Publicado o 31 Mar 2009
O coñecemento científico pode ser pura poesía. Cada vez que observamos unha estrela estamos a participar no final dunha longa viaxe, dun fenómeno fascinante que agora podemos explicar en grande parte. Onte pola noite estiven a observar a estrela Betelgeuse, unha xigante vermella da constelación de Orión, moitísimo máis grande que o Sol. Un feixe de fotóns de luz foi emitido por esa estrela hai uns 600 anos, e desde aquela levaban viaxando polo espazo a unha velocidade de medo (á velocidade da luz, uns 300.000 Km por segundo; por eso dicimos que esa estrela está a uns 600 anos-luz de nós). Digo que levaban viaxando porque, resulta que logo de tanto tempo sen tropezar con nada, onte ese feixe de fotóns deu por bater coas células da miña retina. E aí acabouse a súa existencia. A retina fai algo portentoso: transforma a luz en sinais eléctricas, que son o código que utiliza o cerebro para xerar o pensamento e os recordos. Aqueles fotóns de luz de Betelgeuse foron absorbidos polo meu encéfalo e a súa enerxía foi utilizada para construír un recordo.
Cando Leonardo da Vinci estaba a estudar as propiedades da luz, eses mesmos fotóns xa viñan atravesando o Cosmos camiño da miña retina; dous séculos despois, esa luz seguía a viaxar mentres que Isaac Newton investigaba as propiedades doutros raios similares que entraban pola fiestra do seu despacho.
O Universo está cheo dun baleiro moi transitado, con raios de luz pululando en todas direccións, atravesando o espazo durante centos, miles, millóns de anos, para ao final, nun exercicio de caridade cósmica, transmitir a súa enerxía a aquilo co que tropezan. Resulta difícil non emocionarse con estas aventuras, e por iso mesmo é estúpido ese estereotipo que hai dos científicos como persoas frías e afastadas dos sentimentos máis humanos. Se cadra é ao revés, como explicaba Richard Feynman: o coñecemento científico súmase ao que xa temos, non resta nada.
Publicado o 24 Mar 2009
Hai uns días tiven a ocasión de baixar a unha antiga mina de carbón en Bochum (na rexión do Rhur, en Alemaña), e de camiñar xunto a outros visitantes por algo así como un quilómetro de galerías subterráneas reconvertidas a museo. Aínda que de todos é coñecida a dureza do traballo nunha mina, sorprendinme como se fora a primeira vez que escoitaba falar desa profesión. É verdadeiramente rechamante o enorme esforzo que ten dedicado o ser humano para conseguir arrincar dos miolos da Terra esa fermosa e valiosa pedra negra: desde a tecnoloxía para a construción e apuntalamento de galerías até as incríbeis máquinas deseñadas para morder a rocha como famentos vermes xigantes, ou as múltiples ferramentas para facer posíbel o traballo das persoas que se metían aló abaixo.
Cando un observa toda a maquinaria que se foi desenvolvendo para furar a Terra e extraer carbón, e é consciente do enorme sufrimento de xeracións de familias condenadas a ver as postas de sol coa cara tinguida de negro, compréndese decontado que esas pedras son algo moi valioso. Os distintos tipos de carbón –lignito, hulla, antracita– teñen xogado e xogan un papel esencial no desenvolvemento da civilización humana, xa que o seu elemento principal, o carbono, pode usarse ben como fonte de enerxía ou como sustancia para a elaboración de diversos materiais –o aceiro, sen ir máis lonxe, é unha mestura de ferro e carbono.
Ante esta breve e en certo modo obvia reflexión, non deixa de resultar cruel e inxusto, sobre todo para aqueles que teñen deixado a súa vida na mina, ese costume que teñen os Reis Magos de deixar carbón aos rapaces menos domesticados e que merecen algún tipo de castigo. Admirando a beleza dun lustroso anaco de antracita, ou dun croio de acibeche –que é unha variedade de lignito–, e pensando na historia da súa extracción, eu non dubidaría en regalar carbón como primeiro premio e deixar, por exemplo, o brillo vulgar do ouro para as almas a martirizar. Aínda que, mirándoo ben, tamén é probábel que en moitos casos eu lle concedera ese primeiro premio aos supostos pecadores, polo que o reparto de regalos ao final non cambiaría moito.
