culturagalega
consello da cultura galega

Electricidade, que electricidade?

Publicado o 24 Feb 2009

lampadaHai cousas que usamos tan intensamente que, paradoxalmente, desaparecen. Parece que isto é un principio universal, de xeito que podemos aplicalo tanto a cousas internas -que fan parte do noso corpo- como externas. Hai un exemplo moi bo, e moi pouco ou nada coñecido, que ten que ver cos nosos sentidos: a propiocepción. En condicións normais todos podemos rascarnos a caluga. Ras, ras, ras… Parece fácil, mais é un prodixio de tecnoloxía evolutiva: movemos a man e os dedos e dirixímolos ao lugar exacto de rascado. E quedámonos tan anchos. Mesmo somos quen de tocar, coa mesma pericia, calquera parte do corpo, incluso cos ollos pechados ou nunha habitación a escuras. Que sentido estamos a usar para lograr tamaña proeza? Non se trata da vista, nin do oído, equilibrio, gusto, olfacto ou tacto (podemos pór os dedos xusto diante do sitio a rascar sen chegar a tocalo). Trátase dun sentido tan importante e que usamos tan intensamente que nin sequera nos paramos a pensar nel –e tampouco parece que o fagan os que escriben os libros de texto. Este sentido infórmanos da posición do propio corpo nas tres dimensións do espazo, de tal xeito que podemos saber onde temos as mas, os pes, etc, sen pararnos a mirar para eles. A cousa lógrase grazas a multitude de sensores distribuídos por articulacións, músculos e tendóns; unha especie de ollo xigante que engloba todo o corpo e que se chama propiocepción: a percepción dun mesmo. Unha fiestra ao interior do corpo que estás a usar agora mesmo: imaxínaste como sería a vida sen esta habilidade?

Mais como dicía ao comezo, este principio universal de esquecer o cotiá tamén o aplicamos habitualmente ás cousas externas ao noso corpo. Púxenme a pensar nisto como consecuencia da perda temporal, e debido a un temporal, desa especie de apéndice multitarefa co que todos nos envolvemos: a electricidade (foi curioso neste caso: normalmente sabemos o nome do que se achega –”vai vir o Hortensia”–, mais desta vez, unha vez que pasou, preguntamos –”rediós, como se chamaba este?”–; resultou chamarse Klaus). Paradoxalmente recibín con certo gusto e interese a amputación pasaxeira, porque serviu para salientar a enorme importancia que algunhas achegas da ciencia e da técnica teñen nas nosas vidas cotiás. Con todo, hai moita xente que parece non darse conta disto, que ten tan asimilado o apéndice científico-tecnolóxico que xa non o sinte: segundo unha recente enquisa estatal sobre percepción social da ciencia, hai un 10 % de persoas que non están interesadas na ciencia-tecnoloxía porque “non a necesito”. Se fósemos robots, aquí saltaría un aviso de “erro do sistema”, pero como non somos robots temos o beneficio da incoherencia.

Todos sufrimos -uns máis que outros- a falta de electricidade, e todos protestaremos se a cousa se prolonga demasiado, mais unha parte importante dos cidadáns seguirá a vivir nese mundo de paraísos infantiloides, protestando contra anuncios de autobús e sen ter a máis remota idea de en que consiste a electricidade que fai funcionar a súa vida cotiá, a pesar de ser un logro espectacular do coñecemento humano. Somos así de curiosos.