culturagalega
consello da cultura galega

Nada por aquí, nada por alá

Publicado o 05 May 2009

adn_camillaUnha das conclusións máis estrañas que se pode tirar do quefacer científico é constatar que o Universo está composto, basicamente, de nada. E non me refiro só á inmensidade de espazo que hai entre estrelas, planetas e outros corpos, non; esa conclusión segue a ser válida se tomamos como mostra do Universo unha rocha ou un corpo humano: esencialmente, nada. Terei que explicarme.

Se do que estamos a falar é do Cosmos enteiro, a cousa enténdese sen problemas. Xa o dicía o gran Carl Sagan: se se escolle un punto calquera ao azar dentro de todo o Universo, as probabilidades de que caia, xa non dentro, senón simplemente cerca dunha estrela ou planeta son practicamente nulas. Si, hai moitas, moitísimas estrelas e outros corpos por aí adiante; mais as distancias son tan inmensas, o espazo baleiro que hai entre unha estrela e a veciña son tan enormes (pregunta: cal é a estrela máis próxima ao Sol?), que a materia que forma eses corpos ocupa un espazo mínimo, desprezábel, se o comparamos co resto.

Ben, mais que pasa se volvemos a facer a mesma operación collendo como mostra, non o Universo enteiro, senón un corpo máis ou menos “sólido”: un planeta, unha rocha, un corpo humano. Pasa que Carl Sagan segue a ter razón: as probabilidades de que un punto tomado ao azar dentro do noso corpo tropece con algo de materia volven a ser mínimas. Como é posíbel? Estamos compostos por átomos, unha cantidade impensábel de átomos, materia a esgalla. Cerebro, corazón, pulmóns, ósos… nada?

Case nada. Resulta que, por moitos átomos que teñamos, cada un deles é unha especie de pequeno Universo, no sentido de que os seus elementos están tan separados uns dos outros que, en esencia, pode dicirse que están baleiros. Isto é posíbel porque eses elementos –protóns, neutróns e electróns– son inconcibibelmente pequenos. Un exemplo que nos permite “ver” isto é o seguinte: se supoñemos que o núcleo dun átomo é unha mesa camilla dun metro de diámetro (a que tiña Ramón Piñeiro en Santiago, por exemplo), os supostos electróns dese átomo –que estarían arredor do núcleo– serían uns pequenos puntos situados a uns 100 Km de distancia. Ou sexa, unha mesa camilla en Santiago cuns electróns á altura de Lugo e Ourense. Un círculo que abarca máis de media Galicia. Se escollemos un punto ao azar en Galicia, cantas probabilidades terá de caer precisamente na mesa de Don Ramón Piñeiro? Pois moi poucas (ben, este ano 2009 é probábel que a estatística non sirva, velaí a maxia das Letras Galegas).

Unha proba moi clara de que cada un de nós é basicamente un montón de nada está nos raios cósmicos: son partículas –principalmente protóns– que, provintes do Sol e outras fontes, están a atravesarnos continuamente. Poderían petar contra a materia de que estamos formados e causar desfeitas e mutacións, mais iso pasa moi poucas veces. Os raios cósmicos atravesan o noso corpo sen despeitearse.

(Curiosamente, para estudar os raios cósmicos de alta enerxía, houbo que construír un detector na Pampa arxentina que ocupa 3000 quilómetros cadrados. Si, o dato está ben. Trátase, como non, de 3000 quilómetros cadrados cheos esencialmente de nada: 1600 detectores separados entre si 1,5 Km. Mais esta é unha aventura que contarei a semana que ven).