Publicado o 17 Mar 2009
As cores non existen. Os olores e sabores non existen. Os sons non existen. Non existen fóra da túa mente. O que hai aí fóra é outra cousa: enerxía electromagnética, moléculas químicas e vibracións das partículas do ar. Cando algunha desas cousas é absorbida polo noso corpo -a través dos órganos dos sentidos- créase unha percepción mental que depende por completo do encéfalo receptor. Algúns bichos collemos as vibracións do ar e creamos sons, mais outros, como os morcegos, absorben as mesmas vibracións e crean imaxes. Hai animais que probabelmente creen imaxes a partir do campo magnético da Terra; parece que nós non facemos nada especial con ese magnetismo, salvo construír búsolas.
Entón, a que lle podemos chamar realidade? Cal é a relación entre o mundo que hai aí fóra e a nosa mente? Esta é unha pregunta clásica e fundamental da filosofía. Agora os seres humanos podemos comezar a dar respostas sobre a base do coñecemento que temos do funcionamento do sistema nervioso, da mente. E o rechamante é que os traballos científicos indican que unha parte importante do que percibimos é unha invención, unha creación das neuronas que levamos dentro do cranio, neuronas que teñen a misión de guiarnos dun xeito eficaz polo mundo adiante.
Como di o neurocientífico Rodolfo Llinás, os seres humanos sufrimos unha alucinación mental colectiva que serve para que entre todos nos poñamos de acordo en que o vermello é vermello. Mais en moitos casos é imposíbel que dous seres humanos se poñan de acordo coa interpretación do que teñen diante, porque esa interpretación, a construción mental que se crea, depende en grande medida de cada mente particular. Por exemplo, pode darse a curiosa circunstancia de que ante un mesmo “son” -unha mesma vibración do ar que entra polos ouvidos-, dúas persoas escoiten dúas cousas distintas dependendo do que estean a mirar, do que estea a entrar polos ollos (a isto chámaselle efecto McGurk). Outro exemplo é o da memoria: ante un mesmo feito dúas persoas poden crear recordos bastante distintos, todo dependerá desa liña difusa e fluída que se constrúe entre a realidade de fóra e a fráxil memoria.
Que é entón a realidade? Un mundo que nos envolve e do cal cada encéfalo tira unhas conclusións particulares. Creo que era Aristóteles quen dicía que a ficción é “máis verdadeira ca a historia”; agora poderíamos engadirlle que incluso é máis verdadeira ca a propia realidade.
Publicado o 10 Mar 2009
Conta Charles Darwin a seguinte anécdota que lle aconteceu en Chile, en 1834:
“Un día coincidiron un coleccionista alemán de historia natural chamado Renous e un vello avogado español. Divertiume moito cando coñecín a conversación que tiveran entre eles. Renous fala o español tan ben que o vello avogado pensou que era chileno. Renous, falando sobre min, preguntoulle ao vello que lle parecía iso de que o Rei de Inglaterra envíe un recolector ao seu país a coller lagartos, escaravellos, e a romper pedras? O ancián quedou pensativo durante un rato, e dixo, “Soa raro, aquí hai gato encerrado. Ningún home é tan rico como para enviar á xente por aí a recoller semellante porcallada. Non me gusta: se un de nós fora a Inglaterra e fixera esas cousas, non cree que o Rei de Inglaterra nos botaría fora do seu país?”. E este douto ancián, pola súa profesión, pertence a unha das clases mellor informadas e máis intelixentes! O propio Renous, dous ou tres anos antes, deixara nunha casa de San Fernando varios vermes a cargo dunha rapaza, para que os alimentara, e así lograr que se transformaran en bolboretas. O rumor espallouse polo pobo, de tal xeito que os cregos e o Gobernador xuntáronse para discutir o tema, chegando á conclusión de que tal cousa debía de ser algún tipo de herexía. Conforme a isto, cando Renous regresou, foi arrestado”.
Hai xente que é culta, outra que é inculta, e aínda outra que é 0culta, ou sexa: 0 (cero) + culta. Neste último caso trátase de xente que ten unha certa cultura (por exemplo en ciencias ou en humanidades) pero que ignora en grande medida a outra metade (as humanidades, ou as ciencias, segundo o caso). A maior parte dos científicos son 0cultos das humanidades, e viceversa, a maior parte das xentes de letras son 0cultos da ciencia.
