Libros que me gustan, Vol. I
Recomendar libros é un deporte moi recomendábel, sobre todo para a cabeza; debería de practicarse máis. Así que vou comentar algúns, sobre ciencia, para que o vicio comece a empapar esta sección. Acabo de meterme na miña biblioteca a escoller tres libros, así sen darlle moitas voltas. Un é medianamente recente, outro é un clásico do século pasado, e finalmente unha marabillosa obra de divulgación de 1877.
Javier Sampedro é un dos mellores xornalistas e divulgadores de ciencia que hai en España. Ten a vantaxe –grande– de que antes foi científico –dos bos–, así que sabe do que fala –normalmente. Sabe do que fala cando escribe sobre xenes e bioloxía, xa que ese foi o seu campo de traballo cando vestía de branco. Hai uns anos decidiu poñer un pouco de calma no turbulento mundo dos xenes e da evolución, e escribiu unha obra que é unha porta práctica, simple, directa e convincente para todos aqueles que queiran entrar e mirar como está o panorama do coñecemento neste campo da ciencia que tan directamente nos toca: “Deconstruyendo a Darwin”. Un menú moderno, un bo aperitivo.
Cambiemos de prato. Os clásicos, en ciencia, teñen un problema, e é que case ninguén os le, porque existe a convicción de que ao tratarse de ciencia as obras actuais van substituíndo ás antigas e estas últimas xa non é preciso nin miralas. Claro que existe unha renovación constante mais, como xa suxerín noutro momento, hai ideas que non son tan doadas de substituír. Se aínda por riba resulta que a obra é un polémico e maltratado percorrido histórico-filosófico sobre o funcionamento da ciencia, o pobre libro pode acabar facilmente ignorado. Thomas S. Kuhn escribiu a mediados do século pasado unha obra esencial para calquera científico, “A estrutura das revolucións científicas”. Con todo, coñezo a escasísimos científicos –e non científicos– que teñan lido a obra –incluso que a coñezan– e, por iso, os que falan dela, facendo un refrito sobre a base de referencias imprecisas, meten o zoco estrepitosamente. Se queres afondar no devir histórico da ciencia, podes comezar por este libro.
Imos ir algo máis lonxe. En 1877 Thomas H. Huxley escribiu un excelente libro de divulgación titulado “Physiography. An introdution to the study of Nature” (Fisiografía. Unha introdución ao estudo da natureza). Desgraciadamente pouco coñecido e pouco traducido. Resulta en certo modo desacougante que hoxe en día se estean a editar non poucos libros de divulgación de ciencia certamente mediocres, repetitivos e repletos de erros, cando hai obras brillantes agachadas nos andeis ás que non hai maneira de que se lle vexa a luz. A estratexia docente utilizada por Huxley neste libro é moi avanzada e, salvo algúns pequenos detalles, pode lerse perfectamente como unha obra adaptada ao coñecemento actual. A versión orixinal en inglés é relativamente fácil de encontrar, e tamén hai unha tradución-adaptación ao francés (“Physiographie”). Se podes ler nalgún deses idiomas, adiante! Seguro que te sorprende a ciencia popular que escribía o habilidoso Huxley.
Podes encontrar calquera dos libros comentados en abebooks.com


RSS
