nosa mente a estabelecer ligazóns, a buscar conexións entre as cousas. O encéfalo humano é unha máquina de interpretar o mundo, e para iso o que fai é construír vínculos entre a información que recibe. O encéfalo ten a necesidade de buscarlle un sentido ás cousas, está famento por cadrar todo tipo de círculos. Ao mellor -ou mellor, ao peor- esta tendencia irracional é tan difícil de erradicar precisamente por tratarse de algo que ven enguedellado de serie no noso tecido nervioso.

O timo da homeopatía

Publicado o 01 Jun 2010

adn_036Dicía no artigo anterior que hai prácticas diso que chaman “medicina alternativa” que son unha tomadura de pelo. Un engano a grande escala, co beneplácito non só de millóns de persoas senón incluso de moitas universidades. Ao mellor é este un bo exemplo da deriva que pode tomar o ensino superior, deixándose levar nalgúns casos por intereses económicos en vez de buscar o rigor e a razón científica.

Pero, que é iso da homeopatía? O inventor deste esoterismo médico foi Samuel Hahnemann, un médico alemán que considerou que “o similar cura ao similar”, de tal xeito que, por exemplo, para curar unha serie de síntomas hai que tomar unha sustancia que produza eses mesmos síntomas nunha persoa sa (para curar o efecto dun veleno habería que tomar o mesmo veleno). Deste xeito en 1807 cuñou o termo “Homöopathie”, que ven do grego “hómoios” (similar) e “pathos” (sufrimento). Ata onde chega o coñecemento científico, este principio carece de fundamento.

Mais a cousa non quedou ai, e a partir dese principio xeral, ao señor Hahnemann ocorréuselle, por razóns descoñecidas, que o efecto dos remedios homeopáticos aumentaría diminuíndo a concentración da sustancia utilizada. É dicir, canto máis diluída estea a mestura, máis potente será. Este curioso principio, que tampouco ten o máis mínimo sustento científico, é levado á práctica na homeopatía actual cun fervor absurdo, ata o punto de que moitos dos “remedios” que se venden están tan diluídos que non conteñen nin sequera unha molécula do principio supostamente activo. Curiosamente o feito de ter que facer moitas dilucións incrementa o prezo, de tal xeito que canta menos sustancia leve, máis caro é o frasco.

A pesar de que a cousa é completamente irracional, ou cando menos carente de explicación científica –porque, é certo, a ciencia moitas veces resulta contra-intuitiva e ata paradoxal– os defensores da homeopatía din que o remedio funciona aínda que non leve nada, xa que na auga persiste unha “memoria” do composto orixinal. Polo de agora ninguén encontrou esa suposta “memoria” da auga, cousa que, de existir, complicaría bastante a explicación, xa que esa mesma auga levaría tamén a memoria de toda a súa historia… En calquera caso, a xente segue a tomar remedios homeopáticos porque parece que funciona. Si, funciona o efecto placebo, o efecto da mente sobre o corpo cando hai unha predisposición positiva cara algo. Mais o remedio en si non fai nada, é inocuo; podes tomar todos os remedios homeopáticos que te vendan, de golpe, e non vas curar, nin enfermar, nin nada… ben, ao mellor colles un enchente de auga azucrada.

Hahnemann era, segundo parece, unha boa persoa, un home intelixente, honesto e íntegro, mais a súa homeopatía resulta, para o coñecemento científico e racional actual, tan máxica e absurda como a astroloxía ou calquera outra pseudociencia. Iso si, como negocio baseado na ignorancia da xente, a cousa non está nada mal.

Tradicións que matan, tradicións inútiles e enganos

Publicado o 06 Apr 2010

adn_035En ciencia as tradicións non son un certificado de validez, mais ben ao contrario. Isto é certo tamén na medicina, onde moitas veces existe a crenza de que as prácticas e remedios tradicionais teñen algún tipo de aval concedido polo tempo. Isto é un grande erro.

Hai exemplos de prácticas médicas que se mantiveron durante séculos e que logo se descubriu que facían máis mal que ben. Por outro lado, hai outros remedios, probabelmente a maioría dos considerados “tradicionais” que, simplemente, non fan practicamente nada -desde un punto de vista farmacolóxico-, e por iso perduran ao longo do tempo. E como ter a alguén na casa que lle da por varrer tres veces o mesmo sitio; vale, tampouco lle fai mal a ninguén.

