culturagalega
consello da cultura galega

Guantánamo ou o ADN

Publicado o 17 Feb 2009

O señor Javier Arenas non sabe onde queda Guantánamo (CQC 24/11/08), tampouco sabe explicar que é o ADN. Non sei se reaccionar con incredulidade ou rabia; resulta inverosímil que un representante dos cidadáns ande por aí empoado con tamaña ignorancia. Seguro que hai moitos outros políticos con carencias similares, de xeografía, de bioloxía elemental e de vaite ti a saber que e, por suposto, que hai moitísimos cidadáns que teñen as mesmas carencias do señor Arenas, e que incluso tampouco saben quen é ese señor. Pero neste caso concreto xúrdeme a seguinte cuestión: cal dos dous descoñecementos é máis grave?

Guantánamo, ao fin e ao cabo, é un punto da xeografía que, á parte da canción Guantanamera -popular peza cubana que fala dunha muller de Guantánamo-, é un tema constante nos medios de comunicación desde hai só uns anos; pola súa banda, o ADN -tema tamén constante en todos os medios- é o Santo Graal da bioloxía, a molécula da vida no planeta Terra. O descubrimento da súa estrutura é un dos catro ou cinco fitos máis importantes da historia da ciencia, e polo tanto da historia do coñecemento humano. Dentro duns anos os dramas humanos cambiarán de protagonistas e as miserias dos políticos serán outras e, de novo, poucos saberán situar a Guantánamo nun mapa. Pero o papel do ADN na cultura humana seguirá sendo exactamente igual de importante, o mesmo que o coñecemento da estrutura dos átomos ou os traballos de Maxwell sobre o electromagnetismo.

En que se apoian os políticos cando toman decisións sobre as células nai, a clonación ou a reproducción asistida se non saben que é o ADN? No que lle din os seus asesores ou os seus expertos? Sobre a base de que? Esto máis ben parece unha procesión de cegos. Ou, como dicía Gulliver acerca dos representantes nos parlamentos modernos, aproveitando as experiencias que estaba a ter nun país, este si, de difícil localización xeográfica: “un grupo de rateiros, atracadores e rufiáns”.