A dexeneración de Ray Lankester
Navegar por librarías de libros antigos, raros e usados fai parte habitual dos meus roteiros polas cidades que vou visitando e revisitando, e esta arqueoloxía urbana leva consigo un engadido que aumenta o pracer e a emoción: o descubrimento de xoias inesperadas, esquecidas ou descoñecidas. Tiven un tropezo fortuíto deste tipo nunha recente visita a Londres, onde descubrín un libriño extraordinario. Mais antes de falar sobre o libro, cóntovos os antecedentes.
Ultimamente estou bastante interesado nas edicións antigas e orixinais –ou, se non pode ser, facsímiles– de libros principalmente de ciencia –ensaios, obras de divulgación–, costume á que fun chegando non só polo gusto estético e simbólico que teño dos libros como cofres marabillosos posuidores de vida propia, senón tamén arrastrado pola desfiguración inflixida por editores pouco serios e tradutores sen alma nin rigor. Esta enfermidade que distorsiona os contidos orixinais dos libros afecta tanto a obras recentes coma aos clásicos indispensábeis. Xa me ten pasado varias veces o de mercar un libro traducido e encontrar a cousa tan desastrosa que ás poucas páxinas decido deixalo, á espera de dar cunha versión orixinal, e se pode ser da época das primeiras edicións. Hai ademais outro motivo importante para o interese polos libros antigos, e é que moitas boas obras quedan esquecidas e non son editadas nunca máis, a non ser que alguén as descubra de novo. Despois de deambular por librarías reais e virtuais, algunhas das edicións que conseguín son facsímiles do século XVII e XVIII, mais sobre todo orixinais do século XIX para adiante.
O descubrimento do que falaba foi en Sotheran’s, unha libraría de libros antigos un pouco fina de máis, atendida por un persoal que parece que che está a vender un Rolls. Alí din cunha obra de E. Ray Lankester, un orixinal da primeira edición de 1880 que ata onde eu sei non se volveu a editar nunca máis, e imaxino que tampouco estará traducido a outros idiomas (o orixinal é en inglés). Ray Lankester foi un zoólogo británico experto en evolución, preocupado pola promoción e divulgación da ciencia e posuidor dun carácter forte e diálogo vehemente. O libro que encontrei del ten o turbador título de Degeneration, e trata con soltura e claridade dun aspecto da teoría evolutiva que aínda hoxe segue a ser moi mal comprendido e interpretado: o feito de que a evolución non é o selo dun camiño de progreso. A evolución é simplemente un proceso de cambio, de tal xeito que hai seres que con ese cambio poden aumentar a súa complexidade e, se se quere ver así, “progresar”, mais tamén hai moitos casos nos que o proceso evolutivo leva a unha simplificación dos organismos, a unha dexeneración.
Na última parte do libro o autor deixa de lado ácaros e tunicados e torna a súa mirada aos seres humanos modernos e, á vista do panorama, avisa de que ao mellor estamos a converternos en “percebes intelectuais”.
Iso era en 1880, non sei en que fase estaremos agora.


RSS
