culturagalega
consello da cultura galega

Lamarck, o orangután e a amnesia

Publicado o 23 Jun 2009

LamarckOs seres humanos pasamos media vida representando, sen sabelo, unha traxedia grega na que finalmente aprendemos que os erros nos que caemos son os mesmos nos que xa caeran os nosos devanceiros. Non damos aprendido. Esta amnesia cíclica pode aplicarse tamén ao coñecemento científico, xa que moitas veces se chega a un descubrimento ou unha conclusión que xa fora albiscada moitos anos atrás. Nin sequera o feito de ter a posibilidade de almacenar a información en libros, discos ou calquera outro soporte nos salva desta vida de descubrimentos cíclicos, xa que neste mundo actual da inmediatez –vas á Wikipedia e tes o que buscas en 5 segundos–, xa poucos len con calma e meditación. Se o fixeran, se o fixerades, se o fixéramos, dariámonos conta de que unha parte importante do coñecemento, mesmo o científico, xa está aí.

Neste 2009, ano darwiniano coma poucos, as fadas da ciencia parecen querer rescatar do esquecemento ao outro grande pai da teoría evolutiva moderna: Jean-Baptiste Lamarck. Hai douscentos anos, en 1809, nacía Darwin, e Lamarck publicaba a súa obra máis emblemática, Philosophie Zoologique. Máis tarde todos se esqueceron de Lamarck. Certo, o seu mecanismo para explicar a evolución dos seres vivos non parecía axeitado, e ese problema foi habilmente solucionado anos despois coa idea da selección natural. Pero é que había moito máis: Lamarck construíu un edificio moito máis sólido e completo do que nos vende a frivolidade de hogano, edificio sobre o cal seguiron a traballar os que viñeron despois. E aquí ven o toque retranqueiro da historia: Lamarck, antes que Darwin, xa propuxera que a especie humana era parente dos simios e que, en concreto, éramos consecuencia da transformación do orang-outang ou “home-do-bosque”. Pois ben, hai uns días, como para celebrar este 2009 en clave lamarquiana, uns antropólogos comunicaron que as evidencias científicas indican que o noso parente máis próximo non é o chimpancé, nin o gorila, senón o orangután.

Esta disputa non é nova. Probabelmente aínda quedan varios capítulos da serie para coñecer o final. A lección interesante é que o orangután acaba de ser posto no mesmo lugar que xa tiña hai 200 anos.

(Hai un detalle importante: segundo Lamarck “descendemos do orangután”. Hoxe dicimos “o orangután e nós temos un parente común, do cal descendemos as dúas especies”. A teoría evolutiva darwiniana actual considera que os seres humanos somos parentes próximos de primates hominoideos –como o orangután, o chimpancé ou o gorila–, xa que todas estas especies temos un devanceiro común, e moi próximo na historia evolutiva. Este antepasado é descoñecido. Os simios actuais non son os nosos antepasados. Houbo unha especie similar a todo o grupo, antepasado común, que hoxe xa está extinguida).