As formigas da mente
O encéfalo humano é como un formigueiro. Un está formado por neuronas e o outro por formigas. Se xuntamos moitas neuronas e as poñemos a funcionar, alehop!, xurde unha mente, unha consciencia. Se xuntamos moitas formigas e as poñemos a traballar, alehop!, xurde un formigueiro, unha comunidade complexa e organizada. O problema é que para comprender a mente, ou un formigueiro, hai que comprender o “alehop”, e ninguén sabe moi ben onde buscalo.
Estes sistemas complexos teñen unha característica importante: a simple suma das partes non chega para comprender o todo. Tampouco se trata de buscar fantasmas, non; o que ocorre é que ao xuntar moitas formigas, ou moitas neuronas, xorden propiedades novas (propiedades emerxentes que lle chaman), características do sistema difíciles de predicir. Imaxina que queres comprender o funcionamento dun formigueiro que ten algo así como 1 millón de formigas. Podes fixarte nun deses animaliños e seguilo sen perdelo de vista, tratando de comprender a súa ruta, o camiño que vai trazando ao longo do tempo. É moi probábel que non chegues a ningunha conclusión útil, xa que en moitos casos as formigas trazan polo formigueiro unha ruta aparentemente aleatoria, errática, como para despistar. Podes estudar con toda a profundidade que queiras esa formiga, coñecer o seu metabolismo, todas as súas moléculas, o que queiras, mais así non vas comprender o formigueiro, nin sequera multiplicando ese coñecemento por 1 millón. Ao mellor, para comezar a comprender o funcionamento dun formigueiro chega con algo moito máis simple: estudar a ruta que fai, non unha formiga, senón un grupo de formigas, esquecéndose de toda a parte metabólica, molecular, atómica… Parece ser que o movemento de grupos de formigas revela o fluxo de información, de sinais que van e veñen dun lado a outro do formigueiro, sinais que son invisíbeis cando se mira para un bicho illado. Hai que afastarse e mirar de lonxe para comprender o bosque no seu conxunto.
E que pasa coa mente? Podemos comprender a mente estudando con precisión molecular a estrutura e a función das neuronas, esas formigas do cerebro? Ninguén o sabe, mais ao mellor, para comprender ese “alehop” do cal xurde a consciencia, o “eu”, non é preciso coñecer a estrutura e función das neuronas a un nivel moi fondo. Pode que chegue con buscar sinais no funcionamento de grupos de neuronas, independentemente dos detalles moleculares, independentemente de si están feitas de carbono ou de silicio. Aínda así, é moi difícil atopar sinais no exuberante funcionamento dos 100.000 millóns de neuronas dun encéfalo humano.
Os científicos da mente levan máis de 100 anos escarvando en cerebros e hipocampos, tálamos e cerebelos, mais polo de agora non se sabe moi ben a que nivel hai que mirar para descifrar as sinais do “eu”, para encontrar os grupos de formigas que rebuldan polo interior do noso cranio.


RSS
