culturagalega
consello da cultura galega

A estrela

Publicado o 31 Mar 2009

estrela_01O coñecemento científico pode ser pura poesía. Cada vez que observamos unha estrela estamos a participar no final dunha longa viaxe, dun fenómeno fascinante que agora podemos explicar en grande parte. Onte pola noite estiven a observar a estrela Betelgeuse, unha xigante vermella da constelación de Orión, moitísimo máis grande que o Sol. Un feixe de fotóns de luz foi emitido por esa estrela hai uns 600 anos, e desde aquela levaban viaxando polo espazo a unha velocidade de medo (á velocidade da luz, uns 300.000 Km por segundo; por eso dicimos que esa estrela está a uns 600 anos-luz de nós). Digo que levaban viaxando porque, resulta que logo de tanto tempo sen tropezar con nada, onte ese feixe de fotóns deu por bater coas células da miña retina. E aí acabouse a súa existencia. A retina fai algo portentoso: transforma a luz en sinais eléctricas, que son o código que utiliza o cerebro para xerar o pensamento e os recordos. Aqueles fotóns de luz de Betelgeuse foron absorbidos polo meu encéfalo e a súa enerxía foi utilizada para construír un recordo.

Cando Leonardo da Vinci estaba a estudar as propiedades da luz, eses mesmos fotóns xa viñan atravesando o Cosmos camiño da miña retina; dous séculos despois, esa luz seguía a viaxar mentres que Isaac Newton investigaba as propiedades doutros raios similares que entraban pola fiestra do seu despacho.

O Universo está cheo dun baleiro moi transitado, con raios de luz pululando en todas direccións, atravesando o espazo durante centos, miles, millóns de anos, para ao final, nun exercicio de caridade cósmica, transmitir a súa enerxía a aquilo co que tropezan. Resulta difícil non emocionarse con estas aventuras, e por iso mesmo é estúpido ese estereotipo que hai dos científicos como persoas frías e afastadas dos sentimentos máis humanos. Se cadra é ao revés, como explicaba Richard Feynman: o coñecemento científico súmase ao que xa temos, non resta nada.