Un exemplo de práctica médica perigosa para a saúde, pero defendida polos médicos máis prestixiosos durante moito tempo, é o da sangría; un remedio tradicional milenario ata hai ben pouco. Foi practicada como remedio para todo tipo de doenzas, pola maioría dos médicos, durante uns 2.000 anos. É moi probábel que fose a causa da morte de moitos dos doentes que a sufriron, precisamente os que tiñan cartos para poder recibir a visita dun médico. Ao longo período da medicina oficial-pseudo-científica, que chega ata mediados do século XIX, se lle chama tamén “medicina heroica”, non sei se referíndose aos médicos ou aos doentes. Voltaire dicía que “os doutores son homes que prescriben menciñas das cales coñecen pouco, para curar doenzas das que saben aínda menos, en seres humanos dos que non saben nada”. E Molière, que lle tiña pánico aos médicos, dicía que “case todas as persoas morren dos seus remedios e non das súas enfermidades”. Nin sequera George Washington, o primeiro presidente dos EEUU, puido librarse deste “remedio tradicional”: o día da súa morte foi sangrado cinco veces, de maneira que perdeu aproximadamente a metade do seu sangue. Parece ser que ese “remedio” foi precisamente o que lle causou a morte. Afortunadamente hoxe en día as cousas xa non son así, e a maioría das prácticas médicas están baseadas en coñecementos científicos.

Por outro lado, hai remedios tradicionais que teñen un certo prestixio curiosamente en moitos casos pola única razón de ser tradicionais, xa que nunca se demostrou de maneira clara a súa eficacia. O exemplo máis claro é o da acupuntura, técnica que se ensina en moitas universidades e que é practicada por moitos médicos. É claro que a acupuntura non produce un dano á saúde como a sangría, e ata pode causar efectos beneficiosos sobre varios tipos de doenzas; mais nunca se demostrou con seguridade que eses efectos sexan distintos ou superiores ao chamado efecto placebo -a melloría non se debe ao “remedio” que se utiliza, senón á suxestión do paciente-. Para a ciencia, que sexa unha tradición milenaria china non quere dicir nada. Como xa comentei noutro artigo, os seres humanos estivemos trece séculos confundidos no número de costelas que temos… é algo que non fai dano a ninguén e que por tanto pode estenderse no tempo.

Ben, e finalmente están os remedios tradicionais que teñen unha grande aceptación social e que son, simplemente, ata onde sabemos, unha tomadura de pelo, como a homeopatía. Habería que preguntarse como é posíbel que tanta xente poida ser enganada tan facilmente.

Perdendo neuronas

Publicado o 24 Mar 2010

adn_034Dentro do cranio temos un montón de neuronas, miles de millóns. O momento no que máis temos é cando somos rapaces, ao finalizar o desenvolvemento do encéfalo. Logo van morrendo pouco a pouco, continuamente, inexorablemente e, como é un tecido cunha capacidade limitada de renovación, cada vez van quedando menos. Calcúlase que perdemos algo así como unha neurona por segundo; desde que comezaches a ler este texto xa perdiches algo así como 15 neuronas!

Ao cabo de toda unha vida, con este ritmo constante de morte de células, perdemos aproximadamente un 3 % do total. É unha porcentaxe baixa e normalmente hai neuronas suficientes para que o sistema funcione máis ou menos ben. Pero nalgúns casos a taxa de morte neuronal é máis alta e iso pode notarse ao chegar a certas idades: enfermidades como o Alzheimer ou o Parkinson son manifestacións dunha excesiva perda de neuronas. Paradoxalmente estas enfermidades son máis comúns agora que séculos atrás, cando a medicina estaba menos desenvolvida: a xente vivía menos anos e por tanto estes males, que son en certa medida produto do paso do tempo, non chegaban a manifestarse.

A que se debe esta incapacidade do sistema nervioso central para reproducirse? Como é que as neuronas do encéfalo non se multiplican coa mesma facilidade que o fan os glóbulos vermellos ou as células da pel? Hai cando menos unha razón importante: as neuronas que levamos dentro do cranio son o substrato da nosa individualidade, da consciencia, da memoria, de todos os recordos que imos acumulando desde rapaces. Cada día, cando espertamos pola mañá, somos a mesma persoa que o día anterior, recoñecemos o noso “eu”, e iso é así porque o armazón sobre o que se apoia a individualidade -as neuronas e as súas conexións- se mantén ao longo do tempo. Se o sistema puidera reproducirse coa mesma facilidade que o fan outros tecidos, sería moito máis difícil manter a estrutura da individualidade, manter o “eu” e a memoria ao longo do tempo.

Mais ollo, que as neuronas sexan as mesmas non quere dicir que o encéfalo sexa un sistema ríxido: as conexións que establecen as neuronas entre si mudan coa experiencia, e iso permite o desenvolvemento da memoria, a aprendizaxe de tarefas novas e a recuperación logo de sufrir algún tipo de lesión. O sistema nervioso é estábel pero, ao mesmo, moi plástico. A perda paulatina de neuronas pode compensarse facendo traballar á máquina: aprendendo cousas novas, estimulando a curiosidade, afrontando retos cognitivos.

Nota: en xeral considérase que as neuronas dos seres humanos non se reproducen. Isto é esencialmente certo. Con todo, hai poucos anos descubriuse que nalgunhas rexións do sistema nervioso están a nacer neuronas continuamente ao longo de toda a vida. Pode que estas neuronas estean implicadas na formación de novas memorias, mais aínda non se coñece con detalle a extensión nin a magnitude deste proceso.