O ser humano non existe, ou case
Agora que parecía que a ciencia estaba a dar unha resposta clara sobre quen somos –os seres humanos–, resulta que as novas achegas mostran que a natureza humana, lonxe de apreciarse con maior nitidez, comeza a esvaecerse no océano da bioloxía: a individualidade de cada un de nós non é tal; para poder existir como persoas temos que compartir xenes e mantel con moitos tipos de bacterias, moitos máis dos que podíamos imaxinar. Que e un ser humano? Un organismo? Un superorganismo? Un ecosistema?
No principio era a nada, e chegou Deus e creou unha especie que parecía ser a súa imaxe… O asunto é que, cando se escribían este tipo de cousas, pouco sabían os nosos antepasados sobre xenética, bacterias e evolución, e algo había que dicir, claro, porque as cousas deben ter unha explicación, incluídos os raios, os tronos e os seres humanos. Esta visión máxica, inventada, da natureza humana é, polo de agora, a que máis ten influído no pensamento e nas sociedades humanas, como non podía ser doutro xeito: son decenas de miles de anos de maxia.
O outro día, como quen di, chegou Darwin e compañía e debuxaron de novo o cadro da natureza: máis ca unha man de pintura, o que fixeron foi construír por primeira vez algo, sobre un edificio ata ese momento feito a base de ar. Parecía que, ao fin, xa tíñamos ao ser humano posto no lugar que lle correspondía: un bicho máis xunto ao resto dos seres vivos. Thomas Henry Huxley, dos Huxley de toda a vida –pai de Leonard, avó de Aldous, de Julian e de Andrew–, foi un deses compañeiros de Darwin que axudaron a pór as cousas no seu sitio. En 1863, catro anos despois de que se publicara “A orixe das especies”, T. H. Huxley publicou un libro memorábel titulado “Evidence as to Man´s place in nature”, ou sexa, evidencias sobre o lugar do ser humano na natureza. Parecía que, ao fin, sabíamos cal era o noso lugar (Podedes facer unha busca en “Google” co título do libro, en inglés; mirando en imaxes encontraredes a versión orixinal dun debuxo mítico; aínda que pareza incríbel, ata onde eu sei, este libro non se traduciu nunca ao español, nin ao portugués, galego…, nunca).
Nos últimos 150 anos este esquema do ser humano na natureza foise mellorando, aumentando, perfilando… tanto que agora a cousa comeza de novo a converterse en ar. A razón de que isto sexa así é que, segundo parece, cada corpo humano non pode existir como tal se non se ten en conta o papel importante, fundamental, que xogan as bacterias que habitan nel, un papel que ten sido practicamente ignorado ata hai pouco. Isto dará moito que falar nos próximos anos e, para animar a conversa, deixo aquí uns cantos datos: no teu corpo tes, por cada célula humana, unhas 10 células bacterianas; o que pasa é que esas células son moito máis pequenas e pasan desapercibidas na estrutura xeral. O metabolismo desas células bacterianas –o conxunto das reaccións bioquímicas que realizan– está estreitamente relacionado co metabolismo das células humanas, ata tal punto que se precisan mutuamente. Hai tantos tipos de microbios nun corpo humano que, en conxunto, teñen unhas mil veces máis xenes que as células humanas.
Canto máis coñecemos sobre os seres humanos, menos humanos nos facemos. A cuestión que xurde con todo isto é, como nos definimos? Somos unha especie ou unha interacción entre especies? Hoxe en día xa se fala dos formigueiros como “superorganismos”, unha entidade formada por moitos individuos en certo modo independentes, mais estreitamente relacionados. É o ser humano un superorganismo? Saberemos máis en breve; permaneza atento á pantalla… do coñecemento.


RSS
