culturagalega
consello da cultura galega

Unha foto de Deus

Publicado o 13 May 2009

raiosCando imos ao médico a facernos unha placa de raios X hai unha máquina que proxecta enerxía que atravesa o noso corpo, e así obtemos una fotografía íntima que mostra cousas que o ollo humano non ve. Parece ser que o Universo ten vocación de fotógrafo, ou de médico, xa que leva toda a vida emitindo radiación de moitos tipos que incide, como non, en todos os seres vivos. Afortunadamente o ollo humano tampouco detecta gran parte desta radiación, porque se fose así quedaría abraiado pola choiva que estamos a recibir continuamente, moitos hipocondríacos non quererían saír da casa, e Michael Jackson tería que construírse unha vivenda de chumbo.

Cada segundo, cada metro cadrado do planeta Terra, recibe algo así como 200 raios cósmicos. Cando remates de ler este texto o metro cadrado no que te encontras terá sido atravesado por uns 12.000 raios cósmicos. Toda unha radiografía natural! Calcúlase que ao cabo dun ano cada persoa recibe unha dose de radiación cósmica cunha enerxía similar á que se recibe con dúas radiografías médicas. E non pasa nada? Pois si, e non. Non pasa case nada porque, como xa contei no texto anterior, o noso corpo é practicamente un montón de nada, de baleiro, transparente a estes raios formados por protóns e electróns. Mais de cando en vez algunha destas partículas tropeza coas partículas do corpo e pode producir algún cambio, algunha mutación: a evolución da vida nútrese en certa medida destes cambios. Nada podería evolucionar se non existise algún tipo de lotería química, e o Universo, con estas fotografías que está a sacarnos, colabora intensa e desinteresadamente.

Os raios cósmicos máis abundantes proveñen dalgún lugar da Vía Láctea (pode que da explosión das estrelas –supernovas–), e tamén proveñen do chamado vento solar, unha choiva de partículas que a nosa estrela favorita está a enviarnos continuamente. Mais hai un tipo de raios cósmicos de altísima enerxía que son un dos misterios máis grandes e interesantes que ten neste momento a ciencia: son partículas que viaxan polo Universo a unha velocidade enorme –case a da luz–, e que teñen centos de millóns de veces máis enerxía que os protóns que aceleramos aquí na Terra cos coñecidos aceleradores de partículas. Teñen tanta enerxía que, en teoría, non deberían nin de existir. Son bastante escasos: en cada quilómetro cadrado cae un… cada século. De onde veñen? Como se aceleran? Non se sabe… aínda.

Os científicos están moi interesados en desvelar este misterio, mais hai un problema: se cae un raio de alta enerxía cada século nun área dun quilómetro cadrado, como facemos? onde poñemos o detector? Como o Universo é moi grande, para facerlle unha radiografía haberá que construír unha máquina fotográfica tamén moi grande. O que se fixo foi pór un detector, si, mais un detector inmenso, de 3.000 quilómetros cadrados, algo así como un terzo da provincia de Lugo. Unha área tan grande recibe raios deste tipo de xeito cotiá, así que problema solucionado. O monstro foi construído por un consorcio internacional, chámase Observatorio Pierre Auger e está plantado na Pampa arxentina. Consta de varios sistemas de detección, entre eles, como dicía no artigo anterior, 1.600 aparatos espallados por esa gran superficie, formando algo así como unha placa fotográfica xigante. Agora hai que esperar a que os científicos tiren moitas fotos, a ver se son quen de verlle a cara a Deus.

(O equipo de investigación de Enrique Zas, do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, profesor da USC, é un dos participantes directos no proxecto do Observatorio Pierre Auger, e coordinador para España do consorcio internacional).