culturagalega
consello da cultura galega

Un tipo normal

Publicado o 30 Jan 2009

darwin.jpgCharles Darwin, un dos grandes científicos da historia, non era ningún xenio, nin un ser superdotado cunha intelixencia fora do común. E constatar isto é unha boa nova: todos podemos ser científicos, xa que o máis importante da ciencia é o espírito de escepticismo e de observación obxectiva da natureza. Ser científico é observar o mundo con curiosidade, humildade e escepticismo, e para todo iso non importa o coeficiente intelectual nin posuír un título universitario –aínda que moitas veces, na sociedade actual, algo axuda.

Non me gustan nada os mitos. A grandeza das persoas agóchase moitas veces en recunchos que nunca son iluminados pola matraca da historia repetida. Este ano que agora comeza escoitaremos falar moito de Darwin, moitas veces dun xeito haxiográfico, e pode que así non percibamos os reflexos máis interesantes e importantes da súa figura. É fácil tender a pensar que todos os científicos que deixaron a súa pegada na historia do coñecemento humano foron –e son– unha especie de súper-homes cunha mente privilexiada. En moitos casos probablemente sexa así, pero non creo que esa especia de “xenialidade xenética” apreixe a todos os heroes da ciencia, nin moito menos. As circunstancias da vida de cadaquén tamén cicelan o xenio, independentemente das habilidades mentais innatas, como creo que foi o caso de Darwin. Polas súas obras e por todo o que teño lido sobre el, estou convencido de que Darwin non era unha persoa de intelixencia “superior”. A idea da selección natural, por exemplo, está exposta dun xeito máis brillante por Alfred Wallace que por Darwin, se comparamos os breves traballos que ámbolos dous presentaron conxuntamente en 1858 na “Linnean Society” de Londres, pistoletazo de saída para a publicación de “A orixe das especies” un ano despois. Mais Darwin foi un científico que destacou por riba de todos os naturalistas do seu tempo e que desenvolveu unha visión revolucionaria da vida sobre a cal se sustenta toda a bioloxía de hogano. Como fixo? Observou a natureza con gozo e extrema curiosidade, cunha mente libre de prexuízos; buscou probas con paciencia, perseveranza e tesón antes de convencerse e dar algo por feito; foi humilde ata extremos inconcibibles hoxe en día; viaxou por todo o mundo, observou, meditou, camiñou, navegou, volveu a meditar. E todo sen presas. Foi un científico modelo, un dos poucos. Hoxe hai moito currículo e moita présa, pero poucos científicos coa calidade de Charles Darwin.