Acerca da dificultade de definir –e de comer– algo natural
natural adx. 1. Relativo ao mundo físico, ou producido polas forzas da natureza e non alterado nas súas calidades esenciais pola acción do home.
E posíbel unha alimentación natural? Depende de a que lle chamemos “natural”. Se temos en conta a definición que ven no dicionario, na actualidade practicamente ningún ser humano ten, nin podería ter aínda que quixese, unha alimentación “natural”. A nosa alimentación cotiá consiste en plantas e animais transformados pola man do humano. Levamos miles de anos facendo, consciente e inconscientemente, unha selección xenética de todo o que comemos, de tal xeito que as especies domesticadas son bastante distintas dos seus parentes salvaxes.
As sociedades humanas de hogano somos resultado dunha modificación crucial que ocorreu hai uns 10.000 anos: o cultivo de plantas e a cría de animais. Esta domesticación transformou as poboacións: permitiu ter un lugar fixo de residencia, modificou as relacións sociais e deu lugar a un incremento incesante –ata hoxe– no número de habitantes. Parello a todo isto produciuse unha transformación prodixiosa nas especies domesticadas (trigo, millo, arroz, chícharos, ovellas, cabras, porcos, etc.), ata tal punto que hoxe ningún de nós come de xeito habitual as variedades orixinais.
Como non podía ser doutro xeito, todos os cambios son debidos a mutacións xenéticas que resultaron útiles para as sociedades humanas –pero non sempre para a vida salvaxe. Os chícharos silvestres, por exemplo, teñen unha funda –vaíña– que estoupa, botando as sementes polo chan para sementar novos individuos. Hai unha mutación que fai que as vaíñas non estoupen e que resulta fatal en condicións naturais, mais ese feito foi aproveitado polos humanos para os seus cultivos. Isto quere dicir que os chícharos domésticos non sobrevivirían no mundo silvestre. Outro exemplo: as améndoas silvestres teñen un sabor amargo, debido a unha sustancia que se converte en cianuro e que pode matar facilmente a un animal que as coma; isto permite que a semente non sexa destruída e que a planta se reproduza. Pero algunhas sementes poden ter unha mutación xenética que impide que teñan ese sabor: de novo, isto non sirve para a vida silvestre, pero foi moi útil para que os seres humanos puideran cultivar e comer améndoas. No caso do millo as diferenzas entre as variedades cultivadas son tan diferentes dos seus antepasados silvestres que os científicos están tendo moitas dificultades para encontrar a estes últimos.
Todos os alimentos que producimos en granxas e hortas son distintos en tamaño, forma, sabor ou outras características aos seus antepasados salvaxes. Probabelmente ningunha destas especies domesticadas podería sobrevivir en condicións naturais, xa que son un produto da selección xenética realizada polo humano. Esta selección é… artificial? Natural?
Ás veces non é nada doado definir un termo, posibelmente porque a propia definición ten que ir mudando co tempo.


RSS
