Publicado o 30 Jun 2009
Unha vez souben dun sistema portentoso de comunicación, tan preciso e eficaz que é capaz de transmitir de maneira case instantánea o pensamento dunha mente a outra. Si, parece cousa de maxia, mais existe e, o máis importante, temos a capacidade de explicar o seu funcionamento sen recorrer ás meigas. Para a súa construción simplemente fixo falta azar, necesidade e tempo, moito tempo.
Funciona da seguinte maneira:
Parte do pensamento dun ser humano pode emitirse ao exterior. O pensamento está formado por descargas eléctricas e sinais químicas que bulen no interior do encéfalo. Cando o posuidor dese encéfalo decide emitir o seu pensamento, o que ocorre é que certos impulsos da actividade eléctrica se dirixen a varios músculos da cabeza e do tronco, encargados de tensar as cordas vocais, de mover os labios e a lingua, de controlar a saída de ar, etc. Eses músculos –e moitos outros– móvense grazas a esa electricidade. O resultado é a produción de ondas nas partículas do ar, ondas que levan información. Aínda que pareza mentira, nesas ondas pode viaxar parte da mente dunha persoa.
Para que esa información que se lanza ao exterior teña sentido e poida ser utilizada por outras mentes, é preciso un sistema receptor que transforme de novo as vibracións do ar en sinais eléctricas dentro dun encéfalo. Salvo que exista algún problema no desenvolvemento, todos os seres humanos temos un sistema coma ese incorporado, equipamento de serie de alta definición. O aparato chámase sistema auditivo: fabrica descargas eléctricas con información que provén do exterior e envía esas descargas en dirección á cortiza cerebral. No encéfalo do receptor esa actividade eléctrica é quen de reproducir a información producida por outra mente. Marabilloso.
Ao proceso que acabo de describir se lle chama linguaxe. É unha das ferramentas máis poderosas que temos. Ningún outro ser vivo que coñezamos ten unha capacidade tan refinada de comunicación entre mentes. Distintas comunidades humanas utilizan distintos códigos para pór en marcha este sistema: eses códigos son as linguas, un elemento esencial da natureza humana, un elemento esencial da cultura humana. Unha das maiores riquezas que podemos atesourar; útil, enriquecedora, poderosa, gratis, ao alcance de todos,… máxica. Buscarlle inconvenientes a algo así e como petar coa cabeza contra un penedo.
Publicado o 23 Jun 2009
Os seres humanos pasamos media vida representando, sen sabelo, unha traxedia grega na que finalmente aprendemos que os erros nos que caemos son os mesmos nos que xa caeran os nosos devanceiros. Non damos aprendido. Esta amnesia cíclica pode aplicarse tamén ao coñecemento científico, xa que moitas veces se chega a un descubrimento ou unha conclusión que xa fora albiscada moitos anos atrás. Nin sequera o feito de ter a posibilidade de almacenar a información en libros, discos ou calquera outro soporte nos salva desta vida de descubrimentos cíclicos, xa que neste mundo actual da inmediatez –vas á Wikipedia e tes o que buscas en 5 segundos–, xa poucos len con calma e meditación. Se o fixeran, se o fixerades, se o fixéramos, dariámonos conta de que unha parte importante do coñecemento, mesmo o científico, xa está aí.
Neste 2009, ano darwiniano coma poucos, as fadas da ciencia parecen querer rescatar do esquecemento ao outro grande pai da teoría evolutiva moderna: Jean-Baptiste Lamarck. Hai douscentos anos, en 1809, nacía Darwin, e Lamarck publicaba a súa obra máis emblemática, Philosophie Zoologique. Máis tarde todos se esqueceron de Lamarck. Certo, o seu mecanismo para explicar a evolución dos seres vivos non parecía axeitado, e ese problema foi habilmente solucionado anos despois coa idea da selección natural. Pero é que había moito máis: Lamarck construíu un edificio moito máis sólido e completo do que nos vende a frivolidade de hogano, edificio sobre o cal seguiron a traballar os que viñeron despois. E aquí ven o toque retranqueiro da historia: Lamarck, antes que Darwin, xa propuxera que a especie humana era parente dos simios e que, en concreto, éramos consecuencia da transformación do orang-outang ou “home-do-bosque”. Pois ben, hai uns días, como para celebrar este 2009 en clave lamarquiana, uns antropólogos comunicaron que as evidencias científicas indican que o noso parente máis próximo non é o chimpancé, nin o gorila, senón o orangután.
Esta disputa non é nova. Probabelmente aínda quedan varios capítulos da serie para coñecer o final. A lección interesante é que o orangután acaba de ser posto no mesmo lugar que xa tiña hai 200 anos.
(Hai un detalle importante: segundo Lamarck “descendemos do orangután”. Hoxe dicimos “o orangután e nós temos un parente común, do cal descendemos as dúas especies”. A teoría evolutiva darwiniana actual considera que os seres humanos somos parentes próximos de primates hominoideos –como o orangután, o chimpancé ou o gorila–, xa que todas estas especies temos un devanceiro común, e moi próximo na historia evolutiva. Este antepasado é descoñecido. Os simios actuais non son os nosos antepasados. Houbo unha especie similar a todo o grupo, antepasado común, que hoxe xa está extinguida).
