culturagalega
consello da cultura galega

Vladimir Vernadsky, Gaia e a Coca-Cola

Publicado o 15 Jul 2009

adn_021Pasear polos cantís altos e brancos que hai preto da cidade inglesa de Dover é como andar a lombos dun xigante durmido. Esas inmensas paredes de rocha están formadas pola acumulación, no fondo dun antigo mar, de restos calcarios de organismos microscópicos. Son, literalmente, montañas construídas pola vida ao longo de millóns de anos. O propio ar que respiramos é, tamén, produto da actividade da vida que, a través da fotosíntese, encheu e enche a atmosfera de osíxeno.

Agora sabemos que o planeta Terra é un xigante, mais moi esperto. A cortiza terrestre non é a superficie pasiva á que se agarran as plantas e pola que corren os animais, senón que fai parte do propio ciclo da vida, e está en grande medida construída e modelada polos seres vivos. O mesmo ocorre coa auga dos océanos e os gases da atmosfera: son parte da vida. Esta concepción do super-organismo Terra é parte común da ortodoxia científica actual, mais a evolución da idea non foi doada, xa que durante moito tempo a maioría dos científicos consideraron que a atmosfera, os océanos e a superficie terrestre formaban un escenario fixo e independente onde se representaba o drama da vida.

A idea non é nova. Un pensador transversal, Jacques Grinevald, sintetiza a evolución e importancia deste concepto dicindo que “o sistema natural do planeta Terra, chamado Natureza por Humboldt, Biosfera por Vernadsky, Gaia por Lovelock e ecosfera por outros, é un concepto fundamental para a busca relixiosa, filosófica e científica dunha resposta á cuestión de que é a vida?”. Vladimir Ivanovich Vernadsky (1863-1945) foi un gran científico ucraíno, tristemente ignorado por occidente, que desenvolveu na súa obra “A Biosfera” (1926) a idea de que “a vida non é un fenómeno externo ou accidental da cortiza terrestre. Está intimamente unida á estrutura da cortiza, fai parte dos seus mecanismos e realiza funcións esenciais para a existencia deses mecanismos”. Remata Vernadsky o seu libro dicindo que “a vida forma unha unidade, indivisíbel e indisoluble, no que todas as partes están interconectadas entre si e co medio inerte da biosfera. No futuro este concepto estará, sen dúbida, apoiado sobre unha base precisa e cuantitativa”.

As ideas esenciais de Vernadsky son practicamente idénticas ás desenvolvidas a comezos dos anos 70 do século pasado por James Lovelock e Lynn Margulis, que chamaron “hipótese Gaia”. Calquera historiador podería concluír facilmente que estes dous autores retomaron as ideas do ucraíno, ás que aportaron esa base “precisa e cuantitativa” que lle faltaba. Certo que lle deron esa base, mais sen sabelo.

Aínda que pareza mentira, Lovelock e Margulis descoñecían por completo a obra de Vernadsky cando propuxeron a hipótese Gaia. Aínda que siga parecendo mentira, o libro “A Biosfera”, que fora publicado en ruso en 1926, foi editado por primeira vez en Inglés en… 1997! Son cousas que pasan.
Ler o libro de Vernadsky é algo así como encontrar nunha tumba exipcia a fórmula da Coca-Cola. Vaite ti a saber cantas ideas novas -ou non tan novas-, interesantes e revolucionarias están agora mesmo a bulir por aí adiante, e nós sen decatarnos, ou facendo que non nos decatamos porque aínda non temos a cabeza preparada para recibilas.