culturagalega
consello da cultura galega

A lingua e a natureza humana

Publicado o 30 Jun 2009

falando_01Unha vez souben dun sistema portentoso de comunicación, tan preciso e eficaz que é capaz de transmitir de maneira case instantánea o pensamento dunha mente a outra. Si, parece cousa de maxia, mais existe e, o máis importante, temos a capacidade de explicar o seu funcionamento sen recorrer ás meigas. Para a súa construción simplemente fixo falta azar, necesidade e tempo, moito tempo.

Funciona da seguinte maneira:
Parte do pensamento dun ser humano pode emitirse ao exterior. O pensamento está formado por descargas eléctricas e sinais químicas que bulen no interior do encéfalo. Cando o posuidor dese encéfalo decide emitir o seu pensamento, o que ocorre é que certos impulsos da actividade eléctrica se dirixen a varios músculos da cabeza e do tronco, encargados de tensar as cordas vocais, de mover os labios e a lingua, de controlar a saída de ar, etc. Eses músculos –e moitos outros– móvense grazas a esa electricidade. O resultado é a produción de ondas nas partículas do ar, ondas que levan información. Aínda que pareza mentira, nesas ondas pode viaxar parte da mente dunha persoa.

Para que esa información que se lanza ao exterior teña sentido e poida ser utilizada por outras mentes, é preciso un sistema receptor que transforme de novo as vibracións do ar en sinais eléctricas dentro dun encéfalo. Salvo que exista algún problema no desenvolvemento, todos os seres humanos temos un sistema coma ese incorporado, equipamento de serie de alta definición. O aparato chámase sistema auditivo: fabrica descargas eléctricas con información que provén do exterior e envía esas descargas en dirección á cortiza cerebral. No encéfalo do receptor esa actividade eléctrica é quen de reproducir a información producida por outra mente. Marabilloso.

Ao proceso que acabo de describir se lle chama linguaxe. É unha das ferramentas máis poderosas que temos. Ningún outro ser vivo que coñezamos ten unha capacidade tan refinada de comunicación entre mentes. Distintas comunidades humanas utilizan distintos códigos para pór en marcha este sistema: eses códigos son as linguas, un elemento esencial da natureza humana, un elemento esencial da cultura humana. Unha das maiores riquezas que podemos atesourar; útil, enriquecedora, poderosa, gratis, ao alcance de todos,… máxica. Buscarlle inconvenientes a algo así e como petar coa cabeza contra un penedo.