Publicado o 16 Jun 2009
natural adx. 1. Relativo ao mundo físico, ou producido polas forzas da natureza e non alterado nas súas calidades esenciais pola acción do home.
E posíbel unha alimentación natural? Depende de a que lle chamemos “natural”. Se temos en conta a definición que ven no dicionario, na actualidade practicamente ningún ser humano ten, nin podería ter aínda que quixese, unha alimentación “natural”. A nosa alimentación cotiá consiste en plantas e animais transformados pola man do humano. Levamos miles de anos facendo, consciente e inconscientemente, unha selección xenética de todo o que comemos, de tal xeito que as especies domesticadas son bastante distintas dos seus parentes salvaxes.
As sociedades humanas de hogano somos resultado dunha modificación crucial que ocorreu hai uns 10.000 anos: o cultivo de plantas e a cría de animais. Esta domesticación transformou as poboacións: permitiu ter un lugar fixo de residencia, modificou as relacións sociais e deu lugar a un incremento incesante –ata hoxe– no número de habitantes. Parello a todo isto produciuse unha transformación prodixiosa nas especies domesticadas (trigo, millo, arroz, chícharos, ovellas, cabras, porcos, etc.), ata tal punto que hoxe ningún de nós come de xeito habitual as variedades orixinais.
Como non podía ser doutro xeito, todos os cambios son debidos a mutacións xenéticas que resultaron útiles para as sociedades humanas –pero non sempre para a vida salvaxe. Os chícharos silvestres, por exemplo, teñen unha funda –vaíña– que estoupa, botando as sementes polo chan para sementar novos individuos. Hai unha mutación que fai que as vaíñas non estoupen e que resulta fatal en condicións naturais, mais ese feito foi aproveitado polos humanos para os seus cultivos. Isto quere dicir que os chícharos domésticos non sobrevivirían no mundo silvestre. Outro exemplo: as améndoas silvestres teñen un sabor amargo, debido a unha sustancia que se converte en cianuro e que pode matar facilmente a un animal que as coma; isto permite que a semente non sexa destruída e que a planta se reproduza. Pero algunhas sementes poden ter unha mutación xenética que impide que teñan ese sabor: de novo, isto non sirve para a vida silvestre, pero foi moi útil para que os seres humanos puideran cultivar e comer améndoas. No caso do millo as diferenzas entre as variedades cultivadas son tan diferentes dos seus antepasados silvestres que os científicos están tendo moitas dificultades para encontrar a estes últimos.
Todos os alimentos que producimos en granxas e hortas son distintos en tamaño, forma, sabor ou outras características aos seus antepasados salvaxes. Probabelmente ningunha destas especies domesticadas podería sobrevivir en condicións naturais, xa que son un produto da selección xenética realizada polo humano. Esta selección é… artificial? Natural?
Ás veces non é nada doado definir un termo, posibelmente porque a propia definición ten que ir mudando co tempo.
Publicado o 02 Jun 2009
Facer un reloxo de Sol é extremadamente doado: colle un pau, ou algo alongado e recto, e crávao no chan o máis vertical posíbel. Xa está, tes diante de ti un instrumento preciso, simple e útil que vai a mostrarche o poder da capacidade de análise da mente humana.
Nun día de sol, a sombra do pau pode dar información moi útil, se sabemos como mirar para ela. A primeira hora da mañá e última do serán a sobra é máis longa que durante o resto do día. Hai un único momento en que a sombra é mínima, que coincide co momento en que o Sol está no punto máis alto do seu aparente percorrido: son as 12 do mediodía no punto exacto no que está chantado o pau. Isto é a hora solar verdadeira, que non acostuma coincidir exactamente coa hora oficial (a hora oficial en Galicia é aproximadamente a hora solar máis 1 ou 2 horas, depende da época do ano). Pero esta humilde sombra garda aínda máis información.
Ás 12 do mediodía solar a punta da sombra indica a dirección do Polo Norte, e por tanto o outro extremo -o que está pegado ao pau- indicará a dirección do Polo Sur. Podemos entón trazar unha liña imaxinaria que vai do Polo Norte ao Polo Sur pasando polo sitio onde temos chantado o pau; esa liña chámase meridiano, ou liña do mediodía. O nome ven do latín meridies, que significa precisamente iso: mediodía. A esfera terrestre pode entón dividirse en infinidade de meridianos, ou liñas de lonxitude, que percorren a súa superficie como se a Terra fose unha laranxa xigante. Aínda que custou bastante, ao final os seres humanos puxéronse de acordo para decidir que meridiano era o meridiano base, ou o meridiano de lonxitude cero: é o que pasa por un antigo observatorio que hai ao carón de Londres, nun sitio que se chama Greenwich.
Seguindo co latín, e co percorrido da sombra, as horas que ocorren antes de que a sombra chegue ao meridiano son horas ante meridiem -ou sexa, a.m.-, e as que ocorren despois son post meridiem: p.m.
Esta sombra do mediodía ten outro segredo máis: podemos imaxinar unha liña perpendicular á sombra, que percorra tamén a superficie da Terra. Esta liña é un paralelo, ou liña de latitude, e está a indicarnos con precisión a dirección do leste e do oeste a partir do noso pau.
Parece mentira que unha humilde sombra dea para tanto.