Os libros electrónicos e os libros libros
“Expertos prevén que el libro electrónico acapare la mitad del negocio en el 2015” (lido o 7-5-2009). Pode ser que os “e-books” se convertan no 50 % do negocio de editores e libreiros, pero non creo que, con todo, eses lectores electrónicos se apropien do lugar que ten o libro, como parece que suxiren moitos xornalistas e “expertos”, xa que son cousas ben distintas. A miña predicción é que para 2015 o “e-book” seguirá a ser un obxecto pouco usado (independentemente de que teña un “boom” coma o que tiveron as axendas electrónicas, debido á novidade ben explotada pola voracidade do mercado), pode que útil para algúns casos, bonito, larpeiro, a túa biblioteca completa nuns centímetros cúbicos e á metade de prezo. Mais non é un substituto dos libros.
Eu devezo polos trebellos electrónicos, son bastante “friki”; a tecnoloxía actual ofrécenos ferramentas extremadamente útiles e xoguetes complicados e divertidos. Tamén ofrece novas formas para experimentar a poesía que hai dentro dos libros: teño escoitado varios libros en formato audio, e é unha experiencia grata ter a alguén metido dentro dun trebello minúsculo que che vai lendo un libro. Ás veces escoito audio-libros cando vou no coche. Algúns lectores de audio-libros –refírome ás persoas que len, non aos trebellos– son ata coñecidos no gremio, e penso que deberían de ser tan famosos como algúns cantantes, porque o fan realmente ben. Mais os audio-libros, e os seus colegas “e-books”, non son libros, e non se poden usar e gozar do mesmo xeito ca os libros.
Cada libro é un obxecto absolutamente único, cunha personalidade moi marcada. Ten o seu peso, a súa textura na cuberta, un tamaño concreto, un tipo de papel concreto, un cheiro característico. Hai páxinas, ao comezo, nas que se poñen dedicatorias, datas, selos co “ex-libris”, debuxos, de todo. Os libros personalízanse e mudan pouco a pouco: eu sempre os leo cun lapis á man, e subliño, fago anotacións, críticas, poño signos de exclamación e de interrogación. Anos despois volto a eses mesmos libros e descubro que eu tamén era outra persoa cando os estaba a ler. Os libros liberan a mente de quen os escribiu, e ao mesmo tempo son quen de gravar parte da mente de quen os le. Estas cousas tamén se poderán facer cun “e-book”, pero os libros envellecen e mudan dun xeito distinto. Cambian de cor, de textura, de dono. Eu teño libros antigos que gardan parte da mente dos propietarios anteriores: o seu nome, a súa firma, as súas anotacións, as páxinas que nunca leron –seino porque estaban sen separar, sen romper, unidas coma siamesas.
Hai ademais outra diferencia que é fundamental: a tecnoloxía de lectura dos libros e sólida e non caduca. A tecnoloxía dixital tamén atopará moitas maneiras de facerse duradeira, conservando as bibliotecas persoais na rede, a salvo de aparatos incompatibles e formatos cambiantes, pero polo de agora ese problema non está resolto, nin moito menos –a ver que facedes dentro duns anos cos arquivos que tedes en disquetes e non vos lembrastes de pasar a outro formato.
Está claro que o máis importante dun libro, normalmente, é o que pon, sexa no formato que sexa. Mais é que os libros -quero dicir, os libros libros- veñen cun equipamento de serie que xa lles gustaría aos “e-books”. Como explica Darío Villanueva, a palabra “e-book” podería traducirse por “portalibro”. Estou de acordo; eses aparatos serán uns excelentes portalibros, mais non creo que se convertan nun substituto dos libros en tan curto prazo. Aínda precisamos da poesía analóxica.


RSS
