A bola de neve e os pimpíns

Este artigo vai dedicado a todos aqueles científicos, escritores de libros de texto, xornalistas e redactores de prensa que levan case un século escribindo e engordando unha historia moi bonita mais que nunca existiu. Vou desvelar un segredo, ou, mellor, vou tratar de velar un mito moi estendido sobre Darwin e a súa concepción da idea de evolución. Nun artigo anterior adiantei que, neste ano de aniversarios darwinianos, probabelmente o mito terminaría por escurecer a verdadeira grandeza e mérito do científico británico, así que tratarei de contraatacar cada vez que a información dos mass media faga que o meu nivel de cabreo alcance un certo grao.
Non sei se este tema é familiar para moitos dos lectores deste portal, mais a pouco que se interesen por ler algún artigo sobre a historia das ideas de Darwin, encontrarán que case sempre se utiliza o mesmo exemplo para describir algo así como “o momento da iluminación”, o momento no que o naturalista se decatou de que as especies poden diversificarse e adaptarse ao medio: foi nas illas Galápagos onde observou unha grande variedade duns paxaros chamados pimpíns, con distintos tipos de pico segundo a illa na que vivían e o tipo de alimentación que levaban. Apuntade por aí: error. E agora podedes xogar a ver cantas veces encontrades esta historia incluso nos medios máis –supostamente– serios e –inmerecidamente– prestixiosos.
Pois non. Darwin marchou das Galápagos dándolle voltas a varias especies de tartarugas, sinsontes –outro tipo de paxaros, con picos todos eles moi parecidos– e plantas, que tiñan unha curiosa distribución nas distintas illas; mais aos pimpíns nos lles prestou moita atención. Nin sequera se preocupou por recoller exemplares de todas as especies que tivo diante nas catro únicas illas que visitou do arquipélago (andaba máis concentrado na xeoloxía do lugar), e ademais os poucos exemplares que recolleu de pimpíns foron etiquetados sen preocuparse pola illa de procedencia, todos para o mesmo saco. No seu primeiro libro, no que describe a viaxe que fixo arredor do mundo, cita brevemente as diferenzas nos picos dos distintos pimpíns, e comenta que pode ser debido a unha variación a partir dunha especie orixinal (este comentario aparece na segunda edición do libro); mais detense moito máis con outras especies de plantas e animais que encontrara nas illas. Nunca máis volveu a publicar nada que fixera referencia directa a esa característica mítica dos pimpíns, que nin sequera cita no seu libro máis importante, “A orixe das especies”.
O asunto é que Darwin non falou máis do tema porque descoñecía os detalles e, como bo científico que era, non o consideraba por tanto unha boa proba para a súa argumentación. É certo que a distribución deses paxaros no pequeno arquipélago das Galápagos constitúe un exemplo excelente para comprender a diversificación e adaptación das especies ao medio, mais todo o que agora coñecemos sobre a súa distribución e a relación da forma do seu pico co tipo de alimentación foi coñecido con detalle a partir de mediados do século XX.
Os chamados “pimpíns de Darwin” son produto da imaxinación de redactores e relatores pouco rigorosos, animados, sen querelo, por un libro que publicou en 1947 un ornitólogo chamado David Lack: el non quería despistar, mais titulou o seu estudo exactamente así “Os Pimpíns de Darwin”. A bola de neve foi crecendo e neste ano 2009 estoupa en forma de bonitos gráficos, animacións dixitais, relatorios repetitivos, folletos educativos, … todos eles errados, baseados nun conto.
Cantas outras historias míticas estaremos a tragar hoxe en día das que aínda non nos decatamos?


RSS