Este déficit non é un fenómeno novo, como vemos por exemplo no relato de Darwin, como tampouco é recente a preocupación polo desastroso divorcio entre as letras e as ciencias. Neste ano de festexos de toda clase (Galileo, Darwin, Poe), cumprimos tamén 50 anos da celebración dunha conferencia salientábel: “As dúas culturas”, impartida en Cambridge (Reino Unido) por Charles Percy Snow. Nesa charla, logo convertida nun libro que vai para mítico, Snow denuncia a incomprensión mutua entre a cultura “tradicional” e a cultura científica: “As persoas educadas coa maior intensidade da que somos capaces xa non son quen de comunicarse unhas con outras no plano dos seus principais intereses intelectuais. Isto é grave para a nosa vida creativa, intelectual e, sobre todo, moral. Estanos levando a interpretar mal o pasado, a equivocar o presente e a descartar as nosas esperanzas no futuro”.
Hoxe en día moita xente de letras segue a considerarse culta ignorando de xeito estrepitoso a ciencia que precisan para comprender o mundo. E, do mesmo xeito, os 0cultos das ciencias consideran irrelevante a historia, a filosofía ou a literatura. O resultado é un coágulo no medio dos cerebros mellor preparados. Unha mágoa; sobre todo cando constatamos a poderosa forza imaxinativa e creativa que tende a xurdir nas colisións entre elementos de natureza diversa.
(Como parte das celebracións do 50 aniversario de “As dúas culturas”, o Consello da Cultura Galega está a preparar a primeira edición en galego do mítico libro).
Publicado o 03 Mar 2009
Un bicho primitivo e inculto, con menos formación que un cromañón. Iso é o que temos diante de nós cando miramos apampados para unha criatura humana que acaba de nacer. O único indicio de que ese ser feo, engurrado e chorón (“o mamífero rapaz, territorial e con frecuencia sádico que é o home”, como di George Steiner) poida chegar algún día a falar e escribir coherentemente, comprender un texto de filosofía, programar un computador ou descubrir unha vacina para a malaria, está no avultado tamaño da súa cabeza. Dentro hai unha máquina que pode asimilar e procesar unha cantidade enorme de información. Da natureza desa información dependerá a mente resultante.
Na imaxinación colectiva existe a tendencia a pensar que os seres humanos modernos asimilamos de xeito automático parte do edificio cultural construído pola humanidade ao longo do tempo. Segundo isto, un individuo será, polo simple feito de ter nacido en 2009, un ser humano “moderno”, completamente distinto a eses primitivos roñóns que pintaban as paredes das cavernas. Mais a cousa non é así, claro. Desde o punto de vista biolóxico somos esencialmente idénticos a un habitante de Cro-Magnon (se puidésemos viaxar no tempo e deixar disimuladamente un bebé actual ás portas dun grupo de seres humanos de hai 40.000 anos, estes non notarían nada raro e ese bebé terminaría sendo un máis). En principio, todos somos un cromañón mentres non se demostre o contrario. E para demostrar o contrario o único camiño é a asimilación do coñecemento -parte del- que temos almacenado nas bibliotecas -e videotecas, pinacotecas, hemerotecas, fonotecas, etc.
Este é un proceso particular de cada individuo. Cada mente concreta dependerá da educación recibida -entendendo aquí educación no sentido máis amplo que se lle queira dar. O coñecemento cultural non é algo que se acumule nos xenes e que se pase de pais a fillos; cada individuo parte sempre de cultura cero, e aí quedará a no ser que ao longo da vida teña a posibilidade de acceder ao tesouro da cultura. Creo que é importante insistir nesta obviedade porque teño a impresión de que o fracaso escandaloso da educación actual pode deberse, en parte, a unha desidia guiada por esa tendencia que temos a pensar que os seres humanos modernos xa nacemos así, “modernos”.
Case todos os poetas, cociñeiros, científicos, políticos, deseñadores, economistas, mariñeiros e médicos do ano 2100 aínda non naceron. Se mañá borramos a memoria dos que estamos vivos e queimamos todas as bibliotecas -e resto de “tecas”-, no ano 2100 teríamos na Terra a máis de 10.000 millóns de cavernícolas. Un borrado así de radical non vai a acontecer, mais a tendencia pode ser moi parecida se simplemente alixeiramos a calidade da educación e da distribución de cultura, que é, despois de todo, a principal fonte que temos de transmisión de coñecemento a cada remesa de seres humanos. Se non coidamos o sistema educativo podemos rematar sendo unha peculiar e desastrosa especie de trogloditas de alta tecnoloxía.
(Con perdón para esas e eses habitantes primitivos que deixaron nas rochas a pegada da súa sensibilidade).