culturagalega
consello da cultura galega

Un pau de precisión

Publicado o 02 Jun 2009

estacaFacer un reloxo de Sol é extremadamente doado: colle un pau, ou algo alongado e recto, e crávao no chan o máis vertical posíbel. Xa está, tes diante de ti un instrumento preciso, simple e útil que vai a mostrarche o poder da capacidade de análise da mente humana.

Nun día de sol, a sombra do pau pode dar información moi útil, se sabemos como mirar para ela. A primeira hora da mañá e última do serán a sobra é máis longa que durante o resto do día. Hai un único momento en que a sombra é mínima, que coincide co momento en que o Sol está no punto máis alto do seu aparente percorrido: son as 12 do mediodía no punto exacto no que está chantado o pau. Isto é a hora solar verdadeira, que non acostuma coincidir exactamente coa hora oficial (a hora oficial en Galicia é aproximadamente a hora solar máis 1 ou 2 horas, depende da época do ano). Pero esta humilde sombra garda aínda máis información.

Ás 12 do mediodía solar a punta da sombra indica a dirección do Polo Norte, e por tanto o outro extremo -o que está pegado ao pau- indicará a dirección do Polo Sur. Podemos entón trazar unha liña imaxinaria que vai do Polo Norte ao Polo Sur pasando polo sitio onde temos chantado o pau; esa liña chámase meridiano, ou liña do mediodía. O nome ven do latín meridies, que significa precisamente iso: mediodía. A esfera terrestre pode entón dividirse en infinidade de meridianos, ou liñas de lonxitude, que percorren a súa superficie como se a Terra fose unha laranxa xigante. Aínda que custou bastante, ao final os seres humanos puxéronse de acordo para decidir que meridiano era o meridiano base, ou o meridiano de lonxitude cero: é o que pasa por un antigo observatorio que hai ao carón de Londres, nun sitio que se chama Greenwich.

Seguindo co latín, e co percorrido da sombra, as horas que ocorren antes de que a sombra chegue ao meridiano son horas ante meridiem -ou sexa, a.m.-, e as que ocorren despois son post meridiem: p.m.

Esta sombra do mediodía ten outro segredo máis: podemos imaxinar unha liña perpendicular á sombra, que percorra tamén a superficie da Terra. Esta liña é un paralelo, ou liña de latitude, e está a indicarnos con precisión a dirección do leste e do oeste a partir do noso pau.
Parece mentira que unha humilde sombra dea para tanto.